Sección de Medioambiente

O EUCALIPTO, VECIÑO DOS MONTES GALEGOS

    Ultimamente ronda moito o nome desta árbore polas redes sociais, e por iso imos pegar un brinco do mar das Illas Cíes (entrada anterior no blog) cara os montes Galegos.

Fonte: Victor Mejuto, 2018, na Voz de Galicia.

    Tras os incendios de 2017, o Concello de Teo, en Coruña, solicitou a inclusión das especies do xénero Eucalyptus no catálogo español de especies Exóticas invasoras a fin de describir os efectos nocivos que provocan no ecosistema natural e controlar mellor a súa expansión. Nese momento a solicitude foi recollida por o Ministerio de Agricultura e o seu comité científico. A resolución denominou ás especies do xénero Eucalyptus como invasoras e animou ao veto de plantación das mesmas así coma o control das plantacións xa existentes (CC 30/2017).

Sen embargo, poucos meses máis tarde, as accións non se levaron adiante, e un informe elaborado pola “Subdirección General de Desarrollo Rural y Política Forestal” declarou que o eucalipto “é unha especie controlada, adaptada o seu entorno e unha fonte de ingresos para os seus agricultores (…) ademais non coloniza espáceos non controlados (…) e non existen evidencias científicas que certifiquen un comportamento biolóxico invasor”. 

Aínda que teño serias dúbidas respecto a primeira e as dúas últimas afirmacións, o resto teñen parte de certas. Imos analizar un pouco estas declaracións:

É certo que o eucalipto leva tantos anos na nosa terra que xa se pode considerar unha especie adaptada ao entorno. Pero isto non quere dicir que o entorno se adapte a ela.
O seu rápido crecemento e alta capacidade de adaptación fixo desta árbore unha ferramenta ideal para a industria madereira, sen embargo, hai características da súa fisioloxía que a fan prexudicial nun ecosistema onde non existiría de maneira natural. Algunhas delas son 1) a difícil descomposición das follas. É un dos problemas máis graves xa que, debido a súa composición química, non existen nos bosques galegos invertebrados nin organismos descompoñedores capaces de consumilas1; e isto tamén ten efecto cando as súas follas caen nos ríos supoñendo o empobrecemento das cadeas tróficas acuáticas2 incluso en lugares afastados das plantacións; 2) debido o seu rápido crecemento xeran un maior empobrecemento de nitróxeno no solo así coma un desequilibrio hídrico, xa que precisan de moita auga, o que ten repercusións directas no crecemento doutras especies3 e 3) o seu contido de sustancias alelopáticas forzan a outras especies a crecer en áreas apartadas da súa influencia4
Polo tanto, non, o ecosistema de aquí non está adaptado a estas especies.

É unha fonte de ingresos, iso non se pode negar. O 32% da madeira consumida polas papeleiras españolas é de eucalipto e 2/3 deses eucaliptos proceden dos montes galegos. A industria madeireira galega move miles de millóns de euros ao ano de modo que poñer máis trabas (non é que haxa moitas) e controis as súas plantacións podería supoñer unha baixada económica neste sector.

E por último, estamos a falar dunha especie controlada que non coloniza espáceos non controlados? Precisamente as características expostas no primeiro punto fan do eucalipto unha árbore especialmente áxil na colonización de espazos abertos, sobre todo tralos incendios que deixan un baldío perfecto para ser aproveitado. Ben é certo que a súa dispersión natural é escasa debido aos poucos metros que alcanzan as sementes dende a árbore, non obstante, a especie non está controlada porque as súas plantacións tampouco o están.

Relativo a este último punto, cabe mencionar que existe unha lei que regula as plantacións de máis de 5 hectáreas (50.000 m2) (Lei 7/2012 de Montes de Galicia), pero isto non supón máis que solicitar un permiso de plantación sempre e cando non se faga en terras de uso agropecuario ou terreos forestais ocupados por frondosas. Calquera plantación inferior a esas dimensións lévase adiante sen apenas regulación, e non fai falta medir moito para saber que Galicia está chea de minifundios…Ademais, tamén está prohibida a súa presencia en zonas protexidas ou áreas pertencentes a rede Natura 2000, pero entón tampouco me explico por que ninguén evitou ou controlou a expansión desta árbore por As Fragas do Eume (mirade na ilustración de abaixo a transición de bosque atlántico a eucaliptal ao fondo).

