Sección de Medioambiente

NOVA DATA! Día Internacional dos Océanos 2023: Caiac + charla na Illa de Arousa

Engadimos aquí unha pequena nota posto que a saída tivo que ser modificada debido ás inclemencias meteorolóxicas. A nova data é o 1 de Xullo ás 08:00 en Plaza España.

Como o día seguinte, domingo 2 de Xullo, xa temos programada unha saída de sendeiro a Castro Baroña, nesta ocasión non faremos sendeiro na Illa de Arousa, pero animamos a tódolos interesados e interesadas a anotarse a facer caiac o día 1 e sendeiro o día 2. Faremos unha fin de semana moi completa 🙂

Como só somos 21 personas non imos alugar un autobús. Para que nos sexa máis barato iremos en coche propio. Prégovos que compartamos coche (sobre todo sendo unha saída organizada pola Vog. de Medio Ambiente💚).
A idea é sair ás 08:00h de Plaza España posto que hai que estar máximo ás 09:30 na rotonda de entrada de Punta Carreirón dispostos a camiñar 15 minutiños e chegar a unha praia para escoitar unha charla sobre o ecosistema do intermareal rochoso🦀 Ollo que esta parte ten premio!
Á volta moveremos os coches ao punto de saída dos caiacs e alí xa xestionaremos con Ana, da empresa Alecrín Actividades, para deixar os vehículos preto da zona de desembarco.
A actividade durará todo o día.
A nosa roupa quedará a resguardo no coche ou furgoneta de Alecrín pero levade auga, protector solar, gorro e traxe de baño.

————————————————————————————————————————–

Chega o Día Internacional dos Océanos e, como non podía ser doutro modo, o propósito é empaparse de sabedoría con sabor a mar!

O sábado 1 sairemos, madrugando un pouco, dende Praza España en dirección Illa de Arousa onde a intención é que todos nos subamos a un caiac para contemplar dende o mar un anaco do Parque Natural Complexo Intermareal Umia – O Grove -A Lanzada – Punta do Carreirón e Lagoa de Bodeira.

No sur da Illa de Arousa, o Parque Natural de Carreirón ten 1.3 km2 de extensión e é zona de especial protección para as aves. De feito, para os que teñan gañas de botar unha carreira por terra despois de xantar, poderedes achegarvos a unha das dúas casetas de avistamento de aves que se atopan preto da laguna de Carreirón. Non hai que menospreciar tampouco as fermosas formas das rochas que, froito do mar e do vento, se foron gañando nomes tan curiosos coma Con dos Tres Pés, Con do Fuciño do Porco e Con do Cocodrilo, entre outras.

Antes de comezar a ruta por mar, camiñaremos 20 minutiños polos sendeiros do parque ata Punta Carreirón onde escoitaremos unha charla sobre os segredos naturais que agocha o ecosistema intermareal desa zona do parque. Imos ir abrindo boca para que os que vos paredes a ler este artigo xa vaiades cun punto extra.

Ao finalizar, voltaremos ao mar da man de Alecrín Actividades e navegaremos uns 7-8 Km (equiparable o que fixemos no mesmo día en 2021 ou na ruta de Fragas do Eume no 2019, para que vos fagades unha idea). A ruta descorrerá entre as cristalinas augas da ría onde, se vamos ven de tempo, achegarémonos a visitar bateas.

Intermareal rochoso… A qué soa iso?

Pois chámase intermareal a zona de transición comprendida entre a baixamar e a pleamar. Polo tanto, o que nós observamos, vai directamente relacionada coas mareas e varía dependendo da posición dos nosos astros con respecto á Terra e da batimetría do fondo.

Por suposto, esta franxa do litoral pode ser de area ou de rocha. Nós quixemos achegarnos a unha zona rochosa porque os seus misterios son apaixonantes.

