Actividades Actividades Sociais-Culturais, Actividades Escalada, Actividades Espeleoloxía, Actividades Montañismo e Sendeirismo

MULTI-AVENTURA NO ALTO ESLA (León) 10, 11 e 12 de outubro

 

 A lista abrese hoxe e péchase o martes 6

 

Ao sur do muro da presa de Riaño levántase o alpino macizo dos picos Jaidos ou Janos. Os seus afiados cumes e agullas crean unha espectacular paisaxe dolomítica. Percorrer a aérea crestería que forman os Jaidos (1798 m. e 1821 m.), Peña Caballo (1762 m.) e La Muga (1804 m.), convértese nunha atrevida actividade que deixará satisfeitos aos máis atrevidos. Máis ao sur, Peña Blanca, Peña Verde, Pico Cerroso, Peña Rionda, Aguasalio e Pico Moro, rematan este abano de cumes á beira do río Esla. Pasaxes como “El saltadero”, “El risco de la monja” o “La gorgolada”, esperemos que pasen a formar parte do voso nomenclátor leonés.

A zona deixa lugar tamén para excursións máis doadas, pois dende Argovejo, vila sempre animada como igual recordades, parten moitas rutas por sendas bucólicas, misteriosos bosques de faias e antigas calzadas romanas.

Haberá que ir cos ollos e oídos ben protexidos. Se en maio e fácil marearse naquelas terras coa súa explosión de cheiros, no outono a infinita paleta de cores dos bosques de faias e sabinas poden danar as nosas retinas, e a mediados de outubro aínda soan polas altas chairas leonesas os roncos bramidos da berrea.

Polo “becho” preocupádevos o xusto. Teremos todo o albergue de Sabero para nós, con capacidade e medios hixiénicos de sobra, para que garantir as precaucións anticovid sexa doado. A responsabilidade debémola poñer nós.

As actividades no río Esla: rafting, hydrosspeed e piragua, poderían estar limitadas polo escaso caudal desta época. De todas formas, se estades interesados nesas actividades (espéleo ou escalada) avisade á hora de anotarvos. Logo confirmaremos posibilidades e prezos.

¡Se xa non aguantas as ganas de aventura (e bos amigos), non podes faltar!