Sección de Medioambiente

Os montes e os eólicos

Eólicos nos montes de Nemiña (A Coruña). Foto de Cristina Fernández González

Como montañeiros somos consumidores de paisaxe. E en Europa, especialmente en Galicia, a paisaxe ten un forte compoñente cultural, ata o punto de que, segundo algúns autores, non existen espazos naturais carentes de interacción humana, estando os máis próximos nos montes Urais.

Por definición, a paisaxe cultural é o resultado da interacción no tempo das persoas e o medio natural, cuxa expresión é un territorio percibido e valorado polas súas calidades culturais, produto dun proceso e soporte da identidade dunha comunidade. Así pois, nós somos os responsables da nosa propia paisaxe. De toda ela.

E agora, coas modificacións derivadas do cambio de modelo enerxético, cabe reflexionar sobre a paisaxe coma elemento vivo que se atopa nun punto clave da súa evolución.

O petróleo está a esgotarse e as renovables presentan dúbidas como solución á crise enerxética

A maior demanda de enerxía a nivel mundial provocou unha subida dos prezos poñendo en risco os plans de crecemento e recuperación. O desabastecemento xa afecta a todos os sectores da economía: desde os microchips aos mobles, pasando polo vidro e o papel.

Segundo as previsións, as tensións na cadea de subministración deberían solucionarse ao longo de 2022. Pero no futuro as materias primas e materiais irán escaseando cada vez máis e as tensións no mercado poderían manterse durante meses ou anos, como tamén recoñece a Axencia Internacional da Enerxía no seu último informe1.

Ao final da COP26 de Glasgow, as dúbidas planetarias sobre o camiño a seguir ante o quecemento global están lonxe de desaparecer e, cada vez máis, ao achegarnos aos problemas derivados do extractivismo mineiro, ao uso masivo dos combustibles fósiles, así como ao uranio destinado á produción eléctrica de orixe nuclear, incluíndo a difícil (ou imposible) solución do problema do tratamento dos residuos, atopámonos con novas incógnitas2.

 “A maioría das fontes de enerxía non renovables – petróleo, carbón, gas e uranio – alcanzaron ou alcanzarán en breve o seu pico de produción”, explica Antonio Turiel, científico do Instituto de Ciencias do Mar do CSIC. “Con todo, as enerxías renovables non son a solución ao problema. Primeiro porque a súa eficiencia enerxética está sobrestimada, é dicir non producen tanta enerxía como se esperaría. Segundo porque non todos os procesos industriais se poden electrificar e terceiro porque a escaseza de minerais – sumada aos atrasos na cadea de subministración – poderían facer inviable a transición ecolóxica”1.

Ademais, é importante lembrar que non hai absolutamente ningunha forma de xeración eléctrica que teña un impacto ambiental nulo. A maior parte do impacto ambiental das renovables concéntrase en dous momentos: fabricación e desmantelamento. Mentres que o resto de materias primas contan cunha cadea de reciclaxe establecida, as pas están fabricadas de materiais compostos (fundamentalmente, a fibra de vidro, fibra de carbono e resinas), especialmente difíciles e caros de separar para unha correcta reciclaxe. En total, segundo datos de AEE (Asociación Empresarial Eólica) no noso país hai actualmente 1.265 parques eólicos instalados en máis de 1.000 municipios, con máis de 21.419 aeroxeradores, o que dá un total de 64.257 pas2. Ao impulsar a chamada transición enerxética, moitas voces de diferentes ámbitos cuestiónanse «até que punto a Terra é unha enerxía renovable»3.

En calquera caso, neste momento atopámonos nunha situación na que a normativa e a vontade política avogan por un modelo enerxético baseado nos macroproxectos enerxéticos a gran escala. Neste eido, o Goberno aprobou 6.900 millóns para o PERTE do hidróxeno verde, as renovables e o almacenamento de enerxía. España, subliña o documento presentado o 14 de decembro de 2021 polo Ministerio de Transición Ecolóxica, é unha “potencia mundial” en renovables, e conta co maior recurso solar do Vello Continente e un dos mellores recursos eólicos. Esa posición envexable a escala continental sitúaa, á súa vez, nunha situación “privilexiada” para avanzar en tecnoloxías “en fase de desenvolvemento”, como o hidróxeno renovable ou o almacenamento ou as tecnoloxías mariñas flotantes4.

