Actividades Montañismo e Sendeirismo, Sección de Medioambiente

O Courel, corazón da Galiza. Saída 30-01/11/2021

“Terra de Caurel, aspra e forte, de inxente beleza…
Terra brava de lobos e águias; terra outa de fragas e devesas…”
A lus do Candil-Ánxel Fole

O Courel, a montaña luguesa, probablemente a zona de montaña máis biodiversa de Galiza. A través de 21.000 hectáreas, as tradicións culturais e a sabedoría medioambiental xúntanse para amosar de onde vimos e a quen pertencemos. A min asómbrame a cantidade de galegos e galegas que non coñece este espazo e, dos que o coñecemos, o pouco que aprezamos a súa riqueza medioambiental e cultural. Pero nesta fin de semana longa imos mellorar un pouco este aspecto.

Podemos comezar dicindo que no Courel hai de todo, non se deixa de lado ningún dos reinos, albergando fungos, flora e fauna moi diversos pero tamén formacións xeolóxicas moi curiosas e traballadas durante miles de anos. Tanto que o proxecto Montañas do Courel acadou en 2019 a categoría de Xeoparque Mundial aceptada polos expertos en xeoloxía, historia e natureza da UNESCO. Na serra pódense atopar os restos de ata 13 graciares diferentes, pegadas da última glaciación, dos que os máis famosos son A Laguna de Lucenza ou o Val da Seara. Ademais, a serra está chea de pasadizos e galerías conectados entre si para o desfrute dos afeccionados á espeleoloxía.

Os seus cumios son modestos e pouco escarpados, onde destaca o Pía Páxaro (1610m) coas súas extraordinarias vistas panorámicas e tamén os cumios de Formigueiros (1639m) e Montouto (1541m). Aínda que non son os máis altos, tampouco hai que descartar a beleza de montes coma o Alto do Couto e o Alto da Pedra.

Na contorna consérvanse restos de civilizacións prehistóricas coma os Castros de Vilar, fermosísimo paisaxe por riba do Río Lor, e a cova rupestre do Oso en Moreda. Pero tamén de civilizacións non tan prehistóricas, así atopamos restos de explotacións mineiras da época romana, coma Monte Cido e algunha ruina medieval, coma a fortaleza de Carbedo, en Esperante.

O Courel está atravesado por grandes veas e arterias de auga doce, fonte de vida. Un entramado de ríos e afluentes onde o Río Lor adquire especial importancia polo gran coto de troitas que ten. Ademais, ás súas beiras pódense observar lontras de cando en vez, así coma mouras peiteando os seus cabelos.. tal e como contan as lendas. Estade moi atentos que o cruzaremos moitas veces durante a nosa saída.

Acompañados polo aire, podemos observar exemplares de aguias cobreiras, miñatos e aguiachos, anímovos a que non lle perdades ollo porque levarei unha guía para tentar identificalas. Pegados á terra a súa biodiversidade é inesgotable. Para os afeccionados a micoloxía as opcións son moitísimas, dende as típicas zarrotas e cantarelos ata as mais mortíferas amanitas. Ao fondo da noticia tendes unha sinxela guía para que lle botedes unha ollada antes de ir.

Nos últimos anos tamén emerxeu un parque botánico adiado únicamente as orquídeas, esas fermosuras cheas de cores e formas. Pois aquí atopamos 25 especies pertencentes a 13 xéneros distintos que descansan sobre o chan de rocha caliza. Iso si, só unha delas é endémica da serra courelá, a Dactylorhiza cantabrica, con frores amarelas ou vermellas que coido que non atoparemos nesta época do ano.

