“Pobos probes ardidos de tristura, mouros de queimados”
– Uxío Novoneyra, Os eidos (1955)
Antes de comezar, gustaríame informarvos de que este texto non está tan referenciado e ben organizado como adoitamos facer nesta vogalía, non é un artigo de divulgación científica, é un artigo de opinión onde se amosa a impotencia que todos levamos dentro este días.
Non levamos nin un mes de estío e xa arderon mais de 19000 hectáreas do noso monte.
O xoves pasado comezaban diversos focos de lume nas provincias de Ourense e Lugo, provocadas pola gran tormenta eléctrica rexistrada1. Tres días máis tarde, o domingo, as fortes rachas de vento cambiante complicaron os labores de extinción permitindo que o lume se achegase ás casas. Veciños de Valdeorras, A Pobra do Brollón e distintas parroquias do Courel foron chamados a abandonar as súas vivendas aínda sen escoitar medios aéreos de extinción. O desacougo de marchar sabendo que non se está facendo todo o posible xerou un sentimento de impotencia que fixo voltar a moita xente para poñerse coas súas propias mans a controlar o lume.
É curioso como a maioría parte dos informativos (Antena 3, La Voz de Galicia, por exemplo) manifestan que a Xunta despregou un gran dispositivo de loita contra o lume formado por avións, helicópteros, motobombas e bombeiros que traballan sen descando. Alfonso Rueda aseguraba nunha declaración que «Están trabajando todos los efectivos disponibles”, dato no que confío. Pero máis curioso aínda é pensar por qué se esperou ata o domingo para despregar tal cantidade de medios e se realmente tódolos efectivos dispoñibles son os realmente necesarios tras unha vágoa de calor con risco de tormenta eléctrica ou se existe a posibilidade de que tódolos medios dispoñibles non sexan suficientes en materia de prevención e extinción de incendios.
Ademais, a día de hoxe, o presidente da comunidade tamén informou que, tras desaloxar 30 núcleos de poboación con máis de 500 persoas evacuadas na provincia de Lugo e outros 250 en Ourense, “a prioridade é controlar os incendios” asegurando tamén que “evaluaranse os danos e veranse as axudas que sexan necesarias”. Eu, tras escoitar os testemuños de veciños do Courel que aseguraban non escoitar medios aéreos ata ben avanzado o lume creo que a mellor axuda é un bo plan de prevención.
PLADIGA, a intención parece que existe
O PLADIGA deste ano2 (Plan de Prevención y Defensa Contra los Incendios Forestales de Galicia) tiña como obxectivo que arderán menos de 16000 hectáreas no ano, e xa imos mal… Na memoria de 2022 existen actuacións de prevención que inclúen videocámaras, drons e un programa de sensibilización ambiental e de actuación contra o lume especialmente dirixido ás 30 localidades consideradas de risco extremo de incendio, onde estaban previstas 35 charlas formativas que tamén chegan tarde.
Ademais, o plan contempla tamén non superar a situación 2 (na que se poñen en perigo aldeas) en máis de 8 unidades, xa levamos 4 como vedes na Figura 1. Tamén se pretendía reducir o tempo de reacción ante incendio en 20 min e non sobrepasar as 4h e 17 min para considerar o incendio extinguido. Eu penso que xa que nos poñemos tan precisos co tempo de actuación habería que colaborar con meteorólogos para poñernos precisos tamén en materia de temperaturas e tormentas.
Figura 1. Focos de lume en Galiza. Ubicación e superficie queimada de cada un dos focos
ás 19.15 horas do 19 de Xullo. O tamaño do círculo é proporcional ás hectáreas queimadas. Sndo o máis grande o de Valdeorras con 7500 hectáreas queimadas ata agora3.
Estamos xa falando dos incendios de sexta xeración, así denominados aqueles onde arden 500 hectáreas ou máis de forma explosiva e extrema propagándose a gran velocidade. Estes son cada vez máis abundantes en España aínda que, polo de agora, só supoñen un 0,19 % do total de lumes. Non obstante, neste tipo de incendios arde máis do 35% da superficie total afectada, un valor bastante significativo. Trátase de un fenómeno claramente vinculado ao cambio climático, con condicións meteorolóxicas cambiantes e que provoca tormentas de lume.
Onte, a RTVE reportaba que o lume xa superaba as 13.500 hectáreas, mais do triplo que fai 48 horas según as estimacións provisionais da Consellería de Medio Rural. Isto quere dicir que o lume se propaga aproximadamente a 94 hectáreas por hora. 940000 m2 por hora é a taxa de desaparición dos pulmóns verdes da Galiza, sen dúbida pódense clasificar coma incendios de sexta xeración.
E só como dato, na seguinte imaxe (Figura 2) amósase unha estimación da porcentaxe de anos nos que a temperatura dos meses de estío será rexistrada como máxima entre 2046 e 2065. É dicir, o número de vagas de calor non deixará de aumentar en todo o planeta se non se pon freo a queima de combustibles fósiles e a deforestación.
Figura 2. porcentaxe de anos nos que a temperatura dos meses de estío será rexistrada como máxima entre 2046 e 2065. Diffenbaugh and Field 20134.
Actuacións
Mentras tanto seguimos esperando por unha lei xusta de prevención e loita integral contra incendios que contaba ser aprobada neste 2022. Pregúntome se se modificará o borrador… quizáis os “paisaxes cortalumes” que propoñen son todas esas pista polas que subirán as aspas de eólicos aos montes.
O que sí é certo é que precísase un cambio de paisaxe (do que xa falamos e falaremos mais noutra ocasión) para paliar a expansión dos incendios forestais ano tras ano, xa non só na época de estío senon durante todo ano xa que cada vez son menos estacionais.
Según un informe de World Wildlife Fund, Galiza concentra o 29% dos incendios de España sendo a comunidade autónoma máis afectada. Parece que as actuacións para unha transición de paisaxe estanse intentado levar a cabo. A moratoria ao eucalipto recoñece o problema que acontece á comunidade e a nova lei de recuperación de terras agrarias tamén parece ir en contra do abandono dos montes, actuación que pode beneficiar moito a prevención de lume ademais de frear o despoboamento xeneralizado do rural galego.
A cuestión aquí e se todas esas medidas ben intencionadas se levarán a cabo en tempo e forma. Só nestes días xa levamos queimados un terzo da área protexida do Courel6, un terzo de ese remanso de biodiversidade do que faláramos neste artigo.
Ánimo e forza a tódolos veciños.
Cristina Fernández González, vogal de Medio Ambiente.
Referencias e bibliografía
1Web de rexistro de tormentas eléctricas
2Memoria PLADIGA https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/defensa-monte/pladiga-2022
4Diffenbaugh and Field 2013 https://www.science.org/doi/epdf/10.1126/science.1237123
5Informe de WWF https://www.wwf.es/?57700/Informe-sobre-incendios-forestales-2021-Paisajes-Cortafuegos
Mais enlaces consultados