ACTIVIDADES DE ESQUÍ

Tamén neste caso, atopámonos afastados das grandes estacións de esquí que hai no resto do territorio español. Ao ser  Galicia  un lugar onde non neva moito,  a estación de Manzaneda apenas cumpre coas expectativas dos esquiadores, con cotas entre 1550 m. e 1780 m. Se ben, cando as condicións son moi boas, non deixamos de acudir a esta estación, sobre todo as nosas seccións infantís e xuvenís.

Daquela, e non obstante, chegada a época invernal o Club Pena Trevinca Montañeiros de Galicia organiza saídas de fin de semana, ou mesmo en S. Santa, para gozar da neve e practicar os deportes con ela relacionados.

Así, levamos as actividades de montaña preto das estacións de esquí, como a de San Isidro en León, Leitariegos,  Serra da Estrela, en Portugal ou mesmo Cerler e Benasque. Nestas actividades, ás que tamén acudimos en bus, mentres uns disfrutan dos descensos polas pistas de esquí, outros o fan con longas travesías invernais nas que é preciso a utilización de raquetas de neve ou crampóns.

Cada ano a Federación Galega de Montañismo (FGM) organiza actividades de esquí de travesía, ou con raquetas, ás que acoden socios do noso club.

O ESQUÍ

Como podemos documentar graficamente, xa desde a súa fundación, O Club Peña Trevinca alberga no seu seo, a grandes afeccionados ao esquí e aos deportes de inverno. Pioneiros estes que carrexaban polas ladeiras do macizo de Peña Trevinca, aqueles pesados esquís de madeira, posto que non había remontes mecánicos, para poder practicar este fermoso deporte.

Basta con lembrar a construción do refuxio de Fonte da Cova no ano 1948 para dar acubillo aos esquiadores do club que, a falta de estacións de esquí naquela época, contaban cun pequeno remonte na zona ou ben se trasladaban a pé ás ladeiras do Xancianal para practicar o seu deporte favorito.

A proba de que o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia levaba nos seus xenes os esquís, o demostra que no ano 1946 organizou o “Primeiro Campionato de Esquí de Galicia” con máis de cen participantes. Ao non estar aínda construído o refuxio, a concentración levouse a cabo nos barracóns das minas de Casaio, que apenas acababan de abandonar os alemáns recén rematada a II Guerra Mundial.

 Aínda máis, foron quen de organizar o “Primeiro Campionato Social de Esquí Feminino” no ano 1948. Todo un fito nos deportes da muller en Galicia, como recolle a prensa da época en Santiago e Madrid. (1)

Hoxe en día todo é moito máis fácil, accédese facilmente a calquera estación de montaña, das moitas que hai en España ou en Europa. O esquí xa hai anos que deixou de ser un deporte para unha determinada elite e cada vez é máis practicado por un número moi variado de xente.

Tal vez por iso non deixa de evolucionar e as modalidades ou variantes van a máis, dende o esquí de pista ao snowboard e o esquí acrobático. Hoxe son moitos os montañeiros que cargan cos esquís nas ascensións ás montañas para baixar vertixinosamente unha vez acadado o cume.

Novamente se accedemos a FEDME podemos ampliar a información sobre este deporte, ou a FGDI;

http://www.fedme.es

http://www.fgdi.es/web/

E tamén na seguinte entrada sobre o ESQUÍ DE MONTAÑA deste enlace:

http://os2o.com/blog/que-es-el-esqui-de-montana/