Actividades Montañismo e Sendeirismo

POLA MONTAÑA PALENTINA

 

14 ao 17 de Abril

 

De Palencia e a súa provincia tense a imaxe tópica e superficial de que as súas paisaxes non son outra cousa que unhas grandes chairas esmagadas polo sol nos seus curtos veráns. Pero a provincia de Palencia non responde a esa imaxe estereotipada, nin moito menos! É unha terra variada, cunha gran alternancia de modelos de paisaxes, debidos en gran medida á súa localización xeográfica dentro da propia meseta castelá.

 

Con estes antecedentes, non nos ha de estrañar que por alí atopemos unhas paisaxes naturais de excelente calidade, polo que unha gran parte do seu territorio está declarado como Parque Natural de Fuentes Carrionas y Fuente Cobre-Montaña Palentina.

 

E, por onde imos camiñar estes días?

 

Polo Val de Tosande; onde percorreremos un dos bosques máis importantes de Castela León xa que en poucos lugares de Europa se poden atopar xuntos tal número espectacular de teixos.

 

 Ascensión ao  Espigüete; (2.450 m) sempre que teñamos as condicións meteorolóxicas que nolo permitan non deixaremos de facer este cume, considerado entre os montañeiros como un dos máis espectaculares da zona e de todo o noroeste, incluído Picos de Europa.

 

Curavacas;  (2.524 m)  outro que non queremos deixar de subir aínda que, o mesmo que anterior, entraña os seus riscos se non se toman as precaucións debidas. A meteoroloxía e o estado da neve caída  estes días serán determinantes no momento de decidir.

 

Peña Prieta; (2.539 m) Extraordinaria alternativa montañeira para adentrármonos no Parque Natural de Fuentes Carrionas e a súa espectacularidade. Cardaño de Arriba  como punto de partida, seguindo a contracorrente, o arroio de Las Lomas e disfrutar deste paraíso natural.

 

E aínda máis;  Pico Murcia, (2.351 m) a Serra do Brezo, Peña Fraile e outras alternativas para percorrer outros sendeiros nas inmediacións do encoro de Camporredondo, espello natural onde se reflexa con beleza a silueta caliza do Espigüete.

 

Excelente oportunidade de ir poñéndonos en forma para as vindeiras actividades en Picos de Europa e os Parques Naturais de Brenta e Adamello, nos Dolomitas, que visitaremos no verán.

 

Ide apuntándovos e facendo a mochila que xa queda menos!!!

Regresar a la lista