ASÍ EMPEZAMOS...EMBRIÓN DO MONTAÑISMO EN GALICIA

Coa montaña dende 1944

      Gonzalo Gurriarán, médico represaliado despois da guerra de 1936, confinado no seu Barco de Valdeorras natal, trataría de «resolver» a mermada área de relación dos «perdedores» coa creación de Peña Trevinca. E, ao tempo, colmar unha vella aspiración moi acorde co ambiente onde se educara: fomentar o asociacionismo naturalista deportivo fóra da rede oficial, potenciando as belezas naturais galegas, en concreto a montaña, dunha forma interdisciplinar. Arredor do proxecto aglutinaría a un grupo de vellos e novos montañeiros vigueses, pioneiros do asociacionismo deportivo en Galicia:

Ler máis

   Integrantes do “Centro Excursionista Galego”, antiguos compañeiros galegos da “Residencia de Estudiantes”, colegas de profesión… aos que se sumarían representantes  das elites nas vilas e cidades, atraídos pola actividade  que este club despregaba, vinculándose todos eles a un proxecto “moderno” e interdisciplinar (sendeirismo, coñecemento deportivo do medio montañeiro, divulgación histórica, divulgación da flora e da fauna…) que incluía a persoas de certa relevancia en campos diversos.

    Corrían os primeiros meses do ano 1944, cando catro animosos amigos da montaña e a súa contorna, no transcurso dunha xornada de esquí  en Manzaneda, descobren que máis ao Leste, había outras montañas de rechamantes perfís e con abundancia de neve. Os irmáns Antonio e Pepe Villaverde, Natalio Abad e José Barbosa, eran os nomes daquela semente do montañismo en Galicia. Non tardaron moito tempo en tratar de satisfacer a súa curiosidade e desprázanse ao Barco de Valdeorras en busca dun acceso ao macizo de Pena Trevinca. Tópanse aquí cun non menos entusiasta da montaña e a natureza, o Dr. Gonzalo Gurriarán, médico cirurxián que exerce a profesión na zona, o que lle brinda a oportunidade de achegarse por sendas e pistas mineiras ata o máis alto do macizo. O encontro non podía ser máis frutífero, pois sería a faísca necesaria para o arranque do montañismo, a conxunción de entusiasmos imprescindible para que a afección aos deportes de montaña eclosionase e se difundise. Deste xeito iníciase a andadura dun club que, día a día, incrementaba o número de socios e actividades polas montañas de Galicia.

Primeiro número do noso boletín informativo. Un documento histórico, para o recordo.

AO REDOR DE 800 SOCIOS

     Dentro dos espazos asignados no club polo seu «ideólogo» Gonzalo Gurriarán, coa finalidade de darlle un carácter multidisciplinar á entidade, incorporáronse certas actividades como elementos de atracción: a cobertura científica, representada polos profesores da Universidade de Santiago: 

     Cacharro, Bellot, Ribas… promotores á súa vez da actividade montañeira entre os estudantes composteláns; a divulgación do coñecemento xeolóxico e as actividades deportivas de montaña, que o profesor da Universidade Central Francisco Hernández Pacheco levou a cabo nunha xira de conferencias por Galicia, atraendo a montañeiros consagrados, como Baldomero Sol e José María Galilea ,  a impartir cursos e actividades formativas; no eido do galeguismo, sería Otero Pedrayo o que cubriría a parcela de intelectual galeguista.     

Ler máis

     Como gran orador e divulgador da paisaxe galega D.Ramón Otero Pedrayo, xa desde 1949, levaría a cabo unha serie de intervencións co obxecto de fomentar o montañismo desde o punto de vista intelectual. Tamén deixaría pegada nalgún dos boletíns que o Club editaba.

     Entre os militantes galeguistas afiliados ao club estaban: Amalia Álvarez Gallego (viúva de Alexandre Bóveda), Gonzalo Mucientes de Pontevedra, O Dr. Obella e o Dr. Castro de Vigo, os médicos ourensáns Arturo López Trasancos e Gonzalo Courel.