Imaxinádevos que estades na vosa casa e cada 12 horas (período da onda de marea) vos vedes expostos a condicións distintas, de repente o salón inúndase, as temperaturas baixan moitísimo, o frigorífico énchese ou vacíase de súpeto… A cantidade de adaptacións que teríamos que ter para estar cómodos nesta situación sería incrible. Pois así viven os organismos que habitan no intermareal rochoso.

Ademáis, non é o mesmo para o que habita no primeiro piso que para o que vive nun sexto de altura. O primeiro destes pasará máis tempo en secano e polo tanto ten que estar moi alerta e preparado para cando lle cambien as condicións de vida repentinamente.

Así, nun intermareal existe a denominada “zonación” que non é outra cousa que a distinta distribución de organismos entre a zona de marea baixa á zona de marea alta.

Nós fixarémonos en certos seres vivos claves que nos poidan axudar a interpretar as condicións as que están adaptados. Ollo, porque a meirande parte deles buscan refuxios moi pequeniños polo que haberá que estar atentos como estamos a miña compañeira e máis eu na foto anterior. Algúns atópanse en fendas e oquedades das rochas mentres que outros, os que non soportan quedarse en secano, os localizaremos nas denominadas pozas intermareais.

A pesar de ser un ambiente de vida extremo, non so é a casa de moitos organismos se non que tamén serve de zona de alimentación e descanso para gran variedade de aves e proporciona unha franxa de protección costeira fronte á erosión das grandes marexadas. Así que nos tamén sacamos algo de beneficio por aquí.

Pero, Por qué imos falar disto tan temprano?

Sei que pode soar pesado, sair ás 08:00h, camiñar e poñernos a escoitar unha charla antes de facer a nosa travesía en caiac… Pero así é a natureza. Non eliximos nós a hora, a elixe a marea.

A marea, ese cambio periódico do nivel do mar que observamos na costa, ven producida polas forzas de atracción gravitacionais do Sol e a Lúa sobre a Terra. Comprender isto non é tarea sinxela, responde a complexas ecuacións matemáticas e esixe unha visión espacial da que eu mesma vou escasa. Pero animo a calquera a realizar unha exhaustiva búsqueda en internet para entendelo en profundidade e explicalo o sábado!

Dito de maneira moi sinxela:

A Lúa xira arredor da Terra mentres que a Terra fai o mesmo arredor do Sol, ata ahí todo ben. Cada un destes círculos, elipsoides máis ben, teñen un eixos distintos porque están ovalados cara cada un dos astros, cara a Lúa ou cara o Sol, e ademáis non se completan a mesma velocidade, un dura un ano e o outro 28 días, aproximadamente.

Cando os eixos maiores de cada elipse se aliñan a amplitude das mareas é máxima, mareas vivas, en cambio cando se atopan en sentido perpendicular a amplitude é mínima e nos atopamos nas chamadas mareas mortas.

Estas variacións determinan en gran medida tódolos organismos que imos ollar no intermareal da Illa de Arousa. Para o día 1 de Xullo, a primeira baixamar cadra ás 08:51 h (se poñedes tabla de mareas Illa de Arousa en internet atoparedes bos resultados moi rápido). Aínda que o rango de marea non é espectacular é a única oportunidade que temos de ollar este ecosistema é ben cedo na mañá.

Como incentivo para que non vos pese o sono, adiántovos que tedes que estar atentos porque haberá concurso cun premio moi mariño para o que máis respostas acerte!! Algunhas das preguntas tamén irán relacionadas con temas que xa tocamos anteriormente aquí.

Non vos perdades esta xornada! As prazas nos caiacs son limitadas polo que abriremos a lista cun pouco mais de antelación do normal, o 30 de maio. Eso sí, temos que facer polo menos 30 caiaquistas para levar a cabo a actividade! Coma sempe, máis información chamando ao club e estando atentos ao blog.

VÉMONOS NO MAR!

Cristina Fernández, vogal de Medioambiente.