INTRODUCIÓN
A deforestación leva ocorrendo na Terra dende hai moito tempo, pero dende o Crecente Fértil e a chegada da agricultura disparouse de forma alarmante, e máis notablemente no último século. Nun primeiro momento, a principal causa desta aceleración foi a obtención de madeira, non obstante, o impacto e a complexidade das súas causas cambiaron substancialmente, na medida en que os bosques xa non se talan pola súa madeira senón pola terra necesaria para obter mercadorías. Enormes áreas de bosque tropical son cortadas para soia, carne e coiro, aceite de palma, etc… dado que os bosques en pé parecen carecer de valor económico en vista da súa reconversión agroindustrial que xera un retorno do investimento incriblemente elevado. As nacións deforestadas non redistribuíron os beneficios con xustiza social e non se contabilizaron os maiores custos que provoca. Estes custos inclúen seguridade alimentaria, enerxía, saúde e auga.
Os impulsores da deforestación actúan en toda a cadea de subministración global, desde pequenos/grandes gandeiros e propietarios de terras ata procesadores e consumidores. Todo isto aderezado co mundo financeiro que transforma calquera entidade nun obxecto de especulación, e ao que asistimos en directo como espectadores. Hoxe a maior commoditie (mercadoría) é o solo polo que loitan as grandes corporacións.
Lonxe do lugar onde antes crecían os bosques, os consumidores internacionais consomen produtos que conteñen mercadorías de risco para os bosques sen ser conscientes do impacto que está a ter este consumo.
Imaxe 1. Imaxe tomada do Informe Global Forest Resources Assessment 20203
É inevitable centrarse nas zonas tropicais e subtropicais, xa que en conxunto albergan máis da metade da superficie forestal do planeta e a metade da biodiversidade terrestre. Estes bosques son inestimables xa que proporcionan bens económicos, biodiversidade e servizos ecosistémicos a escala mundial. Continuas extensións de bosque que foron taladas nun 50%, o que nos proporciona unha escala do cambio antropoxénico máis significativo no uso do solo da historia. Cambio producido ou provocado pola demanda global de commodities: madeira e papel, minerais, petróleo e gas, alimentos e biocombustibles1.
Obsérvanse símiles recorrentes na transformación dun bosque relacionados coa interacción coas sociedades:
- Alta cobertura forestal inicial (baixa deforestación),
- Aceleración (alta taxa de deforestación),
- Desaceleración da deforestación e estabilización da cobertura forestal,
- Etapa de repoboación.
O primeiro grupo corresponde aos países subdesenvolvidos, os dous seguintes aos países en desenvolvemento. O último grupo está formado por países desenvolvidos (Europa) que comezaron a repoboación e a aforestación (plantación de bosques onde historicamente non os había) e se converteron en países transformadores/consumidores en lugar de implicarse na tala dos seus propios bosques.
Actualmente, os bosques tropicais fornecen máis de 5.000 produtos básicos ao comercio mundial1. Isto significa beneficios para os produtores e a capacidade de axudar a millóns de persoas a saír da pobreza. Pero con esta xeración de riqueza vén unha maior presión sobre a conversión forestal. Esta transformación vertixinosa vai acompañada da deforestación e degradación (incendios e contaminación derivada sobre de todo da minaría) dos ecosistemas que proporcionan servizos vitais como a seguridade alimentaria, a saúde, a auga, a enerxía… facendo que a produción daquelas mercadorías que poñen en risco o bosque como estratexia sustentable de desenvolvemento sexa inviable.
Coñecer a orixe ou o impacto dun produto é dificultoso e xorden certificacións e esquemas de seguimento Forest Stewardship Council (FSC) ou The Round Table on Responsible Palm Oil (RSPO) que axudan ao consumidor responsable e as propias compañías engadindo un valor reputacional. Estes só cobren unha parte mínima, pero o custo reputacional das empresas de procesamento/comercialización e financeiras aumentará ante a presión dos consumidores. Adicionalmente, a responsabilidade tamén é compartida polos lexisladores que actualmente promoven a conversión forestal (minaría, agroindustría, gandería extensiva, fertilización tóxica, monocultivo incontrolado, deficiente tratamento de residuos….
A agricultura comercial e de subsistencia supón o 80% da deforestación, en comparación coa tala, a recollida de leña, a produción de carbón vexetal e os incendios non controlados que producen un impacto de degradación forestal1.
