Actividades dos Infantís, Fotos

REGO MANESES- PARQUE ARQUEOLÓXICO DE ARTE RUPESTRE DE CAMPO LAMEIRO

Comezamos o ano con esta preciosa ruta que transita pola Prg-230 que ascende polo rego Maneses e se entrelaza coa  Gr-94, ata o parque arqueolóxico de Campo lameiro. A mañán era fría e ameazaba choiva. O lugar de inicio desta ruta foi a área recreativa de Lodeiro, onde conflúe o rego Maneses co río Lérez.

A humidade da noite fixo que parecera que buceabamos nun mar de néboa. Logo de comentar a actividade que iamos realizar, puxémonos en marcha ascendendo por este río fariñeiro ateigado de muíños de canle en bo estado de conservación, así como as pontes e pontellas que no pasado facilitaban os trafegos.

 

Acollidos por un bosque de ribeira con abundante presenza de amieiros, salgueiros, loureiros, carballos, fentos reais, silvardeiras… sorteamos entre levadas de muíños e sendeiros, as augas libres das abondosas choivas dos últimos días.

Territorio ocupado dende tempos remotos, flanquean o rego Maneses dous castros, desapercibidos para o camiñante: Os Castros e Praderei.  Abandonamos as marxes do río e  nos diriximos atravesando un camiño forestal no Monte Paradela cara ao Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre onde nos agardaba a nosa guía arqueóloga que nos amosaría os segredos que agocha esta área, unha das de maior concentración de petróglifos de Europa. Visita obrigada ao conxunto galaico por singular e abondoso.

       

Puidemos comer nas instalacións do parque, ben acondicionadas para as visitas dos nenos dos coles. Repostas as enerxías afrontamos a parte final da nosa actividade, o descenso cara os territorios do Lérez. Seguindo o camiño forestal fomos perdendo cota ata chegar aos campos e prados mesturados con viñas e froiteiras mais preto das casas.

 

Logo de atravesar o lugar de Praderei volvémonos meter no monte por unha espectacular congostra, camiño de carros estreito e profundo, empedrado, que transita polos cómaros e que nos amosan a dirección aos muíños. Preto estabamos xa deses muíños do Lérez dos que se albiscaban as aceñas dende o alto.

Atopámonos co río Lérez e o atronador ruxe das augas leváronnos ata o refuxio de pesca de a Betarra onde rematamos a nosa andaina.

 

Fotos aquí