O mércores 23 de Marzo temos unha cita no auditorio do Concello de Vigo ás 20:00h para coñecer un pouquiño máis sobre a problemática dos microplásticos no oceano (ver programa). De momento imos abrindo boca co seguinte artigo.
Un océano limpo.
Este é un dos obxectivos a alcanzar no Decenio das Ciencias oceánicas para o desenrolo sostible proclamado pola ONU para o período 2020-2030. Durante esta década trátase de reunir á comunidade científica, políticos, empresas e sociedade civil de todo o mundo arredor dun marco común para lograr 17 obxectivos de desenrolo sostible, os chamados ODS. Un deles, o ODS14, denomínase “Vida mariña” e inclúe entre as súas metas “a redución da contaminación mariña” que trataremos aquí, centrada no lixo mariño.
Esta problemática é centro de interese da comunidade científica desde fai anos. En 2008, a UE estableceu a Directiva Marco sobre a Estratexia mariña 2008/56/CE para alcanzar o bo estado ambiental do medio mariño europeo (BEA). Nela considérase o lixo mariño un dos factores (descritor 10) que afectan negativamente ó BEA sendo a nivel nacional as Estratexias Mariñas a ferramenta para a fixación de obxectivos ambientais, o seguimento e a execución de medidas para lograr o BEA.
Que é o lixo mariño?
Baixo o termo Lixo mariño englóbase «calquera sólido persistente de orixe no natural (manufacturado) que fora descartado, depositado ou abandonado en ambientes mariños e/ou costeiros»1.
Segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente (en inglés, European Environment Agency– EAE) cada ano entran no océano aproximadamente 10 millóns de toneladas de lixo mariño. A súa orixe está en moitas actividades tales como a pesca, a navegación, o turismo, as actividades de lecer, etc. O 80% do lixo é de orixe terrestre a través dos ríos, a escorrentía, os sumidoiros ou pola acción do vento e o 20% restante procede de actividades marítimas.
O lixo mariño está presente en todos os ambientes mariños, ó longo da costa en praias e estuarios, flotando na superficie e ó longo da columna de auga como zona de transición entre a superficie e o fondo mariño e tamén depositada nos fondos mariños someros e profundos.
É una ameaza global para ó océano que non entende de fronteiras e provoca impactos ecolóxicos que afectan á biodiversidade dos organismos mariños e ó equilibrio dos ecosistemas; impactos económicos que fan dano a sectores como a pesca, o turismo e a navegación; e impactos sociais como a saúde humana e a seguridade, entre outros.
Organismos mariños como o plancto, as aves, os peixes, as tartarugas e os mamíferos mariños enfróntanse a riscos de intoxicación, trastorno do comportamento, inanición e asfixia2. Os efectos son letais e subletais. Algúns organismos confunden o lixo mariño coas súas presas habituais e ó inxerilas poden provocarlles asfixia, falsa sensación de saciedade, feridas a externas e internas e incluso a morte. Outros organismos poden quedar atrapados e enredados en redes, trasmallos ou outras artes de pesca, que abandonadas ou perdidas por accidente, seguen pescando. É o que se coñece como pesca pantasma (como se expón na foto de portada).
Algo pasa co plástico…
A pesar de que existen diversos tipos de lixo mariño, tales como o vidro, papel e cartón, metal, madeira, residuos sanitarios, etc., os plásticos supoñen a fracción máis grande, prexudicial e persistente, asumindo polo menos o 85% do total do lixo mariño2 (Ilustración 1)
Ilustración 1. Plásticos no océano (Autor: NOAA)
A produción de plástico medrou exponencialmente dende a década de 1950 xunto co aumento da poboación e do consumo. Algunhas razóns son o seu baixo coste, lixeireza, durabilidade, difícil deformación e resistencia á degradación e corrosión3.
O plástico, nalgúns aspectos, facilitounos a vida aportando seguridade no sector do automóbil e a aviación (lixeireza, menor uso de combustible, airbags), seguridade na conservación de alimentos con envases e embalaxes resistentes, numerosas utilidades como dispositivos e materiais en medicina (prótese, catéteres…) etc. Porén, a súa mala xestión e a excesiva fabricación e consumo de plásticos dun só uso (SUP) están xerando moito lixo mariño. A súa propiedade de “usar e tirar” que celebrábase no ano 1955 (Ilustración 2) é hoxe en día unha ameaza. Moitos destes plásticos, tras un mal uso, alcanzan o mar e tardan moito tempo en degradarse en comparación coa súa corta vida útil (Ilustración 3). Un terzo da produción total de plásticos actual está integrada por envases desbotables que se abandonan ó cabo dun ano ou incluso menos4.
