Sección de Medioambiente

Memoria actividade Día dos Océanos 2022

O domingo 12 de xuño pasamos unha xornada marabillosa. Pola mañá embarcámonos no Nautilus, buque da empresa Ocean Secrets. Fomos rumbo N cara ao faro de Conde Pego e no traxecto Ismael e Andrés déronnos unha explicación de por que a ría de Vigo ten tanta produtividade (xa vos dixen que isto merece un artigo enteiro que chegará nalgún momento 😊), e de como comeza a base da cadea trófica (botádelle un ollo a este artigo no que se fala do fitoplancto).

Foto 1. Imaxe do ROV que nos permite coñecer como son os fondos da ría de Vigo, propiedade de Ocean Secrets.

Trala explicación amosáronnos a tecnoloxía punta que levan a bordo. Cun ROV (vehículo de operación remota, polas súas siglas en inglés) e coa imaxe en pantalla, mergullámonos cunha draga que nos permitiu coller unha mostra do fondo mariño. Para a nosa sorpresa, non se trataba de area nin rocha, tratábase dun fondo de Maërl. Estes fondos están suxeitos a protección, son fondos formados por algas coralinas vermellas, semellan corais pero son algas! Coñecidos tamén por rodolitos porque se van movendo polo fondo, rodando coas correntes e o mar de fondo para captar a luz por todas as súas caras. Teñen un papel importante no control da acidificación das augas, xa que empregan carbonato cálcico no seu esqueleto, así e todo, o seu crecemento lento de apenas 1mm por ano fai que as perturbacións no ecosistema lles afecten moito.

Foto 2. Mostra de rodolitos ou Maërl (Todo foi devolto ao seu lugar de orixe).

Despois puxemos rumbo a unha batea, onde nos mergullamos de novo co ROV observando o cultivo de mexillóns ata o fondo. Rapidamente nos atopamos cunhas 5 nécoras nun espazo de 2m2 pero tamén chamaba a atención a cantidade de estrelas de mar e algún que outro ourizo que andaban aproveitando os restos de materia que caía dende o cultivo.

Foto 3. Cultivo de mexillóns en batea acompañados dunhas algas laminarias no fondo.

Xa cando pensabamos que remataba a nosa ledicia, aumentou. Cunha rede collemos unha mostra de auga nun bote, parecía que había moita sucidade pero non! Tratábase de plancto que puidemos observar ao microscopio. Foi incrible ver o plancto no seu conxunto e saber que sen eles non habería nada máis no mar. Dentro do fitoplancto observamos varias especies de dinoflaxelados como Noctiluca (ollo ao mar de ardora!) ademais dalgunha cadea de diatomeas, mentres que no grupo do zooplancto atopamos larvas nauplio, zoea (de crustáceos) e incluso de equinodermos, ademais dunha larva de peixe á que vimos como lle latía o corazón. Sen dúbida poder ollar todo isto, que a simple vista semella non existir, é un dos mellores agasallos!

Foto 4. Imaxe da mostra de plancto ollada nun microscopio con 40 aumentos.

Para finalizar a nosa completa inmersión, e grazas a unha sonda, atopamos un pecio! Un barco afundido hai moito tempo que serve hoxe en día de refuxio para moitas especies, incluído un congro que semellaba moi atento á nosa mirada.

Deixando o buque amarrado na illa de San Simón, fixemos un percorrido, da man dos guías de Alecrín, que nos amosaron toda a illa e a súa interesantísima historia, dende leprosería, onde non había lepra (un nome pouco representativo), ata o bosque de buxos máis antigo de Europa. Era e segue sendo unha das madeiras máis impermeables e prezadas para facer menaxe de cociña.

Foto 5. O bosque de buxos máis antigo de Europa, aproximadamente 300 anos.

Foto 6. Medio grupo de trevinqueiros no bosque de buxos.

E, xa de volta ao porto deportivo de Vigo, non queda máis que agradecer a Ocean Secrets, a Alecrín e a todos vós a participación neste fermoso Día Mundial dos Océanos!! Tedes algunhas fotos máis premendo AQUÍ.

Unha aperta azul.

Cristina Fernández González, Vogal de Medio Ambiente.

Regresar a la lista