Sección de Medioambiente

Día Mundial dos Océanos

 

O día 8 de Xuño foi declarado pola ONU Día Mundial dos Océanos baixo o lema de “Nuestro Océano es nuestro futuro”.

Exemplar de Sepia oficinalis nas augas da Ría de Vigo

O propósito deste día é concienciar á poboación sobre as consecuencias que a actividade humana ten sobre os océanos e acadar unha xestión sostible dos nosos mares.

Pero, por qué habemos de preocuparnos polos océanos? O océano cobre o 70% da superficie terrestre. Debido á súa circulación, ten un papel fundamental na regulación da temperatura na Terra permitindo que nós nos aloxemos nela. Pero non só iso, os océanos absorben máis do 30% do CO2 que se emite a nivel global1 e aportan máis da metade do osíxeno que respiramos, todo grazas ao papel fundamental dos organismos que conforman a base da cadea trófica. Non obstante, o aumento progresivo das emisións de CO2 están a provocar que o equilibrio químico das masas de auga se modifique cara a unha acidificación oceánica cada vez máis acusada (o océano xa é un 30% máis ácido hoxe do que era na época preindustrial2). Isto obriga a millóns de organismos a terse que adaptar á nova situación e pon en perigo unha cadea trófica escollida durante millóns de anos de evolución.

Para frear este fenómeno, no cume de París estableceuse que o aumento de temperatura non debería sobrepasar os 1.5ºC respecto a época preindustrial (agora estamos 1.2ºC por riba, ver entrada anterior no blog), con isto establecéronse tamén as reducións pertinentes en emisións de gases de efecto invernadoiro.

Por outro lado, non hai dúbida de que o Océano é unha gran fonte de alimentos. Non obstante, dende a metade do século XX as frotas pesqueiras teñen que investir 5 veces máis esforzo para obter o mesmo número de capturas (FAO3). Qué nos amosa este dato? Que cada vez hai menos peixes no mar. A sobrepesca e a sobreexplotación dos recursos mariños está facendo que as redes tróficas dos ecosistemas se desequilibren. O consumo desmesurado de especies que se atopan na cima da cadea trófica, grandes depredadores coma o atún ou o peixe espada, ten efectos de cascada trófica que non vemos, isto é, efectos en tódolos demais elos da cadea.

A investigación científica que permita coñecer con exactitude os ciclos reprodutores das especies no seu medio natural, así coma xerar bases de datos globais con censos de abundancia de cada especie, é unha ferramenta fundamental para que poidamos seguir extraendo os recursos do medio mariño dun xeito sostible, o que vén significando que “o pan de hoxe non sexa fame para mañá”.

Sen dúbida, son os gobernos e as alianzas globais os que, na miña opinión, deben establecer gobernanzas con leis que se fagan cumprir. Non é momento de facer a vista gorda. É necesario establecer unha regulación no océano ao completo, non só nas augas nacionais de cada país. Para acadalo, preténdese establecer un “Pacto dos Océanos” impulsado pola ONU. Aínda que, parece mentira que representando tanta superficie do planeta e dependo dos océanos como dependemos, este tratado aínda non estea completamente posto en marcha.

Dende o Club Peña Trevinca, en colaboración coa Universidade de Vigo, queremos apoiar co noso gran de area a este día.

O noso cometido é achegar as nosas rías á poboación que temos mais preto. Sóese dicir que un ecosistema que non se coñece non se conserva, e por elo queremos que todos sexades partícipes das actividades que temos propostas para este día.

Comezando o domingo día 6 de xuño, faremos unha recollida de lixo na Praia de Camposancos (pode modificarse dependendo da xestión de residuos do concello de A Guarda) e posterior ruta en kaiak polo Río Miño coa colaboración da empresa Kayaks Tamuxe.

Para continuar, o martes 8 de xuño as 20h. no auditorio dos PP. Capuchinos (Vázquez Varela 15), proxectarase do documental “O mar da fin do mundo: Marcados para sobrevivir” coa participación do seu produtor, Jose Irisarri, quen se prestará a contestar a tódalas dúbidas e curiosidades que teñades sobre o documental e nos presentará o seu novo proxecto en prol da saúde dos océanos.

Aquí vos deixo o tráiler do documental, non lle perdades ollo a fermosura das nosas rías e a importancia do labor científico enfocado cara a conservación das mesmas.

Ese mesmo día tamén lle faremos un oco a ilustradora Rena Ortega quen virá ensinarnos as súas marabillosas ilustracións sobre o mundo mariño. Alí mesmo poderedes mercar parte do seu traballo.

Déixovos para finalizar o cartel da actividade deseñado pola artista que podedes difundir ao voso antollo.

Un saúdo e vémonos no mar!

Cristina Fernández González, vogal de Medioambiente