Fotografía da Devesa da Rogueira por Pío García, obtida do seu blog (https://www.viajandoconpio.com/devesa-de-rogueira-folgoso-do-courel/)

Para os afeccionados a botánica, a Devesa da Rogueira é a guinda do pastel. Conforma un tipo de bosque atlántico de 3km2 que cambia de vexetación a medida que se ascende ata os 1600 metros de altitude. Pasamos de atopar arbustos baixos e plantas aromáticas a adentrarnos nun bosque pechado cheo de grandes árbores que protexen e suxeitan as repregadas ladeiras, por onde baixan multitude de regatos. Neste espazo deleitarémonos co silencio, cos cantos dos paxaros, co voo rasante das aves rapaces e mesmo poderemos seguir algún rastro que outro de corzos e gato montés, ou lobos con máis sorte.

Por elo, imos adicar o día principal da saída a visitar este espazo. Faremos a ben coñecida ruta PR-G222, coa compañía de Roi, socio do club, habitante do Caurel e licenciado en ciencias forestais, que nos irá contando as curiosidades que esconde esta terra. Non vos esquezades de ir apañando castañas porque, esa mesma tarde de volta o Acampamento, poderemos asalas para desfrutar do noso tradicional magosto no seu epicentro. Gaitas, panderetas, pandeiros e cunchas son benvidas para animar a velada así coma contacontos de lendas e historias máxicas moi apropiadas para o lugar.

Aínda con todo, gustaríame mencionar que O Courel ten dúas grandes presións antropoxénicas que xa levan feito varios estragos. Dende as explotacións de pizarra, que comezaron legalmente no ano 1974, co seu baixo porcentaxe de aproveitamento (só un 1% de todo o extraído é aproveitado como pizarra1) ata a emerxente industria/negocio dos megaproxectos de parques eólicos que levan a fragmentación de moitos hábitats. Por isto, vaiamos nesta saída en son de paz e harmonía coa natureza, como sempre facemos, en autocar e durmindo preto do chan, deixando só a pegada dos nosos pasos. Canto máis coñecemos máis nos urxe conservar. Paga a pena que dende os máis cativos ata os máis medrados vos animedes a vir a esta saída bañada das cores do outono que nos ofrece a serra courelá.

Imaxe das minas a ceo aberto do Courel, ano 2012.

Durante todas as xornadas estades convidados a sacar fotos da súa fermosura. Para motivarvos a que carguedes coa cámara, haberá un concurso no que establecerán 2 categorías, paisaxe e fotografía macro, que levarán un extra de puntuación para quen poida describir brevemente a especie ou ecosistema fotografado prestando especial atención a se se trata de ecosistemas/especies autóctonas ou alóctonas. Lembraredes da problemática das especies exóticas invasoras xa comentada aquí. As bases do concurso están especificadas aquí e os premios para cada categoría consistirán nun vale de 50€ para gastar en material de montaña e un agasallo conmemorativo coa historia do club.

Compartiremos esta saída coa sección de infantil, montaña, sendeirismo e coas persoas da UVIGO que desexen participar. Lembrade que todos debemos ter un seguro deportivo vixente para o día das actividades. Non esperes ata o final para anotarte xa que as prazas no autobús e no acampamento son limitadas. Saimos ás 07:30h dende Plaza España, máis información chamando ao club.

A LISTA ÁBRESE O DÍA 14 E PÉCHASE O 27 DE OUTUBRO

Unha aperta.

Cristina Fernández González, vogal de Medioambiente.

Bibliografía e enlaces de interese

1 Vidal Romani J.J., Grandal d’Anglade A., Vila Anca R. Percorrido xeolóxico pola serra do Courel. Universidade da Coruña.
https://www.usc.es/export9/sites/webinstitucional/gl/servizos/eccourel/descargas/PUBLIS/Percorrido-xeoloxico-serra-do-Courel.pdf

Guía de Micoloxía do Courel: https://www.usc.gal/export9/sites/webinstitucional/gl/servizos/eccourel/descargas/Micoloxia_galego_web.pdf

Guía de boas prácticas no Courel:

https://fundacionosopardo.org/wp-content/uploads/2019/06/Buenas-practicas-turismo-Courel.pdf

Regresar a la lista