Ilustración 2: Vida de usar e tirar (Fuente: The LIFE Picture Collection. Autor: Peter Stackpole)
Ilustración 3: Tempos estimados de descomposición de obxectos comúns no lixo mariño (Autor: NOAA))
A maioría dos plásticos non se biodegradan. Fragméntanse
Os residuos plásticos diferéncianse en macroplásticos e microplásticos. Os macroplásticos (maiores de 5 mm) se descompoñen na costa ou no mar por efecto do vento, a acción mecánica da oleaxe, a exposición a elevada temperatura e radiación solar, etc. Co tempo vanse desfacendo en fragmentos cada vez máis pequenos, coñecidos como microplásticos (menores de 5mm) (Ilustración 4) que poden provocar efectos prexudiciais nos organismos e na biodiversidade e funcionamento do ecosistema mariño. Son os chamados microplásticos secundarios.
Ilustración 4: Orixe e tipos de microplásticos (Autor: Ocean of Plastics)
Por outra banda, están os microplásticos primarios (menores de 5 mm) que son de tamaño pequeno en orixe e son moi comúns en forma de pellets ou microesferas en produtos de hixiene persoal (pasta de dentes), limpeza, cosméticos (exfoliantes), produtos industriais (abrasivos), etc.
Os microplásticos poden producir efectos adversos no medio ó poder transportar especies invasoras e pola liberación dos aditivos químicos utilizados na súa fabricación (pigmentos, espesantes, endurecedores, etc.) e de toxinas que por adsorción quedaron retidas na superficie. Isto é especialmente preocupante cando son inxeridos por organismos e entran a formar parte da cadea trófica. Estes efectos poden ser subletais e afectar ó crecemento, alterar o sistema hormonal, entre outros e están sendo estudiados.
Entrada na cadea trófica
Gran cantidade de microplásticos están pasando á cadea alimenticia e ós fondos oceánicos (Ilustración 5). Varios autores indican que a maior inxestión de plásticos por fauna mariña a nivel mundial céntrase no Mediterráneo e no nordeste do océano Índico5. Case o 80% de peixes estudados no noroeste de España conteñen microplásticos nos seus tractos dixestivos6.
Ilustración 5: Impacto dos macroplásticos e dos microplásticos na biota (Fuente: Basuras marinas, plásticos y microplásticos: orígenes, impactos y consecuencias de una amenaza global. Elisa Rojo-Nieto y Tania Montoto, Área de Medio Marino de Ecologistas en Acción (2016). Autora de la foto: Vanessa González Ortiz, licencia baixo CC BY-NC-SA 3.0 ES)
A contaminación mariña por lixo mariño e plásticos tamén entraña un risco para a saúde e o benestar dos seres humanos. Isto é debido á exposición aberta á queima de residuos plásticos, a inxestión de peixes e mariscos que poidan estar contaminados con plásticos, a exposición á bacterias patóxenas transportadas en plásticos, etc2. Estas implicacións e consecuencias na saúde do ser humano están aínda en estudio.
Que podo facer eu como cidadán?
Son moitas as iniciativas que existen para loitar contra o problema do lixo mariño, xa ben sexa a través de cambios na lexislación, programas de seguimento nacionais e internacionais, proxectos de investigación, campañas de concienciación, iniciativas de asociación empresariais e de ONGs, etc. Porén, é necesario máis que nunca a labor individual para evitar e reducir esta ameaza.
Un recente estudo sobre a análise en twitter da interese dos cidadáns na contaminación mariña identifica os seguintes temas de conversación arredor desta problemática: o impacto na fauna, o efecto dos plásticos e microplásticos na calidade da auga, as cantidades vertidas ó mar, a necesidade de tratados globais, e, por último, as iniciativas cidadáns, de empresas e ONGs sobre lixo mariño7.
O Decálogo cidadán contra o lixo mariño presentado no Congreso Nacional de Medio Ambiente (CONAMA 2016) crea conciencia fronte a esta problemática e propoñe boas prácticas e hábitos de consumo responsables para prever a produción de lixo mariño.
Aplicar a “Regra das 3R: Reducir, Reutilizar e Reciclar” xa non es suficiente; agora xa se fala das 6R: Reducir, Reutilizar, Reciclar, Reparar, Rexeitar e Rediseñar. Iso sí, en ambas as dúas, Reducir é primeiro e máis importante.
Consumir de forma responsable, alargando a vida útil dos produtos e apostando por produtos fabricados segundo o modelo de economía circular, así como reducir e eliminar o consumo dos plásticos dun só uso, son posibles solucións.
Canto tempo usamos unha bolsa de plástico ou un bastoncillo dos oídos? Moi pouco, comparado cos anos que as bolsas (10-20 anos) e os bastoncillos (máis de 150 anos) tardan en degradarse no medio mariño. As cabichas tamén son lixo mariño tras ser tiradas ó chan, en aceiras, ríos, inodoros, praias, montes, etc. Segundo un estudio sobre os plásticos dun solo uso, no proxecto CleanAtlantic: la lucha contra la basura marina en el Área Atlántica, as cabichas son o obxecto máis común nas praias de Europa (Foto 7). No mar, ademais de producir contaminación visual e efectos físicos como a asfixia ou inxestión nos organismos mariños, poden ser un risco toxicolóxico debido ás sustancias que acumulan8.
