Actividades dos Infantís, Fotos

Ruta das minas de Brués 26 marzo

Unha nutrida e ben disposta sección infantil comezamos a xornada coa charla habitual onde explicamos o desenrolo da actividade. Unha mañá de domingo de primavera que comezou fresca e rematou calorosa.

     

Comezada a andaina metémonos axiña nos bosques de carballos, moi abundantes na zona e nun estado de conservación excepcional, que nos fixeron desfrutar dunha natureza exuberante, acompañados toda xornada polo rebulir dos paxaros propio da estación.

     

A senda constaba de dous ambientes ben diferenciados, o dos bosques caducifolios de carballos e o dos bosques galería ripícola. Para elo alternamos no roteiro parte do camiño real que conducía as mercadorías dende o ribeiro ata as terras de picheleiros e pontevedreses e as sirgas de pescadores que serpentean a carón do río Viñao. Río tributario do Arenteiro que nace nos montes Testeiros e que foi maltratado nos seus días ao desviar o seu leito para facelo desembocar no embalse de Albarellos.

    

Percorrendo as terras dos Ulloa descubrimos como se artellaba o territorio co camiño real e as pontes de portádego. Un roteiro que nos seus sube e baixa fixeron ledicia en cativos e maiores.

                      

Agardábanos no camiño unha sorpresa máis, as minas de arsénico e ouro de Brués; percorremos a fronte de explotación para descubrir as numerosas bocaminas que a compoñen.

         

Dende a cota máis alta do noso percorrido, dispuxémonos para o regreso ao punto de inicio completando este roteiro circular. A contorna deixounos a agradable sensación de querer descubrir máis desta zona.

 Volveremos.

Máis fotos aquí

Regresar a la lista