Se existe un patrón que se asocia a esta causa de deforestación na conversión agrícola, é a liberación dos mercados por tratados internacionais desde os anos 90 das exportacións de produtos agrarios, o que supuxo un aumento do seu valor e polo tanto o incentivo á destrución do bosque. Non só aplican as subidas de prezos, senón a maiores, as deficientes políticas de conservación, dereitos de propiedade, corrupción e/ou a forma de xestionar os recursos.
Imaxe 2. Imaxe tomada do Global Canopy Programme1
As vacías do río Amazonas e do Río da Plata cunha deforestación brutal frean esta conversión agrícola (detalle 1), inda que segue a preocupar a situación do Cerrado Brasileiro ao igual que a deforestación de países como Perú, Bolivia, Paraguai, Colombia, Venezuela, sobor de todo pola explotación mineira. Xunto coa vacía do río Congo (detalle 2), sufriron a maior perda de superficie forestal desde a década de 1990.
Esta conca, que posúe o 12% das terras do mundo susceptibles de ser cultivadas, está relativamente intacta debido ao seu baixo nivel de infraestruturas que non facilitou a extracción de madeira e a consecuente conversión agrícola. A inversión na última década en infraestruturas está a mudar esta situación. Levan unha década convertendo bosques en palmeirais e plantacións agrícolas (a palmeira aceiteira é nativa desta zona)1.
Aínda que Asia foi protagonista pola destrución de bosques primarios para as plantacións de palma aceiteira, a súa repoboación de eucaliptos e cultivos comerciais fan que gañe superficie forestal. O caso de Sumatra coa perda do 70% dos seus bosques e que ameazou a unha fauna rara, levou a unha moratoria (detalle 3).
Imaxe 3. Imaxe modificada do Informe Global Forest Resources Assessment 20203. Resáltanse detalles mencionados a no parrágrafo anterior e a continuación.
A vacía do Amazonas, a vacía do Congo e o sueste asiático son as rexións con maiores bosques tropicais intactos. Case dous terzos dos cales son considerados bosques primarios. Non obstante, desde o ano 2000, os bosques primarios diminuíron de forma alarmante2.
Estes bosques tamén xogan un papel importante no discurso do cambio climático, xa que almacenan o 42% do carbono contido en todos os bosques do mundo, ocupando só o 33% da superficie forestal mundial2. Máis importante aínda, estas rexións representan a fronteira actual e futura de conversión e explotación para a produción de produtos de risco forestal1.
Cun escenario de crecemento poboacional de 1/3 en 2050 ata 9.000 mill. de persoas, alimentar tal magnitude ao tempo que se preservan os bosques e os servizos dos ecosistemas, satisfacendo a demanda de agrocombustibles e mantendo o emprego e os ingresos dos máis de 1.000 millóns de traballadores que subsisten da agricultura, espérase unha tarefa complicada.
AS CAUSAS SUBXACENTES
Debemos centrarnos nas causas subxacentes da deforestación: unha gobernanza débil dos principais países que apoian a deforestación, o cambio climático, a pobreza, as infraestruturas e as finanzas.
Un goberno débil na aplicación da lei, incluídas as leis que branquean as actividades ilegais; gobernos con pouca transparencia, en conflito, con pouca capacidade de xestión ou capacidade humana, corrupción, etc. Pero sen deixar de lado os países consumidores que favorecen este caldo de cultivo. Exemplos son o coltán, a soia, o aceite de palma ou os cereais para biocombustible.
O cambio climático ten dúas caras nunha especie de uróboro que se alimenta de si mesmo. A deforestación e a degradación dos bosques agravan o cambio climático, mentres que o cambio climático agrava a deforestación debido ao deterioro forestal, ao estrés hídrico, a perda de solo por falta de protección, ao aumento do albedo e ao aumento das temperaturas e fenómenos catastróficos, aos que a vexetación non ten tempo de se adaptar.
Ao establecer un vínculo entre pobreza e deforestación, compróbase que a maior pobreza atópase nas comunidades con gran vexetación, pero existe unha maior correlación de deforestación indirecta provocada por países desenvolvidos ou en vías de desenvolvemento. Europa presume de ter revertido este problema, pero este argumento agocha dúas realidades: por unha banda, as plantacións de monocultivos que nada teñen que ver cun bosque natural, e por outra que a conservación dos seus bosques se fixo a costa dos bosques de terceiros.
Canto máis talan os pobres para aliviar a súa pobreza hoxe, máis agravan o seu problema mañá.
