PREMIO GALICIA Á XESTIÓN SOSTIBLE NO DEPORTE 2020
(AGAXEDE)
Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia
O pasado 19 de outubro, nun acto celebrado no concello de Arteixo, o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia recibía o premio á Xestión Sostible no Deporte 2020.
A Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE) tras a reunión do xurado o 28 de setembro de 2021, así nolo comunicou. Este premio revaloriza todo o traballo que no eido deportivo, e de maneira altruísta, foi desenvolvendo a nosa entidade durante máis de 75 anos. Tamén se fixo constar, e así o resaltaron, o labor que nos últimos tempos se vén levando a cabo relacionado co medioambiente e a súa defensa.
Este galardón ten un gran significado para o club e para os seus socios, máxime tendo en conta que o xurado estaba composto por entidades tan significativas como a Secretaría Xeral para o Deporte, a Fegamp, a prensa deportiva, a Ufedega, as Facultades de Ciencias do Deporte de A Coruña e de Vigo e o Colef-Galicia.
Nun acto entrañable e co auditorio cheo de autoridades do mundo do deporte, da empresa e deportistas, recibimos este recoñecemento de man de Alfonso Mandado, director da Área de Deportes da UVigo e persoa dunha longuísima traxectoria, tanto deportiva como de representación no mundo do deporte a nivel nacional.
Xunto co noso club, tamén foron premiados nesta XI edición, polo seu traballo a prol do deporte e da sociedade, as seguintes entidades e persoas: Fundación Deporte Galego, da Xunta de Galicia, o Concello de Baiona, Abanca, a Fundación Emalcsa, a carreira S. Martiño de Ourense, Global Traktus e Juan Antonio Muñiz Barbeito e Francisco García Bello (recoñecementos especiais a toda unha traxectoria no mundo do deporte). Como mellor xestor deportivo foi nomeado Roberto Ramos Piñeiro (socio fundador e CEO do Grupo BeOne).
Foi un enorme orgullo poder representarvos a todos vós, socios e socias, e tiven ocasión tamén, nunhas breves palabras dirixidas ao público, de lembrar o espírito co que nacía o noso club, en 1944: fomentar o asociacionismo naturalista e deportivo. Unha pretensión que, entre tantas persoas que pasaron por esta asociación, fixemos realidade.
Seguiremos traballando por iso e mais pola defensa do medioambiente, unha necesidade imperiosa hoxe en día.
PARABÉNS A TODOS E A TODAS POR ESTE GALARDÓN.
Carlos Garrido Costas.
Ver imaxes AQUÍ