O investimento eólico en Europa creceu un 75% en 2020

España aparece en sétimo lugar en investimentos en países europeos, con 1.500 millóns de euros de investimento para financiar 1.500 MW, e consolídase como un mercado potente en eólica terrestre nos próximos anos. O Plan Nacional Integrado (PNI) de Enerxía e Clima que deseñou o Goberno proponse como obxectivo alcanzar os 50.300 MW de potencia eólica en 2030 (practicamente todos eles, en terra firme). Para materializar ese horizonte -apuntan desde a Asociación Empresarial Eólica- é necesaria a instalación de potencia «a un ritmo constante e estable de 2.200 megawatts anuais»5.

Respecto da actividade de adquisicións de proxectos a nivel europeo, en 2020 ascendeu a 15.100 millóns de euros, sendo España o mercado europeo coa maior actividade de adquisición de proxectos e instalacións de enerxía eólica terrestre, con 2.500 millóns de euros por un total de 2,4 GW eólicos5.

WindEurope advirte que os 13.000 MW de nova potencia investida na UE non son suficientes para alcanzar os obxectivos climáticos e enerxéticos para 2030. A UE necesita construír 27.000 MW de nova potencia eólica ao ano -sinala a asociación europea- para cumprir o seu novo obxectivo de redución de emisións do 55%. O principal problema é a lentitude na tramitación administrativa dos parques eólicos5.

Fronte a este modelo e macroproxectos, diferentes organizacións e grupos mostran o seu recelo ou rechazo directo, propoñendo alternativas para xerar enerxía renovable de xeito máis tutelado e estruturado.

Zonificación vinculante e protección da biodiversidade e das comunidades locais

As organizacións ambientais WWF, SEO/BirdLife, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e Amigos da Terra reiteraron o seu apoio ao despregamento das enerxías renovables pero demandan ao Goberno que defina ben e con criterios socioambientais as zonas onde han de ser despregadas co fin de protexer á biodiversidade e as poboacións locais.

Neste sentido, manifestan a súa preocupación e mostran o seu apoio aos territorios afectados por un despregamento renovable desordenado, excesivamente centralizado, escasamente participado e que, en demasiadas ocasións, supón impactos negativos sobre a natureza6.

Cambiar o mercado eléctrico

Por iso, reclaman que as planificacións enerxéticas estean vinculadas a cada comunidade e cidade autónoma e que se realicen baseándose nas necesidades enerxéticas reais así como en criterios sociais e ambientais para protexer o medio ambiente e apoiar un modelo distribuído, que fomente o autoconsumo e as comunidades enerxéticas6.

Moitas asociacións agrupáronse en diferentes plataformas para pedir un modelo de transición enerxética que non substitúa combustibles fósiles por renovables a gran escala porque cren que pode agravar o despoboamento. A plataforma Alente, da que forman parte máis de 180 asociacións de toda España, concentráronse baixo a lema ‘Renovables si, pero non así’ para demandar un desenvolvemento das enerxías renovables respectuoso coa biodiversidade e xusto para os territorios que as acollen.

En concreto, Alente propón «un modelo de transición distribuído e xusto que non se limite a substituír os combustibles fósiles por fontes de xeración renovable a gran escala, senón que aproveite esta oportunidade histórica para democratizar o acceso á enerxía e reducir o seu impacto no medio ambiente». Traballan en construír un modelo enerxético «máis distribuído e diversificado» mediante a promoción do autoconsumo ou as comunidades enerxéticas locais. «Con todo -matizaron- non podemos prescindir totalmente dos beneficios e eficiencias dos proxectos de maior escala, que permiten aproveitar o recurso renovable onde é máis abundante7.

A oposición social aos proxectos eólicos en Galicia

En Galicia existen 176 parques eólicos, cunha potencia de 3.867 megavatios e que están situados en 121 dos 313 concellos. Aínda que non existe un rexistro público oficial, estímase que está en trámite a concesión de 275 parques, que sumarían 7.200 megavatios, o que dá conta da súa dimensión8.

