Son moitas as dúbidas que os cidadáns temos en materias tan importantes e transcendentais como o clima e todo o que pode derivarse en torno a el, se ben é certo que nos últimos anos nos imos acostumando a escoitar falar do efecto invernadoiro, o quecemento dos océanos, as secas, a perda da biodiversidade, a desaparición dos glaciares ou o cambio climático. Daquela, raro é o noticieiro que non conteña información climática ou non fale dos terribles “efectos colaterais” debidos ao revolto que anda o tempo.
Logo, sendo así, e independentemente do interese que nos produzan estas noticias, calquera que viva máis ou menos “conectado” á realidade actual escoita falar acotío destas novas. Outra cousa, que queda para máis adiante, é o grao de implicación ou concienciación que producen en nós estas informacións ou se percibimos, ou non, algún cambio no comportamento da sociedade en xeral.
Con todo, estamos correndo o risco de que ao formar parte estas noticias da nosa vida cotiá nos leve a unha situación de normalidade cando non o é. O noso inconsciente, que traballa todo o día e toda a noite sen dármonos conta, fainos levar estas cuestións a unha especie de curruncho ou sobrado das nosas cousas. Para o noso cerebro, pouco a pouco, vai “chovendo sobre mollado”. E quedan aí, por se acaso un día toca falar delas co cuñado de turno, non vaia ser que saiba máis ca nós. Porque, pensándoo ben… de verdade estamos concienciados?
Supoñendo que é certo que a sociedade en xeral non está aínda concienciada, ¿que podemos dicir respecto aos poderes públicos ou ás grandes corporacións? Para tratar de atopar esta resposta temos que volver ao rego da pregunta que encabeza este escrito: Por que non fixeron nada?. Comezarei dicindo que esta pregunta a formula Naomi Oreskes nun magnífico traballo seu, recollido nas páxinas da obra”O LIBRO DO CLIMA” da activista medioambiental Greta Thunberg, editado en novembro de 2022.
Naomi Oreskes é Historiadora da Ciencia pola Universidade de Harvard e recoñecida especialista en asuntos sobre quecemento global. Traballou como asesora para a Axencia de Protección Ambiental e para Academia Nacional de Ciencias de Estados Unidos, e tamén ensinou nas universidades de Dartmouth, Harvard e Nova York. Así mesmo, é autora ou coautora de certo número de ensaios e informes técnicos en xeoloxía económica e historia da ciencia así como autora de media ducia de libros sobre estas materias.
Naomi Oreskes na segunda edición da conferencia europea de avaliación tecnolóxica. Fonte: Wikipedia
Transcribo aquí parte dese traballo:
“Cando os historiadores do futuro se pregunten por que a xente non actuou para frear a crise climática se había décadas que sabían dela, atoparán unha boa parte da resposta na historia da negación e escurantismo da industria dos combustibles fósiles, e as formas en que as persoas con poder e privilexios se negaron a recoñecer que o cambio climático era un síntoma dun sistema económico que xa non servía. Científicos, xornalistas e activistas documentaron como a industria dos combustibles fósiles ten difundido desinformación de moitas maneiras a fin de evitar que se actuase respecto diso. Boa parte dos seus traballos centráronse no coloso do sector ExxonMobil. Nas décadas de 1970 e 1980 os propios científicos da Exxon informáronlles da ameaza de cambio climático causado polos seus produtos. Pero desde 1990 a empresa alentou unha mensaxe de gran incerteza científica e insistiu en que tomar medidas resultaba prematuro e quizais innecesario.”…
“Mediante anuncios, campañas de relacións públicas, informes encargados a “expertos mercenarios” etc., o complexo de combustión de carbono fomentou de forma deliberada a confusión sobre a crise climática. Moitas das estratexias e tácticas copiáronse directamente da industria tabaqueira, como seleccionar de forma interesada e terxiversar probas científicas, promover a científicos atípicos para dar a impresión de que había debate científico cando non era así, financiar investigacións destinadas a desviar a atención das causas principais do cambio climático, poñer en dúbida a credibilidade dos científicos expertos no clima ou promover a idea falsa de que a industria dos combustibles fósiles apoiaba a “ciencia sólida”, en lugar de protexer os seus propios intereses.”
E, xa por non estendernos demasiado no artigo de Naomi Oreskes, vou engadir isto último por se aínda queda algunha dúbida ao respecto deste comportamento, dada a súa relevancia para unha resposta posible á pregunta inicial:
“En 2006, a británica Royal Society –Unha das máis antigas e venerables sociedades de excelencia científica- identificou trinta e nove organizacións financiadas por ExxonMobil que negaban ou terxiversaban os avances da ciencia do clima1.
Greta Thunberg dá no cravo con esta conclusión:
«Ao fin e ao cabo estamos na era da comunicación, na que o que se di logra ter máis peso que o que se fai”
Isto, levado á practica, é moi grave. Pensemos por un momento en cantas opinións e feitos están hoxe en día amparados en mentiras (mentiras globais!!) tanto pola súa “magnitude conceptual”, como pola difusión que ten en todos os lugares a onde chegan.
