O pasado venres 15 de abril o diario Faro de Vigo publicaba a case toda páxina un artigo sobre o descubrimento dun petróglifo no Concello de Covelo. No seu subtítulo descubrimos un nome coñecido do noso club. O noso socio Julio Eiroa foi o que deu luz a este gravado rupestre descoñecido ata estes días Puidemos charlar con Julio interesados polo achado e que nos comentase en primeira persoa as súas impresións.
Julio nos conta que se atopaba no lugar do Monte Mancelo na parroquia de San Salvador de Prado en Covelo, onde el tamén reside. Este monte está na bacía alta do río Tea, facendo de unión entre a serra do Suído e o Faro de Avión que tan ben coñece o noso socio. Alí, onde xa descansan 3 mámoas rexistradas por Patrimonio foi onde detectou Julio unha laxe nunha posición non natural.
Conta Julio que alí existe un afloramento rochoso de xisto que percorre as serras do Suído e Faro de Avión de norte a sur e que afloran encartados á superficie como aletas dos escualos. Por esa razón foi tan rechamante aquela lousa pousada xusto na cota deste monte. Deuse conta que unhas cazoletas estaban labradas sobre a lousa pero cubertas con musgo e terra que escondían a ras da pedra estes buracos prehistóricos.
Apenas levantando un pouco a vexetación descubriu que non eran poucas cazoletas, senón mais dunha ducia. Días despois Julio volveo ao lugar con mellor luz e coa certeza de que nese emprazamento non existe rexistro algún de patrimonio tras realizar as pertinentes consultas e investigacións. Nesta segunda visita descubriu que as cazoletas eran mais de 30, algunhas tan grandes que entraba un puño pechado e que tamén se intuían algunhas liñas e trazos. Estaba xa seguro de que estaba ante un achado especial. “Petróglifos en rocha de xisto non son únicos, pero tampouco comúns” nos di Julio, mirando ao solpor nunha rocha de 1,80 m x 1,50 m.
Pero Julio nos dixo que están en perigo. En perigo porque no lugar está planificado un parque eólico de 3 aeroxeradores de última xeración. De feito, no lugar está colocada unha antena anemométrica a apenas 100 m do gravado, e 1 dos aeroxeradores está proxectado a 100 m tamén. ¿Como pode ser isto?, lle preguntamos a Julio. Ó noso socio se encolle de ombreiros dicindo que o proxecto non recolle o petróglifo incluso tras a pertinente prospección e estudo arqueolóxico que é de obriga realizar para a solicitude de autorización. “De seguro que de terse inventariado, o deseño do parque tería que mudar considerablemente para salvar a protección que teñen estes Bens de Interese Cultural de 200 m ao redor”. Por esta razón Julio o fixo público e levantou rexistro de solicitude como Ben de Interese Cultural (B.I.C) ante a Consellería de Cultura e Turismo de modo que agarda que sexa pronto inventariado e protexido có nome de Petróglifo do Coto Mancelo, así nomeado por Julio na honra do monte no que está situado. Tamén nos comentou que o presidente da Comunidade de Montes está moi contento polo achado e ten toda a intención de preservar este patrimonio. Tamén nos constan as felicitacións recibidas por Julio dende a veciñanza que agarda que o lugar se preserve e que eses 3 aeroxeradores non se executen, xa que están situados moi preto das súas casas.
Julio nos transmite que pronto estarán a disposición de todos as alegacións ao Parque Eólico de Mancelo e que nelas estará a súa aportación e proba do achado, xunto con outras problemáticas asociadas ao patrimonio natural que van ser gravemente perturbadas se este proxecto industrial se leva a cabo e o terreo comunal mude a terreo industrial.
Dende o club queremos felicitar tamén a Julio pola súa labor e o compromiso co medio ambiente pero tamén có patrimonio cultural que é de todos. Para nós é un pracer contar con socios coma Julio que, como dicía Patricia Quintas, «fai montaña con ollada de científico».
Ademáis agradecemos a Julio que nos cedera fotografías que son inéditas aínda, coma esta fermosura que vos deixamos aquí. Podedes ver máis do traballo de Julio Eiroa na súa páxina web.
Cristina Fernández, vogal de Medio Ambiente.