A forte contestación social que están a levantar en Galicia os novos parques eólicos, tradúcese en numerosas alegacións cando os proxectos saen a exposición pública, retardando a tramitación. A patronal do sector, a Asociación Eólica de Galicia (EGA), denuncia que a Administración autonómica tarda entre case catro e dez anos, aínda que a directora xeral de Política Enerxética, Paula Uría, aclara que en moitas ocasións o motivo é porque as empresas presentan proxectos pouco maduros, ou que esixe correccións e requirimentos que demoran vos prazos9.

Coa Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, a Xunta decidiu aplicar unha moratoria a partir do 1 de xaneiro e durante ano e medio á admisión de novos parques eólicos e ampliar a distancia que deberán gardar os muíños dos núcleos de poboación: terán que multiplicar por cinco a altura total do aeroxerador, fronte aos 500 metros actuais. A moratoria chega cando a Xunta ten xa admitidos a trámite 7.300 MW (275 parques), case o dobre da potencia instalada (3.827 en 181 recintos)9.

A pesar disto, segundo un informe do Consello da Cultura Galega8, a Lei 9/2021 establece excepción ás áreas incluídas no Plan Sectorial Eólico. Iso implicou, segundo o informe, “que desde este momento todas as terras rústicas de Galicia sobre as que non exista figura de protección ambiental poderán albergar parques eólicos”. Esa lei só tivo en conta a idoneidade das localizacións desde o punto de vista eólico e non as de carácter paisaxístico nin os valores relacionados co patrimonio cultural e natural. Por tanto, mantén o documento, “non adapta as directivas europeas de impacto ambiental” e, ademais, elimina o informe preceptivo da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O texto recorda que unha gran cantidade de patrimonio cultural do país está en solo rústico, permanece oculto e, por tanto, non está incorporado en ningún dos inventarios ou instrumentos de protección que recoñece a Lei do Patrimonio e, ao non existir informe específico, corre risco de desaparición.

Por iso, o informe8 pide, en primeira instancia, a revisión do actual Plan Sectorial Eólico de Galicia (creado en 1997) para que se someta a unha avaliación ambiental estratéxica que teña en conta: as directrices da paisaxe, a protección do valores culturais do territorio (fixados por outra lei, a de patrimonio cultural) e atender aos valores naturais duns espazos que aínda non foron incorporados á Rede Natura.

A asociación Aldeas Libres de Macroéolicos, Ordes-Curtis, recolle as reivindicacións sociais sobre a problemática da instalación dos parques eólicos preto de poboacións rurais no seguinte cadro.

Fonte: https://aldeaslibresdemacroeolicos.com/aldeas-libres/

Un exemplo: o Parque eólico de Barjas.

Como exemplo concreto, expóñense a continuación un resumo das alegacións  preparadas polo grupo Aliente (incluído plano e imaxes) para o parque eólico de Barjas. Este exemplo pon de manifesto a relevancia da globalidade deste tipo de proxectos. Trátase dun parque eólico situado na provincia de León, pero no límite con Galicia, no borde da ZEC Ancares-Courel (Lugo), con accesos e liñas de evacuación por varios municipios de Ourense. Durante a redacción destas alegacións aínda non eran coñecidas as solicitudes de tres novos parques eólicos na mesma zona raiana, polo lado leonés: o de Ralea, Eco e Umbrío, admitidos a trámite pola Área de Industria e Enerxía de León o 22 de decembro de 2021.

Parque eólico Barjas, de 121 MW. Términos municipais: Barjas, Oencia, Trabadelo e Vega de Valcarce (León), O Barco de Valdeorras, Petín e Vilamartín de Valdeorras (Ourense). Nº de Expediente: 20200179

 1.- Afección á espazos declarados/protexidos.

1.Rede Natura 2000

    • ZEC Ancares -Courel (COD. ES1120001).
    • ZEC Ribeiras do río Sil e afluentes (COD. ES4130076)
    • ZEC Macizo Central (COD. ES1130002)

2.Reservas da Biosfera:

    • Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
    • Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Iribio e Courel, sétima reserva da biosfera de Galicia, ratificada este 15 de setembro de 2021 polo Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MeB) da UNESCO. A Zona Núcleo atópase exactamente ao lado do futuro parque eólico.