Aínda hai máis; sinalando de xeito moi atinado, na mesma dirección, cómpre destacar neste mesmo traballo unhas palabras que recolle a autora pronunciadas polo Papa Francisco:
“Os produtos tecnolóxicos non son neutros, porque crean un marco que termina por condicionar os estilos de vida e determina as posibilidades sociais segundo os intereses de certos grupos poderosos.”
Pois ben, se aceptamos que isto é así e xa que temos aos culpables, e ata o Papa está de acordo, chegou o momento de botar balóns fóra e pensar que o problema está en vías de solucións. Vamos!! que algo terán que facer para que poidamos seguir vivindo tranquilamente nun mundo confortable, non? E… vai ser así?.
A verdade, eu non sei se por influencia paterno-relixiosa ou debido ao réxime que nos tocou vivir no transcurso da nosa educación, teño (temos) certa tendencia a pensar que “os de arriba” son os que teñen o deber e o poder (divino ou non) de solucionar as cousas. Quizais esa sexa a nosa meirande debilidade, como consecuencia de dúas razóns: a primeira é porque certamente nos educaron así para que teñamos ese comportamento e non dar moito a lata. A segunda, porque a nós nos convén pensar así para non ter que facer nada e que “pringuen os de arriba” que para iso están. Nesta especie de “simbiose absurda” ou alucinación mental andamos cando a realidade das conquistas sociais é moi distinta xa que o fluxo que vén funcionando ao longo da historia vai xusto en sentido contrario e, normalmente, son “os de abaixo” os que, polo menos, provocan as solucións cando se mobilizan e promoven con esa acción as solucións dos problemas. E agora estamos ante un problema moi pero que moi grande; vexamos:
“Hai cuestións que non admiten medias tintas. Claro que hai límites planetarios e sociais que non deben traspasarse. Por exemplo, dicimos que as nosas sociedades poden ser un pouco máis ou menos sostibles. Pero á larga no se pode ser “un pouco sostible”: ou se é sostible ou non. É como camiñar sobre unha capa fina de xeo: ou soporta o teu peso, ou non. Ou ben chegas á beira, ou ben te afundes.”…. creo sinceramente que o único modo de evitar as consecuencias máis catastróficas desta crise existencial emerxente pasa pola formación dunha masa crítica de persoas que esixan os cambios necesarios. Para que iso ocorra temos que xeneralizar con présa a toma de conciencia, porque o público medio carece aínda de gran parte dos coñecementos básicos necesarios para comprender a grave situación na que nos atopamos…. A suma das consecuencias climáticas da Revolución Industrial nin sequera está pechada, e a factura está por vir”2.
A ciencia é quen, unha vez máis como en centos de ocasións ao longo da historia, pode sacarnos deste problema de catastróficas consecuencias. Pero precisa da implicación da sociedade. As científicas e científicos xa traballan nesa dirección pero os cidadáns temos que ser os seus aliados, forzar un cambio de rumbo e entender xa dunha vez algo moi importante: cada persoa ten dereito a opinar, pero elas e eles non ofrecen opinións cara aos medios nin ás redes sociais. FAN DIAGNÓSTICOS. E estes están fundamentados e son moi preocupantes. Nalgúns casos levan cincuenta anos estudando o problema. ESCOITÉMOLOS!!!.
Chegados aquí… que por que non fixeron nada?….Pois, pensémolo, e o mesmo cada un de nós atopa outra resposta.
Das dúbidas saen os enfoques e da discrepancia poden saír diversas solucións pero para aqueles que adoitan negar os feitos simplemente porque si, o benquerido Quino, creador da “filósofa” máis influínte da nosa xuventude, Mafalda, deixoulles antes de finar en setembro de 2020, esta fermosa perla:
(Ollo, díxoo Quino, eu non).
Dende o Club Peña Trevinca non temos dúbidas co que queremos facer:
Contribuir en que a divulgación dos estudos científicos leve á nosa sociedade cara a unha concienciación medioambiental de carácter global.
Carlos Garrido Costas. Coordinador do Comité da Vogalía de Medio Ambiente.
Referencias consultadas:
1(12/xaneiro/2023): Exxon impulsou, xunto a outras compañías, a creación da Global Climate Coalition, un lobby que desde os anos oitenta financiou estudos científicos que poñían en cuestión o cambio climático.
Podedes consultar máis datos sobre esta noticia nos seguintes ligazóns:
https://www.facua.org/es/noticia.php?Id=19133
A compañía de combustibles fósiles ExxonMobil tivo datos precisos de como se ía a quentar o planeta desde finais dos setenta.
2EL LIBRO DEL CLIMA. Greta Thunberg.
G. T. creou este libro, que é unha recompilación de artigos científicos e periodísticos realizados por case cen persoas de todos os lugares do mundo. Persoas de recoñecido prestixio internacional avalados gran parte deles polas mellores universidades do planeta.