Sección de Medioambiente

Mar de ardora – Os lucecús do mar

Moito me sorprendeu que, de súpeto, a palabra “Ardora” ou “Mar de Ardora” estivese en boca de todos. Moitos medios de comunicación fixéronse eco do que está a acontecer estes días nas costas galegas.

Será porque eu estou relacionada co mundo mariño, e coas miñas prezadas microalgas, que para min isto non supoñía un fenómeno novo. De feito, a calquera pescador que lle preguntedes indicaravos que a bioluminiscencia “o arder do mar” axúdalles todos os estíos a atopar o peixe, e, ata Julio Verne mencionou este fenómeno en “20000 Leguas de viaje submarino” asentando moita curiosidade e gran cantidade de mitos e lendas ao seu arredor.

Así e todo, algo pasa este ano porque a palabra “Ardora” en España foi buscada en Google moitísimo máis que outros anos. Podédelo ver no seguinte gráfico. A última data é do pasado 16 de agosto, día no que se marcou o récord de busca dende que temos rexistro. Así que eu, encantada de observar ese interese xeralizado, vou tentar de desentrañar un pouquiño os misterios deste fenómeno.

Figura 1. Porcentaxe de veces que a palabra “Ardora” foi buscada no servidor de Google nos últimos 5 anos. O 100% data a día 16 de agosto do presente ano. Fuente: Elaboración propia; datos procedentes de Google.

O fenómeno

Vén unha pequena onda e o mar ilumínase… Non é unha pasada? A xente vai en busca dos ceos iluminados de cores verdes e azuladas ata latitudes moi altas do planeta. E nós, témolo na casa!

Quen tivera a sorte de ollalo, ou máis de fotografalo, sabe a maxia que desprende este fenómeno. Pero se alguén, ademais, se atreveu a darse un baño, ese sí, ese sí que sabe que non hai nada máis espectacular que a natureza en estado puro. Vaia sorte!

A responsable

Sempre andamos a buscar culpables, así que imos aló, a resolver o misterio paso a paso.

As encargadas de emitir luz son un grupo de diminutas algas mariñas que pertencen ao grupo dos denominados dinoflaxelados (que se moven grazas a movementos rotatorios e a un flaxelo, de aí o seu nome).

Unha destas microalgas, a máis famosa, chámase Noctiluca scintillans. Chamámoslles micro porque case non se ven pero poden chegar a medir ata 1 mm e, en conxunto, tinguen as augas dun tono alaranxado que pode ser apreciado durante o día nas nosas praias. Podédelas observar na seguinte imaxe.

Figura 2. Á esquerda, proliferación de Noctiluca en Bouzas en Agosto de 2018. Á dereita, Noctiluca vista no microscopio no laboratorio do IEO de Vigo. Fonte: Ambas imaxes son da autoría de F. Rodríguez sacadas do seu blog Fitopasión1, de lectura moi recomendable.

Ollo, son formadoras do que coñecemos como mareas vermellas, pero non todas as mareas vermellas están formadas por Noctiluca, tamén as forman especies do xénero Alexandrium, algunha bioluminiscente tamén e outras incluso tóxicas; pero disto xa falaremos noutro capítulo.

Noctiluca scintillans, ademais, ten outra peculiaridade e é que é heterótrofa, é dicir, captura presas; cousa que pasa nunha boa parte do grupo dos dinoflaxelados que prescinden de facer a fotosíntese a diferencia do resto das microalgas2, aínda que algúns poden facer simbiose con outras algas e chegan a sobrevivir sen inxerir alimento3.

O inmenso mundo dos dinoflaxelados…é apaixonante!

A luz é causada por unha reacción química que ocorre dentro do dinoflaxelado. A substancia chamada luciferina é responsable do brillo que, en presenza do encima luciferasa, reacciona co osíxeno e produce a luz azul que vemos no océano. É equivalente ao que lles ocorre aos lucecús na terra4, só que en vez de emitir luz amarela ou verde os dinoflaxelados emítena de cor azulada.