3.Afección severa á Área importante para la Conservación de Aves (IBA) Montes Aquilianos.

4.Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel

Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serra de Iribio e Courel. Cor laranxa: Zona núcleo. Cor verde: Zona tampón.

2.- Fragmentación artificiosa de infraestruturas correspondentes ao mesmo proxecto industrial.

Os parques eólicos de Rebordechao, Barjas e Prada, son un único proxecto industrial, e aínda que a execución do mesmo pode realizarse por fases, a avaliación ambiental dos seus impactos debe permitir á cidadanía a valoración conxunta, global, sinérxica e sumativa de lestes, en todas as fases de execución e durante o funcionamento do parque.

Non se pode supeditar a participación pública na avaliación ambiental da totalidade das infraestruturas do proxecto industrial a que se materialicen o resto dos proxectos industriais cos que comparte infraestruturas, xa que, non só se vulneran dereitos fundamentais, senón que tamén se diminúen as garantías da avaliación ambiental.

As infraestruturas de evacuación compartidas co Parque Eólico Prada, cuxo Titular é a sociedade Desenvolvimientos Renovables Gamma, S.L., pertencente tamén ao grupo Statkraft e a conexión mediante infraestruturas de evacuación compartidas con instalacións doutros promotores eólicos na zona (subestación colectora a 5  km dá Subestación Trives 220 kV, desde a cal se conectarían todas as instalacións mediante unha liña de 220 kV), deberán estar incluídas para a súa consulta pública e avaliación global no documento de inicio.

 3.- Impactos ambientais severos

1.Afeccións a cauces e masas de auga (vulneración da Directiva Marco da Auga – DMA).

Cauces localizados na área do proxecto, xunto co seu código de identificación:

  • Caborco de Frieira – Regueiro Da Filgueira NO02002
  • Carrozo de Quintela – Regueiro de Fervenza NO01872
  • Rego da Fonte da Moura – Regueiro Do Bacelo –
  • Rego da Gralleira – Río de Gestoso NO02011
  • Rego da Valiña Grande NO02034 – Río Leira NO02003
  • Rego de Escurela – Río Pousadela NO02036
  • Rego do Rebolo NO02010 – Río Selmo NO02013
  • Rego dos Torgos – Río Sil NO02610
  • Corga de Ladeira – Regueiro do Carucedo –
  • Regato de Semil – Río Bibei 01870
  • Regueiro de Valbarrán – Río das Cabañas 01924.

Sobre a zona de policía de leitos sitúanse: 1 aeroxerador (B.16), plataformas dos aeroxeradores B.08, B.09 e B.16, 1 torre meteorolóxica (TM.2), 3.852 m de viais novos, 21.556 m2 de sobreanchos na estrada de acceso e 7.462 m de gabia.

No ámbito do Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil defínense 6 masas de auga subterráneas, incluíndose a zona a estudo na Masa Conca do Sil. Na área de influencia de 10 km do conxunto das instalacións proxectadas atópase a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerrea (8.918 m ao aeroxerador B.03). Nas envolventes de 5 e 10 km do parque eólico Barjas atópase unha área importante para as aves (IBA), IBA n.° 10 Montes Aquilianos, atopándose situada nela o aeroxerador B.21.

2.Vulneración da Directiva 92/43/CEE, relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres (Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade).

A zona onde se proxecta o parque eólico é un corredor natural de fauna entre os espazos protexidos que a rodean. A instalación dun parque eólico a escasos metros dunha ZEC e sobre hábitats da Rede Natura 2000 afectará significativamente á conservación da mesma, así como a especies tan importantes como o oso pardo, sendo a ZEC Os Ancares-O Courel precisamente unha das súas rutas de entrada a Galicia. Por isto, vulnérase os artigos 2 e 6, entre outros.

