Novas do mundo

Os 100 dos International Trekkers. (Os 100 km Barbanza)

Nesta durísima e esixente proba participaron, a fin de semana pasada, os socios Javier Pereiro e Telmo Costa, o noso Vogal de Sendeiros e Medio Ambiente.
 
Así nos conta a súa experiencia Telmo:
 
«Esta era a miña 5ª participación nesta proba e ía con moitas gañas de rematala. Sabía que non ía ser fácil, non só pola distancia, senón polo percorrido que esperaba fose un pouco “rompepernas” nalgún treito, como así foi sobre todo pasado o quilómetro 44 con continuos sube e baixa.
A saída foi en Porto do Son (cada ano sae dun concello diferente, sempre na comarca do Barbanza) e a chegada foi no mesmo punto. Aínda que as previsións prometían chuvias, finalmente o tempo acompañounos durante todo o percorrido e non houbo máis que unha pequena poalleira pola noite e unha chuvia feble nos últimos quilómetros, que case se agradeceu.
Edición tras edición, o persoal da organización é o mellor desta proba, sempre animando e moi atentos cos participantes. Para o ano, se cadra, máis!»
 
PARABÉNS a estes dous «fenómenos» que foron, participaron e remataron!!!