Sección de Medioambiente

RED NATURA 2000 + NOVO LOGO

A Rede Natura 2000 é una rede europea de espazos naturais protexidos creada para a conservación da biodiversidade. España é o país europeo que máis territorio aporta a esta rede. Pero, a pesar de que 4 de cada 5 persoas vivimos preto dun destes espazos, a maioría de nós descoñece esta clasificación e o obxectivo que persegue. Só en Galiza temos zonas tan importantes como a Baixa Limia, a Ribeira Sacra, O Courel, áreas do Baixo Miño e Carnota.

Os plans de xestión que regulan estes espazos son densos e complexos, porque teñen en conta as características concretas de cada un dos ecosistemas pero precisamente este punto é un dos mellores aliados para evitar a perda de hábitats.

O feito de que as actividades humanas non estean demasiado restrinxidas dentro destas áreas obríganos a buscar un equilibrio entre o desenvolvemento rural e a preservación do ecosistema a longo prazo. Un obxectivo totalmente necesario.
Sen embargo, actividades tan intrusivas coma a implantación de mega parques eólicos están permitidas dentro desta categoría. 

Desde aquí loitamos para que os plans de avaliación ambiental aos que se deben someter estes macroproxectos sexan moi exhaustivos, a fin de impedir a fragmentación dos ecosistemas nos que se emprazan. 

A natureza apórtanos saúde e beneficios directos ao noso desenvolvemento, debemos facer ver que un equilibrio entre a especie humana e o seu ambiente é tan necesario coma posíbel.

Aproveitamos tamén para presentar o logo da Sección de Medioambiente. A intención na súa creación foi manter a esencia do club e á vez mostrar os elementos esenciais que conforman calquera ecosistema: luz, sustrato e auga.


¡Este foi o resultado, esperamos que sexa do voso agrado!