Dentro da envolvente de 5 km, o proxecto afecta a diversas especies protexidas pola Directiva 92/43/CEE, relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres. Anexo I: listaxe de hábitats naturais de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación: tartaraña cincenta (Circus pygargus), aguia perdigueira (Hieraaetus fasciatus), voitre branco (Neophron percnopterus) e rabirrubio de testa branca (Phoenicurus phoenicurus) na categoría de “Vulnerables” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas de Galicia (CGEA) e o Catálogo de Español de Especies Ameazadas (CEEA); e o sisón (Tetrax tetrax) catalogado como “Vulnerable” no CEEA e como “En Perigo de Extinción” no CGEA. Tamén se atopa no CGEA o bufo real (Bubo bubo), a gatafornela (Circus cyaneus) e a garza pequena (Ixobrychus minutus) na categoríade “Vulnerables” e a aguia real (Aquila chrysaetos) como especie “en perigo de extinción”….etc.

A líña aérea eléctrica de media e alta tensión (LAAT) proxectada sobrevoa ZEC Ribeiras do río Sil e afluentes (COD. ES4130076), situándose dentro do seu envolvente de 2 km a ZEC Macizo Central (COD. ES113002). O resto das instalacións sitúanse fóra destes espazos, atopándose na envolvente de 5 km a ZEC Ancares Courel (COD. ES1120001) e a ZEC Ribeiras do río Sil e afluentes (COD. ES4130076), e na de 10 km a ZEC- ZEPA Serra da Enciña da Lastra (COD. ES1130009).

Hábitats da Rede Natura afectados:

  • 4020* Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix.
  • 4030, queirogais secos europeos
  • 8230, Rochedos silíceos con vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion ou do Sedo albi-Veronicion dillenii
  • 9230, Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica

3.Zonas de alto valor histórico, paisaxístico e natural

O territorio onde se proxecta este parque eólico é unha zona de alto valor histórico, paisaxístico e natural, atopándose dentro deste a Pena da Seo, paraxe incluída na Lista Vermella do Patrimonio español e o faial de Busmayor, xoia monumental botánica; bosque emblemático da comarca pola súa singularidade, de importancia científica e de conservación por ser un dos faiais máis occidentais de Europa e mellor conservados da península, que alberga unha gran diversidade de especies. O valor ecolóxico fundamental do faial de Busmayor é o de ser límite de distribución occidental da faia na península (carácter finícola), razón pola cal é un tipo de bosque moi escaso no Bierzo. Razóns máis que suficientes para a súa protección.

Da boa conservación de toda a zona depende a continuidade do turismo como motor económico e como forma de fixación de poboación neste medio rural. A presenza dun parque eólico na zona prexudicaría e imposibilitaría calquera tipo de desenvolvemento nesta dirección, producindo un dano irreparable e un maior despoboamento.

4.O caso do Oso pardo e a aguia real

Na ZEC Os Ancares – O Courel, existe a presenza da aguia real (Aquila chrysaetos) e o oso pardo (Ursus arctos).

No tocante á aguia real, téñense levado a cabo accións de conservación da especie dentro da ZEC (soltas de espécimes, campañas de sensibilización, etc) e incluso aniña dentro dela, polo que entendemos que a instalación dun parque eólico situado inminentemente ao lado da ZEC vai en contra dos esforzos realizados por manter e conservar esta especie tan emblemática, existindo risco real de morte por impacto das palas eólicas.

Noticia publicada no xornal “La voz de Galicia” o 12/02/2020. Niño de aguia en Quiroga, concello situado na ZEC Os Ancares – O Courel. A instalación deste parque eólico vai en contra dos criterios de conservación da especie.

En canto ao oso pardo, recentemente está volvendo a ocupar os terreos dos que estaba extinto na parte galega. Este plantígrado está presente na ZEC Os Ancares – O Courel e as súas poboacións están en contacto cos individuos tanto de Asturias coma de Castela e León. A instalación do parque eólico suporá unha afección grave ao tránsito desta especie polas montañas, rompendo a conectividade ecolóxica entre as poboacións de Galicia e Castela-León e indo tamén en contra dos principios e criterios da futura Infraestrutura Verde española, ao fragmentar aínda máis os hábitats e corredores ecolóxicos para estas especies. Na actualidade estase a desenvolver un “proxecto Life” para a conservación do oso, chamado “life oso Courel”.