Ilustración 6. Plásticos dun solo uso máis común nas praias de Europa (Autor: http://www.cleanatlantic.eu/es/awareness-raising/)
Da un paso máis, fai Ciencia cidadá. Participar en actividades de ciencia cidadá con centros de investigación ou ONGs que desenrolan actividades e proxectos para frear o lixo mariño, é unha forma activa de tomar conciencia e contribuír a súa redución. Existen moitas iniciativas de ciencia cidadá en praias dado o seu fácil acceso e interese. Pincha aquí (https://www.miteco.gob.es/es/ceneam/recursos/mini-portales-tematicos/reeducamar/reeducamar-ciencia-ciudadana.aspx).
Unha iniciativa de éxito recente levada a cabo en Galicia é o proxecto “Red: para la recuperación de los ecosistemas marinos en el Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia” que levou a cabo accións coa poboación local e o sector pesqueiro para a recollida e caracterización de lixo no entorno do Parque Nacional.
E isto é todo o que vos quería contar. Espero que a información aquí compartida contribúa a que cambiemos os nosos hábitos para ser máis respectuosos co océano que tantos beneficios nos aporta.
O océano é demasiado grande para ignoralo (Jane Lubchenko)
Patricia Quintas, Comité de Medioambiente
Agradecementos
Quero agradecer ó equipo científico e especialmente ó Dr. Jesús Gago, científico titular do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC) por facerme partícipe do coñecemento xenerado nos proxectos de investigación sobre lixo mariño mencionados nesta entrada. O texto aquí escrito é unicamente responsabilidade da autora.
Etiquetas
Lixo mariño, Ocean of Plastics, CleanAtlantic, Red2, ciencia ciudadá, microplásticos, macroplásticos
Referencias bibliográficas
1UNEP (2009). Marine Litter: A Global Challenge. Nairobi: UNEP. 232 pp. https://wedocs.unep.org/handle/20.500.11822/7787;jsessionid=643E4299FCA741D6258EC6DECE28D3B9
2UNEP (2021). From Pollution to Solution: A global assessment of marine litter and plastic pollution. Nairobi. 148 pp. https://www.unep.org/resources/pollution-solution-global-assessment-marine-litter-and-plastic-pollution. Vs interactiva Español: https://www.unep.org/interactive/pollution-to-solution/?lang=ES
3Elías, R. (2015) Mar del plástico: Una revisión del plástico en el mar. Rev. Invest. Desarr. Pesq., 27: 83-105. https://bit.ly/2rEZGes
4Bilbao, A. (2015) Desengancharse del plástico: problemas de un material ubicuo. Ecologistas en Acción. 20 pp. https://www.ecologistasenaccion.org/21000/informe-desengancharse-del-plastico/
5López-Martinez, S.; Morales-Caselles, C.; Kadar, J. and Rivas, M.L. (2020) Overview of global status of plastic presence in marine vertebrates. https://onlinelibrary.wiley.com/doi/abs/10.1111/gcb.15416?af=R
6Filgueiras, A.V.; Preciado, I.; A. Cartón, A. and Gago, J. 2020. Microplastic ingestion by pelagic and benthic fish and diet composition: A case study in the NW Iberian shelf. Marine Pollution Bulletin 160. https://www.sciencedirect.com/science/article/abs/pii/S0025326X20307414?via%3Dihub
7Otero, P.; Gago, J. and Quintas, P. (2021). Twitter data analysis to assess the interest of citizens on the impact of marine plastic pollution. Marine Pollution Bulletin 170: https://www.sciencedirect.com/science/article/abs/pii/S0025326X21006548?via%3Dihub
8Santos-Echeandía, J., Zéler, A., Lacroix, C. and Gago, J. (2021). The role of cigarette butts as vectors of metals in the marine environment: could it cause bioaccumulation in oysters? Journal of Hazardous Materials 125816.
https://www.sciencedirect.com/science/article/abs/pii/S0304389421007809?via%3Dihub
Outros recursos de interese
Corto Lemon: https://www.nationalgeographic.com.es/naturaleza/lemon-corto-para-concienciar-problema-plastico_14361
Vídeo “Ponle remedio”: https://www.youtube.com/watch?v=8UHCHRevPFM
Video “CleanAtlantic”: http://www.cleanatlantic.eu/es/video/
Video Basuras marinas: impacto y soluciones (MITECO): https://www.youtube.com/watch?v=DZcXCK_JSzE
Mare plasticum: arte y basura marina: https://www.arsciencia.org/catalogues/
Recursos didácticos y juegos: CleanAtlantic: http://www.cleanatlantic.eu/es/awareness-raising/
Recursos didácticos, infografías y gifs: Ocean of Plastics: http://oceansofplastics.campusdomar.gal/recursos/