Sección de Medioambiente

II Xornada de erradicación de Eucalipto na Serra do Galiñeiro (17/09/22)

Como xa avanzamos na circular de Setembro, este sábado ímonos de cazaeucaliptos!

Quedamos ás 09.30h no parque forestal do Monte Galiñeiro con Xose, da comunidade de montes de Vincios, para ir nesta segunda xornada a colaborar cos grandes proxectos desta asociación eliminando eucaliptos e repoboando con frondosas. Será preciso que o que poda leve unha macheta, tesoiras de poda grandes ou calquera ferramenta últil, xa que non temos para todos. O transporte esta vez farase de xeito individual e remataremos cara as 13:15h. A efectos de quorum é preciso chamar ao club antes do xoves para anotarvos (telf. 986420551).

A problemática das especies exóticas invasoras xa a comentamos aquí polo que, centrándonos no eucalipto, imos dar por aquí unhas pinceladas máis de como avanza a nosa particular transición ecolóxica.

Comentado tamén neste artigo sobre o eucalipto de hai un ano, no 2021 iniciouse a elaboración dun novo plan forestal para a nosa comunidade onde se inclúen actuacións entre 2021 e 2040, plan denominado en redes como “Hacia la neutralidad carbónica”.

Este plan ten unha dotación económica de 9400 millóns de euros e entre os seus obxetivos principais destacan os seguintes:

  • Preténdese repoboar de frondosas mais de 425000 hectáreas (ha), a maiores de levar a cabo actuacións de mantemento sobre o 15% restante dos bosques actuais vivos e autóctonos, pero esquecidos.
  • Preténdese aumentala sembra de coníferas de variedades xenéticas escollidas en 20000 ha. Na miña opinión, esto podería ser un intento de transición económica de eucalipto a piñeiro para atender a demanda da industria madereira.
  • E agora sí, preténdese reducir o 5% da superficie actual de eucalipto pero mellorala produtividade destas plantacións alí onde quedan controladas.

No tocante a este último punto, mentres a lei non estea aprobada existe a Lei de recuperación da terra agraria de Galiza, de carácter transitorio, onde xa se regulan as actuacións que teñen que ver coas especies do xénero Eucalyptus.

Nesta lei dictaminouse que ata finais de 2025 só estará permitida a nova planta de exemplares cando se trate de replantar zonas xa adicadas a este tipo de explotación en máis do 50% da súa superficie ou a fín de substituír unha plantación xa existente pero que teña cambio de uso, por exemplo, se cambias eucaliptos por piñeiros podes plantar a mesma superficie de eucalipto noutro lado (¿?).

Aínda que reducir un 5%, ou simplemente seguir plantando noutros casos, non é unha solución o problema, o que sí axuda é a finalidade da última lei mencionada cuxo obxetivo principal é reforestar terreos que tiveran caracter forestal no pasado, pero que quedaran rasos a causa de talas, lunes, plagas ou tralo efecto de axentes meteorolóxicos extremos. Esta recuperación ten como finalidade o uso agrícola, gandeiro ou forestal e no seu contido enmárcanse tamén axudas económicas de carácter social para incentivar o crecemento demográfico nestas áreas abandoadas.

Na elaboración do novo plan forestal de Galiza consta de maneira moi explícita que, ‘co fin de propiciar a maior participación social, serán consultados os propietarios forestais, particulares e montes veciñais, as entidades locais, o sector empresarial e os demais axentes sociais e institucionais interesados’. Coma non sabemos se esto será ou non vinculante, a nosa actuación como cidadáns concienciados coa problemática diríxese a axudar a aqueles que levan anos traballando coa mesma intención: repoboar os montes da nosa contorna con especies autóctonas, xestionalos e coidalos baixo o lema de que unha plantación controlada constitue un maior sumideiro de carbono e dificulta en maior medida a expansión de lumes.

Dende o Club facemos un chamamento a que vos animedes a traballar media xornada do sábado con nós, os beneficiarios non só son os montes senón todos nós.

Vémonos no monte, unha aperta.

Cristina Fernández González, vogal de medio ambiente.

Referencias

Lei de montes https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2012/20120723/AnuncioC3B0-050712-0001_gl.html

Lei de uso agrario de Galicia https://www.boe.es/ccaa/dog/2021/094/g24908-25102.pdf

Regresar a la lista