Cada vez que as células se senten perturbadas, actívanse estas reaccións químicas e emítense os destellos. Cada pequeno brilli brilli de luz é verdadeiramente curto! Dura tan só 0,5 microsegundos, pero cando vemos o mar azul é porque cada gota de auga contén miles destes organismos iluminándose e apagándose simultaneamente.

Aquí tedes un exemplo de como a perturbación do motor dunha embarcación ilumina toda unha estela azul ao seu paso.

Figura 3. Fotografía da navegación cara unha inmersión de mergullo nocturna na Ría de Vigo. Foto por Iñaki de Buceo Islas Cíes5, así como a foto da portada.

A razón de ser

Pero, cal é o sentido evolutivo deste comportamento? Que razón existe para gastar tanta enerxía en brillar? Xa sabedes que na natureza non se da puntada sen fío…

Pois, a comunidade científica non ten unha resposta clara ao sentido deste fenómeno, pero unha das hipóteses máis aceptada denomínase “Alarma contra ladróns” e está moi ben explicada no seguinte vídeo de divulgación científica producido por Divulgare (esta foi unha das primeiras clases de botánica mariña que recibín en segundo de carreira. Como non me ían conquistar así as algas?).

Vídeo explicativo do “Mar de ardora” dirixido por investigadores la Universidade de Vigo dentro do proxecto Divulgare6.

Brevemente, o vídeo explícanos que os predadores dos dinoflaxelados son organismos do plancto lixeiramente máis grandes que adoitan ser transparentes. A microalga, ao ser inxerida ilumínase provocando con isto que o predador tamén brille. Por que? Porque este predador estaría chamando a atención dos seguintes organismos na cadea trófica, é dicir, doutros pequenos peixiños con fame que atoparían as súas presas moi rápido xa que levarían unha lanterna dentro do bandullo.

Esta adaptación evolutiva, fai que o custo de comer unha Noctiluca sexa moi alto posto que expón ao predador a ser comido por outros.

Non vos parece incrible? O nome desta hipótese está moi ben escollida porque cada vez que un ladrón (predador) entra na propiedade (cómete) unha alarma de luces préndese para que a policía (o seguinte predador na cadea trófica) atope rápido o ladrón e sexa capturado.

O lugar, ¿por que é tan común en Galiza?

Este fenómeno obsérvase maiormente en zonas costeiras e rara vez se da no océano aberto2, polo tanto, algo ten que pasar aquí. O que pasa é que se acumulan cando as condicións fisico-químicas no mar son favorables.

Algo xa falamos da importancia dos afloramentos de augas profundas nas rías galegas. Sabemos que moita da produtividade e biodiversidade destas augas llo debemos a ese outro fenómeno. Pois, como non podía ser doutro modo, o mar de ardora e os afloramentos costeiros de augas profundas están relacionados.

Durante o estío, os ventos xeralmente predominantes do norte, fan que afloren augas máis profundas que veñen cargadas de nutrientes e que son aproveitadas inicialmente polas microalgas máis “voraces”. O aumento de temperatura nas augas superficiais durante a tempada estival (o pasado luns a auga no centro da ría estaba a 20.4ºC; aproveitade para darvos un baño!), fai que a columna de auga se estratifique quedando arriba as augas máis cálidas e abaixo as máis frías e, polo tanto, densas. Esa estratificación provoca que na superficie, especies como os dinoflaxelados, proliferen véndose favorecidos pola combinación de altas temperaturas, suficiente luz e elevada dispoñibilidade dos nutrientes que quedan do afloramento das augas.

Ademais, a morfoloxía costeira das rías, confire un espazo perfecto para que as proliferacións sexan contidas no interior das nosas praias.

Todo isto, en conxunto, fai que as costas de Galiza sexan un lugar único para desfrutar da bioluminiscencia. Non obstante, é imposible saber con certeza onde e cando podemos atopar o mar de ardora, pero se estamos atentos ás noticias, ao boca a boca e aos rexistros de temperatura da auga e de especies de fitoplancto que se publican semanalmente na web do INTECMAR7, as nosas posibilidades aumentan considerablemente.

O salto á fama

Pero… Hai máis mareas vermellas e mar de ardora que antes ou é que temos máis medios de información?

