O noso planeta é O Planeta Azul. Eu pregúntome, como pode ser que con ese nome esteamos aínda a intentar xerar conciencia do importante que é manter os mares en bo estado de saúde. Será posible que, cubrindo o 70% do planeta, nós teñamos unha visión tan egocéntrica que nos impida pensar no mar cando éste nos sobrepasa da altura dos xeonllos?
Conservar e empregar sostiblemente os océanos, os mares e os recursos mariños para o seu desenvolvemento sostible é o título do obxectivo número 14, proposto pola ONU no marco de accións a levar a cabo antes de 2030. Claro que para iso, primeiro hai que coñecelo.
Neste artigo, a pesar de que algo xa se falou na edición do pasado ano, imos reivindicar a saúde dos nosos océanos prestando especial atención a súa base, aos organismos que dan vida ás nosas augas.
Por que o océano regula o clima?
Os océanos inflúen no clima almacenando calor en forma de irradiancia solar, distribuíndoa xunto coa humidade e dirixindo as correntes mariñas. Pero, ademais, actúan regulando a concentración de CO2 no planeta, un dos principais gases de efecto invernadoiro, como comentabamos nesta entrada.
As grandes masas de auga son bos almacéns de carbono, moito máis que a atmosfera, só que o CO2 lle leva un tempo chegar ata o fondo do océano onde se almacena por longos períodos de tempo. A viaxe comeza con diminutas algas…
Fitoplancto: O pulmón descoñecido
Preguntarédesvos como recolle carbono o océano, pois é grazas á fotosíntese. A fotosíntese é o conxunto de reaccións polas que certos organismos son capaces de transformar a enerxía do sol en materia orgánica absorbendo carbono. É unha maquinaria perfecta! Totalmente renovable e con refugallos nocivos cero.
Na terra coñecemos ben os organismos fotosintéticos, son as árbores e as plantas. Un bo exemplo atópase nas grandes selvas tropicais, coma a selva do Amazonas, renomeado coma o pulmón verde do planeta. Pero cabe mencionar que tamén temos un pulmón azul do que se fala moito menos e que se encarga de levar a cabo aproximadamente o 50% da captación de CO2 neste planeta, este é o fitoplancto.
O fitoplancto son organismos moi pequenos, hainos de apenas unha milésima parte de un milímetro de diámetro, pero son moi diversos e moi abundantes! Habitan toda masa de auga de todo o planeta (tamén en auga doce, non só salgada) e realizan a fotosíntese sempre e cando dispoñan de luz e algo de nutrintes.
Crean formas fermosas na superficie dos océanos, tanto que poden ser vistas dende o espazo con imaxes de satélite (Figura 1). Cun pouco de procesado, estas imaxes captan o seu contido de clorofila (principal pigmento da fotosíntese) e dannos unha estima de canto fitoplancto pode haber aí! Parecería un dato sen máis, pero isto é súper importante porque permítenos estimar canta biomasa existe na base da cadea trófica disposta a transferirse polos distintos compartimentos do ecosistema. Como na terra, a cadea está formada por produtores primarios, herbívoros e consumidores. No caso dos océanos os produtores son estas diminutas algas que serven de sustrato para organismos herbívoros que habitan con elas na columna de auga e que son inxeridos á súa vez por outros máis grandes (Figura 2). Así, a partires da biomasa de fitoplancto, podemos chegar a estimar a cota de xureis de cada tempada de pesca. Iso sí, non sen esforzo porque a investigación e os modelos ecolóxicos que existen tras isto son moi complexos e teñen en conta gran cantidade de variables…
Figura 1. Imaxe do Satélite MODIS Aqua cando pasaba polo Atlántico Norte o 23 de Xuño do 2007. Nos sombreados de cor verde amósanse altas concentracións de firoplancto.