     Ao longo dos máis de setenta anos de existencia do Club Peña Trevinca, pasaron pola súa secretaría máis de seis mil persoas para afiliarse ao club e participar dun modo, máis ou menos intenso, nas distintas actividades, montañismo, sendeirismo, escalada ou esquí que se organizan durante o transcurso do ano.

     Hoxe en día mantemos unha base social estable que xira ao redor de 800 socios, cun nivel de afiliados á F.G.M. dun 35%, o que nos converte nun dos clubs de Galicia con maior índice de licenzas federativas. Ao principio, o novo socio interésase por participar e acudir ás actividades que as distintas vocalías organizan mes a mes e que se convocan mediante a Circular Informativa. Máis adiante xa se sente parte da gran familia de «trevincos/as», mesmo participando na elaboración de actividades.

 

ASÍ FOI A NOSA FUNDACIÓN

      Reunidos uns cantos afeccionados á montaña, pensamos na posibilidade de organizar unha sociedade que agrupase aos montañeiros e esquiadores dispersos por Galicia. En abril de 1944 vería a luz o Club Peña Trevinca Montañeros de Galicia, da man de Gonzalo Gurriarán, o seu fundador.

   Esta acción materialízase en Madrid, na Federación Española de Montañismo, de cuxos directivos recibimos os mellores ánimos, tendo unha gran difusión na prensa galega da época.

     Victoriano Miguélez, técnico da mina de Valborrás (Casaio), Eduardo Fontes, tamén traballador neste complexo mineiro e Julio Gurriarán, irmán de Gonzalo e estudante de Medicina, daquela en Madrid, serían os asinantes da partida de nacemento do club. 

Ler máis

      Logo veu a difícil tarefa de ir atopando na nosa rexión elementos para nutrir as filas de «Trevinca». Cartas a amigos, notas na prensa e indagacións varias. Aos poucos, foron chegando adhesións: unhas,  entusiastas, de vellos alpinistas que xa arrinconaran esquís e piolets,    outras, de montañeiros que descoñecendo as montañas galegas organizaban complicadas viaxes a puntos afastados da nosa rexión ou ben, outros moitos deportistas que, desexosos de escalar cumes e de esquiar, non estaban iniciados nestas disciplinas por ignorar a existencia dunhas montañas marabillosas que hoxe, coa nosa organización están  ao alcance de todos.

Foto de club

A nosa directiva

Por acordo da Federación Española de Montañismo e a proposta da comisión organizadora, quedou constituída a directiva de «PEÑA TREVINCA»na seguinte forma:

LOCAIS SOCIAIS AO LONGO DA HISTORIA

     A través dos anos e a medida que a sociedade ía crecendo, o centro de reunión e lugar de forxa das actividades e proxectos do Club Peña Trevinca en Vigo, foi cambiando en busca de máis espazo e funcionalidade para as distintas seccións.

      A primeira localización do club sitúase na rúa San Vicente, no que hoxe é o bar Vincios, un local de dimensións suficientes para entón, no que se reúnen directivos e socios para programar as distintas actividades sociais.

Ler máis

     Máis adiante, a sede social desprázase ao piso segundo do nº 35 da rúa do Príncipe, local composto de tres dependencias destinadas a Secretaría, biblioteca-sala de lectura e recepción-bar. Con posterioridade, conséguese o piso terceiro quedando no segundo a Secretaría e a Sala de Xuntas e Reunións e no piso superior, unha ampla sala de lectura, sala de xogos-asembleas, sala de xogos de mesa, cuarto de material, bar e un pequeno anexo para o grupo «Os Chicharros».