 

Roi Estévez, Comité da Vogalía de Medioambiente

Recursos relacionados:

Mapas de polígonos industriais eólicos e fotovoltaicos sobre aldeas, pobos, patrimonio natural e cultural, montes e terras das comunidades rurais. https://mapaseolicos.wordpress.com/

Revista Quercus. El oso pardo se expande por Galicia. Boletín especial do proxecto LIFE Oso Courel. Outubro 2019 https://fundacionosopardo.org/wp-content/uploads/2020/03/Q404-%C2%B7-Life-Oso-Caurel.pdf

Eólicos & morcegos: o lado máis escuro da enerxía verde https://www.youtube.com/watch?v=0ES7MkAqDZA

Informe da Comisión Técnica Temporal sobre enerxía eólica e Paisaxes Culturais en Galicia http://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4437

Referencias:

1El Confidencial, “El petróleo se está agotando y las renovables no son la solución a la crisis energética”. Estreado o 4 novembro 2021. Dispoñible en: https://www.youtube.com/watch?v=sxOyn-Efzpw

2Fernández Munguía, S. “Miles de aerogeneradores se acercan al final de su vida útil, la gran pregunta es qué haremos con sus palas después”. Xataka, Energía. Atualizado 14 setembro 2021. Dispoñible en: https://www.xataka.com/energia/miles-aerogeneradores-se-acercan-al-final-su-vida-util-gran-pregunta-que-haremos-sus-palas-despues-1/amp

3Audije, F. “Energías «verdes» y limpias: ¿es renovable el planeta?”. Periodistas en Español.com. Noticias, Dereitos Humanos, Opinión. 17 novembro 2021. Dispoñible en: https://periodistas-es.com/energias-verdes-y-limpias-es-renovable-el-planeta-155622

4Fariza, I. “El Gobierno aprueba 6.900 millones para el PERTE del hidrógeno verde, las renovables y el almacenamiento de energía”. El País, Economía. 14 decembro 2021. Dispoñible en: https://elpais.com/economia/2021-12-14/el-gobierno-destinara-6900-millones-para-el-desarrollo-de-hidrogeno-verde-renovables-y-almacenamiento-de-energia.html

5Energías Renovables, “La inversión eólica europea ha crecido un 75% en 2020”. 14 abril 2021. Dispoñible en: https://www.energias-renovables.com/eolica/la-inversion-eolica-europea-ha-crecido-un-20210414

6SEO/BirdLife. “WWF, SEO/BirdLife, Greenpeace, Ecologistas en Acción y Amigos de la Tierra apoyan la transición energética y demandan una zonificación vinculante para garantizar que su desarrollo proteja la biodiversidad y ponga en el centro a las comunidades locales”. Cambio ClimáticoNotas de prensa. 15 octubre 2021. Dispoñible en: https://seo.org/2021/10/15/junto-a-organizaciones-ecologistas-apoyamos-una-transicion-energetica-que-beneficie-al-medio-ambiente-y-a-la-gente/

7La Sexta. “Cientos de personas se manifiestan en Madrid en contra de los megaproyectos de renovables en las zonas rurales”. Noticias. Sociedad. 16 octubre 2021. Dispoñible en: https://www.lasexta.com/noticias/sociedad/cientos-personas-manifiestan-madrid-megaproyectos-renovables-zonas-rurales_20211016616b18e057ce480001bed55f.html

8Consello da Cultura Galega. “Un informe urxe unha moratoria na autorización de parques eólicos para revisar o plan sectorial eólico”. Noticia prensa. 14 decembro 2021. Dispoñible en: http://consellodacultura.gal/noticia.php?id=8299&tipo=noticia

9Fernández, F.; redacción. “La oposición social a los eólicos inunda los proyectos con cientos de alegaciones”. La Voz de Galicia. Economía. 16 noviembre 2021. Dispoñible en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2021/11/16/oposicion-social-eolicos-inunda-proyectos-cientos-alegaciones/0003_202111G16P26995.htm