Adiantámosvos a información da Interprovincial, que organizada polos nosos amigos da SDT, celebrarase este ano os días 22 e 23 de xullo.
Como sempre, a idea é viaxar en coches particulares na véspera, o venres 21, cara a Unquera, onde temos reservadas algunhas prazas nun hostal. En Unquera será a concentración e almorzo o sábado 22 ben cedo.
As rutas deste ano percorren a zona setentrional do macizo Oriental dos Picos de Europa, polas altas serras de Cabrales e Peñamellera Alta, en dous grupos, A e B, ben diferenciados.
O grupo A partirá da aldea de Mildón, na estrada Cabrales-Panes (AS-114), remontando A Rega da Tajadura ata os contrafortes da serra do Obesón, con 2000 m de desnivel positivo a facer, nun percorrido esixente que remata en Sotres, onde teñen a durmida nun albergue. O domingo, o percorrido vai de Sotres a Poncebos.
O grupo B fará os dous días rutas preto da aldea de Poo de Cabrales, con percorridos máis sinxelos, facendo base nun hotel.
O xantar do domingo será en Arenas de Cabrales. Este ano o homenaxeado será Miguel Bollada, o eterno fotógrafo da SDT.
A festividade do martes 25 de xullo permítenos estender, pola nosa conta, dous días máis esta aventura. Temos reservadas prazas para a noite do domingo e do luns no albergue de Sotres, e faremos rutas pola zona, que aínda temos por concretar.
Sempre a través do noso Club, e con prazas moi limitadas,a lista para anotarse á INTER ábrese o vindeiro martes 27/06. Tedes que indicar o grupo que escolledes (A ou B), e se quedades ata o martes ou volvedes o domingo a casa. Indicade tamén a dispoñibilidade de levar o voso coche.
Deixámosvos o enlace ao folleto oficial da INTER, onde explica todo o programa.
Para máis información, prezos e alternativas, chamade ao Club.