Actividades Escalada

ESCALADA DE VELOCIDADE

A nosa socia, Araceli Vale, integrante do equipo de Tecnificación de escalada da Federación  Galega de Montañismo, participou o pasado sábado día 30 de xaneiro, na  sala  Rocópolis de Pamplona, no primeiro  ROM (Rexistro Oficial de Tempo Mínimo) de escalada de velocidade que se celebra en España xunto cos integrantes do equipo nacional e deportistas doutros equipos autonómicos de tecnificación como Andalucía, Madrid, Cataluña e Navarra. 

Araceli conseguiu parar o cronómetro nunha das ocasións en 13”07”’, o seu récord persoal e o mellor tempo da súa categoría que se rexistrou nesta xornada. Os cinco escaladores galegos que viaxaron a Pamplona, xunto cos técnicos da Federación José Juan Domínguez e  Fini  Maestu, lograron baixar as súas marcar persoais, destacando que, por primeira vez, dous deportistas galegos, Xavier Carballo e Xoel García, conseguiron baixar dos 10 segundos (9”83”’ e 9”65”’ respectivamente). 


Hai que ter en conta que, na nosa comunidade, a disciplina da escalada de velocidade unicamente pódese adestrar no rocódromo de Lugo (Rocolugo). 

Estes deportistas deben desprazarse todas as semanas a estas instalacións para poder adestrar, o que supón un gran esforzo tanto para eles como para as súas familias. Desde aquí queremos insistir na necesidade da construción dun rocódromo en Vigo que estea á altura dunha cidade como a nosa que conta cun gran número de practicantes do deporte de escalada. 

Felicidades a todo o equipo e, en concreto, á nosa socia. 

¡Todo esforzo ten a súa recompensa!