Actividades Montañismo e Sendeirismo

Marcha nocturna pola costa da Vela e cabo Home (sábado, 30 de xuño)

ALDÁN-DONÓN-CABO HOME- CANGAS


XA ESTÁ ABERTA  A LISTA para apuntarse a esta actividade.

 Quedaremos o sábado día 30 ás 19:45 horas na estación de autobuses de Cangas (xunto ao porto). Colleremos o bus de liña Cangas-Bueu que nos deixará en Aldán. Aqueles que o prefiran poderán saír á Praia de Vilariño (ao lado de Aldán) ás 20:15 horas. Cando nos xuntemos todos comezaremos a ruta.
O primeiro treito farémolo coa luz da tardiña, deixando ás nosas costas a ría de Aldán para chegar ao monte Facho á hora do solpor. Alí teremos uns intres de lecer antes de baixar a Donón, onde pararemos a cear (podedes levar bocata ou ben picar algo nos bares que hai alí). Aproveitaremos para reagruparnos antes de comezar a verdadeira marcha nocturna á medianoite.
Os máis rezagados poderán aparecer directamente en Donón, tendo en conta que terán que ver o xeito de voltar a recoller o automóbil ao día seguinte.
O percurso de Donón a Cangas farémolo camiñando sempre pola costa, sen apenas desnivel, seguindo camiños cómodos e tamén pola praia aproveitando a marea baixa. Será necesario levar roupa de abrigo e luz frontal -aínda que a lua chea nos dará boa visibilidade e tamén preciosas vistas da ría- xa que teremos que pasar un túnel.
 
Iremos de vagar, temos 6 horas para facer os 18 quilómetros ata chegar de novo a Cangas a tempo para ver a saída do sol e tomar unha chocolatada. Agradecemos se levades unha cunca para tomar o chocolate, así non andaremos deixando lixo.
 
Estaría ben que chamarades canto antes ao club para confirmar a vosa participación e así facilitar a organización co bus de liña e o almorzo. Non hai límite de prazas, podedes aproveitar e vir con amigos.
 
Se uns días antes temos unha mala previsión do tempo cancelaremos  a actividade. 
 
MÁIS INFORMACIÓN CHAMANDO AO CLUB