Comenzamola ruta dende o parque infantil de Paraños. Seguindo o camiño, moi ben sinalizado, adentrámonos axiña no territorio boscoso e húmido entorno aos muíños do río Xabriña. Entre os asistentes acompáñanos un amigo ben coñecido do club, Julio Eiroa. Trevinco, biólogo, fotógrafo e técnico de montaña e como non, covelense. Ascendendo a carón do rio, chegamos ata o pozo do demo onde nos agardaba unha patrulla de axentes de medioambiente, que nos falaron dos perigos da fauna exótica que chegan como mascotas e acaban no monte.
En mente, unha senda botánica interpretada, e pronto tivemos diante nosa unha selva. Os nenos e país disfrutamos coas explicacións de Júlio que soubo, coma ninguén, trasladarnos a un tempo pasado, onde o clima era ben distinto, caloroso e húmido, e verdecía unha vexetación característica de follas cerosas dun intenso verde escurecido, mucronadas, algunhas espiñentas, da laurisilva. Coma en toda selva, non faltaban as lianas(hedras) das que imaxinamos primates colgados a ulular no bosque. Sentimos na pel a humidade propia dun bosque de ribeira que crea un microclima propio e favorece as especies da laurisilva.
Tras comer á beira do río, continuamos a ruta. Cambiamos de escenario ao chegar a un souto. Exposición a solleiro , rubindo pola aba do monte, as condicións de temperatura e humidade cambiaron, ocasión que aproveitou Julio para falarnos da riqueza biolóxica tan diferente segundo o ambiente.
Chegados á cota máis alta comenzámolo descenso pola outra banda do río. Inda nos pararíamos a escoitar atentamente os paxaros. O descenso non desmereceu ao ascenso. Entre loureiros, acibros, rascacús, pereiras bravas, amieiros e salgueiros, bidueiros e avelairas, fentos, musgos e hepáticas, anémonas e narcisos, herbas das escaldadelas e saxifragas, carex e calthas…
Desfrutamos, porque Julio nos trasmitiu, nos amosou, nos guiou hacia unha verdade simple e a o mesmo tempo complexa, e con ela puidemos ver unha beleza que un só non alcanza a comprender.
Coa sensación no corpo de quen fai unha viaxe que non quere acabar, trasladados a outro lugar, a outro tempo, fómonos achegando ao final da nosa ruta.
Temos ganas de voltar; de seguro atoparemos unha excusa para reencontrarnos con Julio noutro lugar fermoso de Covelo.
Gracias Julio.
Máis fotos aquí