A resposta a esta pregunta non é doada. Estando inmersos neste contexto de cambio climático no que nos atopamos, con temperaturas do mar alcanzando records e con cambios nas dinámicas atmosféricas, un podería pensar que isto debía influír tamén nos afloramentos de augas profundas e na proliferación destas algas.

Aínda que todo apunta nesa dirección, a comunidade científica non atopa unha evidencia clara que vincule a maior observación de proliferacións de fitoplancto con fenómenos relacionados co cambio climático. A razón é que se precisan datos de series temporais. Non basta con ver se un ano hai mais ou menos mareas vermellas ou mar de ardora para asentar o principio de que a tendencia é o aumento. Para detectar esa tendencia hai que basearse en series de datos dos que, a pesar do gran esforzo de mostraxe que se está a facer nos últimos anos, aínda non dispoñemos para concluír un patrón claro.

En Galicia, a pesca e a acuicultura tradicionais representan un eslabón económico moi importante e estas están sustentadas polo fitoplancto. Durante as últimas décadas, as proliferacións de algas, bioluminiscentes ou non, foron un tema de estudo recorrente para entidades encargadas da xestión alimentaria e da saúde como a UNESCO, a FAO ou a OMS8 pola súa aparente expansión a nivel mundial e debido a que algunhas de elas, como comentabamos arriba, son tóxicas. Investigacións recentes concluiron que estes episodios aumentaron en frecuencia, intensidade e distribución xeográfica9,10  en todo o mundo debido a factores relacionados co cambio global. Pero outros estudios tamén suxeriron que esta evidencia é o resultado dun aumento do esforzo de mostraxe e non necesariamente dun aumento do fenómeno per se11.

Este contexto amosa a necesidade aumentar os esforzos da comunidade científica para chegar a unha resposta clara neste marco.

O que está claro, tal e como se amosaba no primeiro gráfico deste artigo, é que a información está xa en mans de todos nós, así que aproveitémola ben!

O respecto

Iso sí, se queremos desfrutar deste fenómeno, por favor, acheguémonos á beira do mar sempre en son de paz, respectando a natureza e os organismos que nela habitan así como a todas as demais persoas que queiran gozar desta experiencia única.

Vémonos no mar!

Cristina Fernández González, Vogal de Medio Ambiente.

Bibliografía e artigos relacionados

1https://fitopasion.com/tag/pedinomonas

2Harrison, P.J., Furuya, K., Glibert, P.M. et al. Geographical distribution of red and green Noctiluca scintillans . Chin. J. Ocean. Limnol. 29, 807–831 (2011). https://doi.org/10.1007/s00343-011-0510-z

 3Sweeney B.M. Pedinomonas noctilucae (Prasinophyceae), the flagellate symbiotic in Noctiluca (dinophyceae) in Southeast Asia. J Phycol 12:460-46 (1976).

4Langley, L. How fireflies glow (and what really turns them on, National Geographic (2016).

5https://buceoislascies.es/

6http://plantecology.webs7.uvigo.es/

7http://www.intecmar.gal/informacion/fito/estacions/Default.aspx

8Lawrence, J., H. Loreal, H. Toyofuku, P. Hess, K. Iddya, and L. Ababouch. 2021. Assesment and management of biotoxin risks in bivalve molluscs.

9Wells, M. L., B. Karlson, A. Wulff, and others. 2020. Future HAB science: Directions and challenges in a changing climate. Harmful Algae 91. doi:10.1016/j.hal.2019.101632

10Anderson, D. M., E. Fachon, R. S. Pickart, and others. 2021. Evidence for massive and recurrent toxic blooms of Alexandrium catenella in the Alaskan Arctic. Proc. Natl. Acad. Sci. U. S. A. 118. doi:10.1073/pnas.2107387118

11Hallegraeff, G. M., D. M. Anderson, C. Belin, and others. 2021. Perceived global increase in algal blooms is attributable to intensified monitoring and emerging bloom impacts. Commun. Earth Environ. 2. doi:10.1038/s43247-021-00178-8