Sección de Medioambiente

Moi agradecidos con todos vós! IIMMCC

Dende a Vogalía de Medio Ambiente queremos agradecer profundamente a vosa participación no II Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático Cidade de Vigo (IIMMCC). Moitos axudáchedes a difundir o evento e vos animáchedes a asistir aos actos de cada día. A vosa colaboración non ten prezo e é grazas a vós que esta iniciativa continúa adiante cara a unha terceira edición en marzo do 2024.


O público agardando o comezo do acto o día 21 de Marzo. Fotografía de Raimundo Alonso.

Gustaríame comunicarvos, ademais, que non só a organización quedou contenta senón que as tres poñentes, ao igual que os do ano pasado, marcharon encantadas coa gran participación e comunicación que houbo os tres días. Sen dúbida, algo estamos a facer ben, e así pensamos continuar.

O pasado martes 21, Silvia Vidal impresionounos coa súa proxección “Escalada en solitario en Alaska”. Quedamos abraiados coa súa expedición, cos encontronazos con osos, con carretar ás costas 150 kg, porteando vultos de 25kg once veces seguidas para facer un só tramo con todo o material; cos seus 17 días colgada na parede, vivindo e sobrevivindo á natureza e a ela mesma. Sen dúbida, un esforzo psicolóxico moi á altura, senón por riba, do esforzo físico que todo isto lle supón a unha persoa que non pesa máis de 45 Kg. Pero, a min, o que máis me abraiou foi o optimismo que Silvia desprende e que se deixa ver en cada unha das súas frases. Podo poñer varios exemplos expostos durante a súa charla:
I) E o hidroavión voltará á hora acordada no lugar acordado dentro de 53 días? Virá!
II) Levo 13 horas de actividade física intensa durante os últimos días para non atoparme con osos pero…ben!
III) O tempo durante a expedición non foi malo, tiven sorte! (a realidade era que a metade dos días tiña tempo malo ou regular… simplemente, alí era mellor que noutros lugares como a Patagonia).

Silvia Vidal e Carlos Garrido no coloquio posterior á proxección.

Ademais de ser Silvia un exemplo de autosuperación, o é tamen en principios persoais. Un detalle que amosa o seu amor pola natureza quedou de manifesto cando, xa ao baixar derrengada da parede e ter que volver enfrentarse ao medo aos osos, deixou atrás un petate con restos dos utensilios e comida que consumira pero regresou e fixo ese tramo de novo para cargar con todo o que levara de volta á casa! Sen dúbida, unha muller excepcional. Moitas grazas Silvia por ser unha fonte de afouteza e por deixarnos un pouso de Humanidade que nos chama a ser mellores persoas…


De esquerda a dereita: O presidente do Club Peña Trevinca, Lois Faro; a vogal de Medio Ambiente, Cristina Fernández, Silvia Vidal e o coordinador de Medio Ambiente, Carlos Garrido.

O mércores 23, proxectamos o documental “O son do Courel”. O propio autor, Manuel María, explicounos que a súa intención foi sempre deixar rexistro deses sons da natureza, que se escoitan nunha área tan rural, como parte da nosa cultura ambiental e social. O documental está gravado con moitísimo agarimo polo que vos recomendo que aproveitedes para botarlle unha ollada en Youtube. Ademais, foi rematado de gravarse xusto o día que comezaron os incendios de xullo do 2022 polo que representa un punto de inflexión e comparación de como era esa contorna a como está na actualidade. Así o amosamos, seguidamente, cunha curtametraxe de Emilio Romanos-Fotografía sobre eses mesmos incendios.


Manuel María presentando o seu documental “O son do Courel”.

Posteriormente, Jenifer Souto, ilustrounos en materia de incendios e lumes forestais no contexto de cambio climático na Galiza. Tivemos a sorte de contar cunha experta que amosou de maneira moi aséptica datos, datos da realidade, do que está a ocorrer, sen titulares sensacionalistas.

Jenifer amosounos como, a pesar de haber menos incendios cada vez, os que hai son máis grandes e máis virulentos. Son os chamados incendios de sexta xeración (tal e como comentabamos neste artigo sobre os incendios do Courel) cuxa predicción é imposible. Destacou que, de non mudar o abandono do rural e os monocultivos de especies forestais, unido ás grandes secas e ao conxunto de eventos extremos cada vez máis recurrentes, o que nos queda é adaptarnos. Facer bos plans de xestión e facelos vinculantes!

A sensación final foi agridoce, pero polo menos en materia de educación e sensibilización fomos unha chea de xente os que saímos do auditorio con ganas de axudar, divulgar e difundir. Moitísimas grazas, Jenifer, por transmitir o teu coñecemento.


Jenifer Souto a piques de comezar a súa ponencia.

Xa na xornada do xoves 23, María Fernanda Pita achegouse dende Sevilla para falarnos da emerxencia climática na que estamos inmersos. Baixo a pregunta de ¿Lo estamos haciendo bien? amosounos un montón de datos cunha soltura divulgativa digna de envexa. Aprendimos sobre un novo concepto para moitos de nós, a xustiza climática. Realmente estamos actuando como se debe? Temos/debemos actuar todos os países por igual? Poblacionalmente, sabemos como reducir a nosa pegada de carbono? A verdade foi que o debate final deu pé a discernir respostas a varios niveis, dende o individual ao global sen perder o fío do importante: isto é unha emerxencia e temos que actuar como tal, rápido, coordinados e cun fin conxunto.

María Fernanda explicando por qué estamos ante unha emerxencia climática.

Non houbo mellor exemplo do ben que podemos funcionar todos colaborando, cando cremos na mesma premisa, que a recente crise sanitaria da COVID-19. Así nolo trasmitiu María Fernanda e con esas ganas e ímpetu colaborativo quedamos. Moitísimas grazas, Mª Fernanda, por ilustrarnos tan ben en materia de cambio climático.


María Fernanda Pita e Delfina Couce (responsable da Oficina de Medio Ambiente da UVigo) durante o coloquio posterior á ponencia do día 23.

Non podo facer máis que agradecer a todos os que estivéchedes presentes durante as tres xornadas, a vosa colaboración en e os ánimos que nos trasmitíchedes durante todo o ciclo.

Tamén queremos dar as grazas a todas as entidades colaboradoras. Á Universidade de Vigo pola colaboración a través da súa oficina de Medio Ambiente e o Servizo de Benestar, Saúde e Deportes, a Delfina Couce e a Xabier Rial, respectivamente, e tamén á Xefa de Prensa da UVigo, Mª del Carmen Echevarría.

Agradecementos tamén, como non, para o alcalde da cidade de Vigo, Abel Caballero, e para Nuria Rodríguez, concelleira de Medio Ambiente, posto que a súa colaboración foi indispensable para levar a cabo este acto, así coma a FEDME, a FGM e a todos os nosos patrocinadores.

E, por suposto, agradecer aos meus compañeiros do Comité de Medio Ambiente do Club Peña Trevinca  estar sempre dispostos e con ganas, axudando e difundindo. Somos un gran equipo!

Vémonos o ano que vén!!!

Cristina Fernández, Vogal de Medio Ambiente.

 

Regresar a la lista