Río Eume. Fonte: Ricardo Grobas, 2017, para Faro de Vigo

Entón, Que facemos co eucalipto?

Pois na miña opinión a resposta é, canto menos, complexa.

Como vimos, as plantacións intensivas destas árbores supoñen una perda de biodiversidade debido a que dificultan o crecemento doutras especies vexetais e afectan a eslavóns superiores da cadea trófica, como a presencia de aves por exemplo (Sabiades que hai moitas máis aves nun pinar ou nunha carballeira ca nun eucaliptal?5). Isto, sen dúbida supón unha fragmentación dos ecosistemas naturais.

Sen embargo, un sector da economía que facturou, so no ano 2018, 205.000.000 euros por ventas de eucalipto (uns 5,9 millóns de m3) sustentando 1.800 empresas e máis de 5.500 postos de traballo6, non pode deterse en seco.

    O que Galicia precisaría é facer unha boa xestión do recurso, con novas normativas que favorezan a plantación de exemplares endémicos con rendementos económicos parecidos (i.e algunha conífera) e maior distancia entre árbores, así coma esixir un maior cumprimento das normativas xa existentes (porque debe de ser pola noite cando os lindes se moven solos e os eucaliptos xerminan de forma natural…).

Só con deixar suficiente distancia entre árbores se controlaría a súa dispersión natural e se facilitaría o manexo en caso de incendios (isto tamén aplicaría aos bosques de coníferas, pero non os de carballos que gardan unha humidade elevada no seu sotobosque e dificultan a expansión do lume, iso si, estes últimos non medran rápido e polo tanto, non interesan).

Pois, para finalizar, este mes o goberno autonómico emitiu por fin a nova de que Galicia contará cun Plan Forestal dotado dunha inversión de 4.900 millóns de euros ata 2040. Aínda que se atopa en formato borrador parece que o plan definitivo sairá a finais da primavera que ven.

Este plan contempla a repoboación de coníferas para incrementar en 20 anos un 75% máis de talas e atender así demanda de celulosa á vez que se propón a redución dun 5% de superficie eucaliptal. A verdade é que o novo plan non parece demasiado ambicioso, quizás se podería facer máis, pero o máis importante sería que non se quedase só nunha idea non vinculante plasmada nun programa electoral.

    Déixovos unha imaxe dos titulares de prensa con diversos punto de vista para que cada un saque o seu e vos animo a deixar comentarios no blog sobre as dúbidas e curiosidades que teñades.

                                A vogal de medioambiente, Cristina Fernández González. 

Referencias bibliográficas

1             Ferreira, V., Koricheva, J., Pozo, J., Graça, M.A.S. 2016. A meta-analysis on the effects of changes in the composition of native forests on litter decomposition in streams. For. Ecol.Manag. 364: 27-38.

2             Graça M., Pozo, J., Canhoto, J., Elosegui, A. 2002. Effects on Eucalyptus plantations on detritus, decomposers, and detritivores in streams. Scientific World Journal 2: 1173-1185.

3             Castro-Díez, P., Fierro-Brunnenmeister, N., González-Muñoz, N., Gallardo, A. 2012. Effects of exotic and native tree leaf litter on soil properties of two contrasting sites in the Iberian Peninsula. Plant Soil 350:179-191.

4             Souto, X.C., Gonzalez, L., Reigosa, M.J., 1994. Comparative analysis of allelopathic effects produced by 4 forestry species during decomposition process in their soils in Galicia (NW Spain). Journal of Chemical Ecology 20: 3005-3015.

5             Calviño-Cancela, M., Rubido-Bará, M. 2013. Invasive potential of Eucalyptus globulus: Seed dispersal, seedling recruitment and survival in habitats surrounding plantations. For. Ecol.

Manag. 305: 129-137.

6             Calvo de Anta, R.M., Macías, F., Rigueiro, A., Silva, F.J. El eucalipto en Galicia: Aspectos ambientales y socioeconómicos relevantes. 2019. Confederación de organizaciones de silvicultores de España (COSE).