Sección de Medioambiente

¿PODEMOS CAMBIAR OS NOSOS HÁBITOS PARA REDUCIR AS EMISIÓNS DE CO2?

    O ano 2020 supuxo un cambio de estilo de vida para a maioría de habitantes do planeta, aprendemos a quedar na casa, a viaxar menos e a apreciar o que temos máis preto.


    Hai un proxecto denominado en inglés ‘Global Carbon Project1 no que, ano tras ano, colaboran científicos de todo o mundo para poñer número ao total das emisións de gases de efecto invernadoiro producidos pola queima de combustibles fósiles. A intención deste proxecto é amosar e predicir, baixo distintos escenarios, a qué nos enfrontamos nos vindeiros anos de non frear a queima de combustibles fósiles e a deforestación.

A 11 de decembro de 2020, menos dun mes para rematar o ano, publicábanse as estimacións de emisións dese ano. O dato constataba a emisión de 34 xigatoneladas (Gt) de CO2, 2.4Gt menos que no ano 2019. Esta diminución non cabe menosprezala xa que, a pesar de ser un número difícil de imaxinar na nosa cabeza, é a caída de emisións máis grande dende que se teñen rexistros, comparable á caída rexistrada durante a 2ª Guerra Mundial2.

Os períodos de corentena establecidos nos grandes emisores de gases de efecto invernadoiro (EEUU, Europa, India e China) levaron a que a mediados do ano pasado as emisión xa fosen un 17% menos que as rexistradas en 2019. No gráfico de abaixo amósanse as reducións, en valores negativos, para as distintas áreas mencionadas durante o 2020 en comparación cos tres anos anteriores.

Emisións anuais de CO2 para todo o planeta (en negro), EEUU (azul), Europa (azul escuro), India (amarelo) e para o resto do mundo (gris). Datos procedentes de Global Carbon Project e gráfico por Carbon Brief2

    E, para os curiosos, nesta magnífica animación vese como foron diminuíndo as emisións durante o ano 2020 en todas as rexións do mundo, comezando por Asia que foi a primeira en “pechar” e alcanzando o pico máximo de reducións mundiais en abril.


Animación da redución de emisións de CO2 durante o 2020. A paleta de cores amosa o porcentaxe de diminución respecto a 2019. Animación por Simon Evans3 para Carbon Brief.

    Non obstante, hai que recalcar que esta redución vén directamente relacionada cun parón da economía a nivel global; é ben certo que, tras períodos de ralentización do sector industrial, a subida posterior pode ser moi abrupta e aínda máis grande do que cabería esperar. Iso mesmo ocorreu tras o receso de 2009. No gráfico de abaixo obsérvase como a posterior subida na taxa de emisións de combustibles fósiles a comezos do 2010 foi rápida e abrupta para volver a equilibrarse posteriormente entre 2014-2016.

O 2019 desenvolveuse cun patrón de emisións plano, isto é, constante e sen aumentos respecto ao ano anterior. Para saber se tras o 2020 os principais países produtores seguirán co seu compromiso de establecer constantes as emisións de gases de efecto invernadoiro, non colaborando así co abrupto pico de emisións, a pesar da crise económica á que se enfrontan, aínda precisamos de un par de anos máis.

Emisións anuais procedentes da queima de combustibles fósiles para o periodo 1959-2020. Os datos de 2020 son preliminares posto que o número oficial aínda non se atopa calculado. Datos procedentes de Global Carbon Project1 e gráfico por Carbon Brief2.

    Se queremos unha boa noticia, un punto a ter moi en conta para saber se “o estamos facendo ben” é fixarnos non só no dato absoluto de emisións senón nas emisións per cápita. Cada vez somos máis neste planeta pero o valor das emisións total dividido entre cada un de nós durante a última década mantívose relativamente estable2. Isto quere dicir que pouco a pouco imos facendo a transición cara a fontes de enerxía distintas da queima de combustibles fósiles.

Volvendo ao tema principal, aínda que a caída de emisións nun só ano non freará o quecemento global de golpe, é unha oportunidade única para plantearnos se podemos cambiar os nosos hábitos cotiáns e facer presión política de carácter medioambiental.

Para frear o quecemento global por baixo dos 2ºC de diferencia coa época preindustrial (agora estamos 1.2ºC por encima) e mitigar os seus efectos, a comunidade científica avoga por unha redución sostida de 1-2 Gt de CO2 por ano durante os seguintes 20 ou 30 anos4. Estas accións deben levarse a cabo por compromisos políticos que obriguen aos sectores da industria que máis emiten (enerxía, industria, transporte terrestre, construción e aviación4) a innovar co uso de enerxías renovables. Aínda que estes sectores poñen de manifesto o limitado potencial que teñen as accións individuais para frear radicalmente as emisións, podemos axudar tamén individualmente cambiando parte dos nosos hábitos no día a día.

Como exemplo, algo moi evidente é a procedencia dos produtos de primeira e segunda necesidade que consumimos. No seguinte gráfico as frechas amosan a traxectoria que seguen os produtos dende onde son producidos ata onde son consumidos. Parece contraditorio que unha globalización con cantidade de beneficios estea levándonos a esquecer o produto local e a apoiar a grandes empresarios en vez de facelo cos nosos veciños.

Fluxos de CO2 en Gt dende o lugar de produción ata o lugar de consumo dos bens e servizos que se consumiron en 2011. Fonte: Peters et al. 20125.

    Neste ano, tamén se puxo de manifesto que non fai falta marchar a Costa Rica para desfrutar das praias nin a Nepal para desfrutar das montañas. Entendemos que a nosa terra e o que temos máis preto abondan para percorrer preciosas paisaxes e ter boas conversacións. Reducir ou cambiar o programa das vacacións de verán tamén serve de exemplo para contribuír a reducir a nosa pegada de carbono.

    Con todo isto, eu inclínome por seguir reducindo as emisións per cápita cada ano. Para quen teña ganas de afondar no tema, déixovos aquí o enlace dunha curiosa reflexión que fixo unha compañeira científica da UVIGO sobre a relación Coronavirus-Clima.

A vogal de medioambiente, Cristina Fernández González

    Referencias bibliográficas
1Global Carbon Project (https://www.globalcarbonproject.org/index.htm)
2Carbon Brief, Clear on Climate. Article by Robert Mcsweeney and Ayesha Tandon  (https://www.carbonbrief.org/global-carbon-project-coronavirus-causes-record-fall-in-fossil-fuel-emissions-in-2020)
3Carbon Brief, Clear on Climate. Article by Simon Evans (https://www.carbonbrief.org/daily-global-co2-emissions-cut-to-2006-levels-during-height-of-coronavirus-crisis)
4Le Queré, C., Jackson, R. B., Jones, M. W. Smith, A. J. P.,Abernethy, S., et al. (2020) Temporary reduction in daily global CO2 emissions during the COVID-19 forced confinement. Nature Climate Change 10, 647-653.
5Peters, G. P., Davis, S. J., Andrew, R. (2012) A synthesis of carbon international trade. Biogeosciences, 9, 3247-3276.