Podemos dicir que realmente o fitoplancto sustenta as pesquerías de todas as especies comerciais que tan acostumados estamos a ver nos mercados. E normalmente, as zonas máis produtivas son as zonas costeiras, como a ría de Vigo! Que ademais ten algunha peculiaridade oceanográfica da que falaremos noutro momento. Non é casualidade que as rías galegas sexan famosas polo seu peixe…
Figura 2. Exemplo da cadea trófica, simple e corta que se dá nas rexións máis productivas do océano. As diatomeas son un grupo de fitoplancto moi amplo, de tamaños intermedios a grandes e sustentan o primeiro elo desta sinxela rede trófica. A figura está modificada de Chávez et al.1
E ademais da fotosíntese? Pois moito do fitoplancto que non é consumido nin desintegrado na columna de auga pasa a afundir cara ao fondo e vai formando parte do solo dos océanos. Unha vez chega aí é moi difícil que volva formar parte de procesos biolóxicos e permanece sepultado durante períodos de tempo moi longos actuando coma un almacén de carbono a escala de tempo xeolóxica.
Isto é unha das maiores vantaxas das que tomamos parte e, ata onde sabemos, as zonas costeiras máis productivas teñen un maior excedente de biomasa dispoñible para chegar ao fondo do mar e almacenarse (ademais de ter máis fitoplancto tamén son máis gordos e afunden antes!) polo que a ría de Vigo se leva outro punto neste contexto.
De feito, ao longo do tempo existiron e existen investigacións e experimentos que avogan por intentar concentrar gases de efecto invernadoiro en rochas e tiralos ao fondo do mar, sería acelerar o proceso natural para poder facer fronte ao aumento exponencial de gases na atmosfera (Figura 3). Estas actuacións parecen a priori unha solución porque as novas rochas son almacenadas en lugares xa moi afectados como antigos pozos de gas e petróleo, pero haberá que ver como responden a longo prazo e canto e como poden afectar aos determinados habitats e ecosistemas das zonas onde se somerxen. Sen contar que, quizáis, saia máis caro, literalmente, o remedio que a enfermidade.
Figura 3. Portada da BBC. Máis información nas referencias 2 e 3.
Que pasa nun contexto de quecemento global?
Pois moitas cousas porque o quecemento non vén só senón que vén da man doutro tipo de alteracións coma cambios na concentración de dióxido de carbono, da dispoñibilidade de nutrintes ou luz entre outros, e isto ten repercusións moi complexas para as que a investigación continúa a buscar respostas.
Se queredes saber un pouquiño máis do que lle pode acontecer ao fitoplancto cando a temperatura varía, ollade este artigo que escribín noutra ocasión. Aí vese que as interaccións entre diversos factores nun ecosistema sempre complican a interpretación de resultados aparentemente simples.
Datos que amosan a importancia do océano na nosa vida
Incluso se chega a dicir que somos accionistas da Terra apostando así porque debemos coidala, pero non nos confundamos. Nós non somos accionistas, o beneficio non é económico, é tan simple coma seguir habitando este planeta. Pero, por se alguén quere a puntualización económica, aquí vos deixo estos datos publicados pola ONU:
- O 90% do comercio mundial emprega o transporte marítimo.
- Máis do 30% da extracción dos combustibles fósiles que empregamos se realiza nos océanos.
- O turismo de sol e praia é o maior a nivel mundial representando o 5% do PIB mundial e entre 6-7% do emprego mundial.
- Os cables submarinos transportan o 95% das telecomunicacións mundiais (aínda non todo é satélite).
Ademais quero puntualizar que as mareas, as ondas, as correntes e a enerxía eólica son fontes de enerxía emerxentes con grandes posibilidades para obter enerxía con baixas emisións de carbono, pero debemos prestar especial atención a non permitir a creación de macroparques que estean a estragar “baixo terra” tanto esforzo científico.
Coidemos aos océanos para coidarnos a nós mesmos!
Non vos esquezades de que vémonos o domingo 12 ás 10:00h no Nadador, diante da estación marítima do Porto de Vigo, para saír de cruceiro ambiental no buque Nautilus, de Ocean Secrets.
Unha aperta
Cristina Fernández González, vogal de Medio Ambiente.
Referencias
1 Francisco P. Chavez, Monique Messié, and J. Timothy Pennington (2011) Marine Primary Production in Relation to Climate Variability and Change. Annual Review of Marine Science 3:1, 227-260