   Cando comezou a especulación inmobiliaria, convidáronnos a deixar as instalacións xa que a renda que viñamos pagando era moi pequena para uns locais cunha situación envexable. Buscáronse opcións e demos cun local duns 90 metros na rúa Brasil, sen dividir e en obra. A Xunta Directiva de entón, deu o gran paso de tomar a indemnización dos propietarios da sé de Principe, e cunha hipoteca e uns bonos sociais, facerse co local e con prestación persoal adecuado ás nosas necesidades. Desde a perspectiva de hoxe, habemos de recoñecer o acerto e a valentía da determinación de entón.

PRESIDENTES NA VIDA DO CLUB

Empapado no ambiente «institucionista»no que se educara (Residencia de Estudiantes de Madrid, na época dourada deste organismo educativo, entre 1923 e 1928, é tesoureiro, ampliando a formación cirúrxica en Estrasburgo, Francia, con bolsas  da Junta para la Ampliación de Estudios) Gonzalo Gurriarán, médico represaliado logo da » sublevación» de 1936, confinado no seu Barco de Valdeorras natal, trataría de «resolver» a mermada área de relación dos «perdedores» coa creación de Club Pena Trevinca.

Ler máis

Agradecemos a todos a súa contribución, esforzo e dedicación ao club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia.

fotofundadores1

Breve historia do primeiro refuxio

   Constituída a sociedade con tres núcleos principais, no Barco de Valdeorras, Ourense e Vigo, inícianse intensas xestións ante a F.E.M. en busca das axudas financeiras necesarias, para a construción dun refuxio de montaña que facilitase a base para as máis intensas actividades deportivas na alta montaña galega .

    Así, dunha carta que o Dr. Gurriarán lle dirixe ao cronista do diario vigués «El pueblo gallego», Sr. Navarro, podemos entresacar estes interesantes parágrafos: «Eu estaba disposto a acompañarvos, pois sigo crendo que, sen a nosa modesta organización PEÑA TREVINCA e os seus servizos no Barco, é imposible aventurarse por estas montañas nunha excursión de tanta envergadura. Complicada orografía, falta total de albergues en moitos quilómetros, indíxenas recelosos por xustos motivos difíciles de explicar por carta, meteoroloxía moi variable…”

    Tanto traballo e tesón comezarían a dar os seus froitos e, en novembro de 1944, a F.E.M. aproba no Plan Nacional de Refuxios, cos orzamentos de 1945, a construción do refuxio de Fonte da Cova.

   No transcurso do ano 1945, realízase un intenso labor de ascensións e colocación de buzóns nas principais montañas de Galicia. Visítanse de forma incesante Trevinca, Os Ancares ou O Courel, así coma outros cordais de menor altitude, o que supón o asento básico do montañismo en Galicia.

MURAIS 65º ANIVERSARIO

  Murais realizados no 2009  pola Vocal Social Rosa Ramilo, con motivo da celebración do 65 Aniversario do Club. A información resumida nos mesmos foi obtida  do libro “Gonzalo Gurriarán Gurriarán ( 1904-1975 )”, no apartado sobre a Fundación do Club Peña Trevinca. Este libro foi escrito por Ricardo Gurriarán Rodríguez no ano 2005.

CELEBRACIÓN 75º ANIVERSARIO

No ano 2019 o club celebrou distintos actos co motivo do seu 75º Aniversario. Actos sociais e culturais, como o ter traído por primeira vez a Galicia o Festival de Cine Banff de Canadá, e distintas conferencias de aspecto deportivo destacando as de Manu Córdova ou Marc Subirana.

O club recibiu, así mesmo, unha Mención Especial na Gala do Deporte de Vigo por parte do Concello e, tras a exposición sobre os 75 anos de historia de esta entidade, montada na Casa Galega da Cultura do Concello de Vigo, xa no ano 2020 por causa do Covid 19, foi nomeado por parte do Concello de Vigo co galardón de Vigués Distinguido.

Socios de O Barco e Vigo na celebración do 75º Aniversario

Socios de Vigo e O Barco diante do refuxio de Fonte da Cova

GALERÍA DE FOTOS DO ANTIGO LOCAL SOCIAL DA RÚA DO PRINCIPE (anos 1959-1986)