Actividades Montañismo e Sendeirismo, Campamento Verán

LEMBRANZA DO VERAN 2022 NOS DOLOMITAS DE BRENTA

Ao Norte de Italia, nos Dolomitas de Brenta-Adamello, desenrolamos a nosa actividade deste verán 2022.

Con base no Passo del Tonale, entre Lombardía e Trentino, e cunha meteoroloxía favorable  xa que, por sorte as tormentas finalmente non chegaban ata ben entrada a tarde,  puidemos cumprir co calendario montañeiro deseñado dende Vigo.

Deste xeito, o día 1 de Agosto, comezamos as nosas ascensións todos xuntos, os cincuenta e cinco participantes,  como adoitamos a facer sempre na primeira xornada. O cume escollido foi  a Cima Serodoli, de 2370 m de altitude. Neste cume, o noso Presidente Carlos Garrido, deu lectura a un manifesto conmemorativo do Centenario da FEDME que, precisamente neste mesmo día hai cen anos  quedaba constituída e celebra agora esta importante data do montañismo español.

 

Logo, xa nas xornadas seguintes formáronse dous grupos para afrontar as sucesivas  ascensións segundo os graos de dificultade e as características ou desexos de cada un.

A Ferrata de Sosat, no día dous, nun entorno espectacular próximo ao refuxio de Tuckett,  polo cal pasamos todos, cumpriu as expectativas do que había ser o primeiro contacto coas paredes calizas deste lugar alpino.

 

O cume de  máxima altitude ascendido foi o monte Vioz, de 3645 m. Se ben non puidemos facer o desnivel que agardábamos, por mor de cuestión loxísticas e de tempo, si desfrutamos dunha típica ascensión por una forte pedreira ata o refuxio de Mantova situado apenas cen metros máis baixo que o propio cume. Dende este contemplase o fermoso e espectacular glaciar Forni que, como todos, está en claro e lamentable retroceso.

Excelente xornada esta tamén para o grupo B que sumaron varios cumes por riba dos dous mil metros cresteando ao longo da súa actividade que rematou no mesmo Tonale.

Fóronse sucedendo as actividades, Redival de 3973 m, Oreintale 2696 m, o día 4. Presena de 3069 m e Ferrata Sentiero del Fiori o día cinco, rematando  esta xornada visitando a vila de Ponte di Legno. Chegamos así  ao día do merecido descanso no cal  desprazámonos co bus  polo Val di Sole para visitar a fermosa e cultural vila de Trento situada máis ao Sur da nosa base.

Novamente os grupos A e B realizamos xuntos  o día sete a ascensión a Cima Sorti de 2433 m  percorrendo cumes inzadas de trincheiras da primeira guerra mundial, como moitos dos lugares visitados durante este días.

Para remate da nosa actividade montañeira neste macizo alpino nos encamiñamos para ascender ao Salimo (3155 m) que nos ofreceu máis dificultades das previstas ao atoparse a aresta cimeira e o acceso a esta totalmente derruído polo retroceso do glaciar, coa consecuente inestabilidade da morrena que nos atopamos. Unicamente un grupo composto por catorce persoas deron chegado a este cume co cal poñíamos fin a nosa actividade.

Logo, tras a cea de despedida, chegou a festa final e os aplausos e felicitacións  para aqueles e aquelas que conseguiron os seus primeiros “tresmiles” co club. NORABOA.

 

 

Cunha viaxe de volta sen contratempos, tanto para os que retornaron en avión como os que o fixeron en bus, que visitaron durante unas horas a fermosa vila de Aix en Provence, chegamos a Vigo satisfeitos desta nova aventura co club e orgullosos da nosa actividade e da extraordinaria convivencia durante estes dez días nos Alpes Dolomitas.

 

 

Moitas Grazas a todos e a todas e, para lembrar en imaxes o que vimos de resumir, podedes facelo premendo nos siguientes elenlaces:

Fotos día 31 julio y 1 agosto Fotos día 6 agosto
Fotos día 2 agosto Fotos día 7 agosto
Fotos día 3 agosto Fotos día 8 agosto
Fotos día 4 agosto Fotos día 9 agosto
Fotos día 5 agosto

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Regresar a la lista