A deforestación directa provocada por infraestruturas (estradas, encoros hidráulicos, minería, petróleo…) que ben por asfaltado ou inundacións afectan á perda de cuberta vexetal e o seu consecuente solo. Pero tamén abren outra cuestión social: o desprazamento de comunidades indíxenas que, ben por ser expulsadas do seu territorio, pola perda de territorio de caza, pola contaminación das augas, ou por extorsións e ameazas de empresas promotoras, trasládanse a outras zonas forestais antes impenetrables. Tamén atrae outras comunidades ávidas de negocios (garimpeiros) ou simples cidadáns que escapan das favelas. Este fenómeno revela outros: a fragmentación do bosque, acentuando a extensión cada vez menor de bosque ininterrompido que facilita a ecoloxía dos grandes animais, e a zoonose, a crecente exposición a enfermidades animais que transitan á ecoloxía humana.
Por último, centraríame nas finanzas. A capacidade investidora de grandes corporacións ou fondos de investimento, tamén de países a través de fondos de cooperación internacional para a axuda ao desenvolvemento; provocan un aumento da deforestación, debido ás causas antes mencionadas. Financiamento de infraestruturas, axudas á modernización agraria, que atopan un mercado legal ou ilegal para as súas materias primas cun caldo de cultivo como unha gobernanza débil, agravando en definitiva a problemática do cambio climático.
Por outra banda, aínda que historicamente os produtos foron comercializados localmente, dende finais do s. XIX comezou a estenderse por todo o mundo os contratos homoxéneos que definían detalles do produto como a cantidade, a calidade e que tamén, grazas aos avances na loxística, facían viable o seu comercio internacional, e con el chegaron as bolsas de commodities de alimentos que incluían aquelas de risco para os bosques como a soia, o aceite de palma, o gando vivo, os cereais….
Imaxe 4. Imaxe tomada do libro The little book of big deforestation drivers1
Aínda que está claro que a mercantilización trouxo enormes beneficios á economía mundial, reducindo os custos de produción e subministración, garantindo vendas anticipadas a prezos fixos, non deixan de ser produtos susceptibles de especulación mediante derivados, contratos destinados a cubrir as perdas por incumprimento do activo subxacente. Hai tanto mercado para derivados como para commodities e un pode aumentar o prezo do outro e viceversa.
RESUMO DA AVALIACIÓN DE RECURSOS FORESTAIS GLOBAIS 2020 (FRA20)
Imaxe 5. Imaxe tomada do Informe Global Forest Resources Assessment 20203
Aínda que a taxa de deforestación diminuíu en 30 anos, o mesmo aconteceu coa expansión do bosque. Achegámonos a un equilibrio?
Imaxe 6. Imaxe tomada do Informe Global Forest Resources Assessment 20203
O 93% dos bosques rexenéranse de xeito natural.
O 4% son restauración de ecosistemas e bosque protector.
Imaxe 7. Imaxe tomada do Informe Global Forest Resources Assessment 20203
A taxa de rexeneración natural redúcese continuamente e de repoboación forestal na última década.
Imaxe 8. Imaxe tomada do Informe Global Forest Resources Assessment 20203
O 3% da superficie forestal corresponde a plantacións, que destacan polo uso de especies introducidas. plantacións intensivas.
Imaxe 9. Imaxe tomada do Informe Global Forest Resources Assessment 20203
A superficie forestal das áreas protexidas aumentou, pero a súa taxa de crecemento diminuíu na última década.
CONCLUSIÓN
Actualmente, o home coma especie superou a resistencia dos ecosistemas ás perturbacións ecolóxicas de todo o mundo. Estes impactos xerados no século pasado no planeta provocaron a transformación dos bosques a un ritmo acelerado e sen precedentes: fragmentación, descontinuidade na masa forestal, debido fundamentalmente aos cambios no uso do solo e en particular á deforestación. O crecemento exponencial da poboación e a enorme desigualdade social, así como o desperdicio alimentario que supón a cadea de subministración, representan importantes retos para acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible no mundo, debido ao aumento do uso dos recursos para satisfacer as necesidades humanas. Ademais, aumenta o risco de desencadear enfermidades zoonóticas transmitidas por animais salvaxes en rexións tropicais que representan problemas de saúde pública4.
Ante este tipo de eventos, a conectividade paisaxística xoga un papel fundamental na conservación da biodiversidade e no mantemento das funcións ecolóxicas, debendo ser un referente na ordenación do territorio, permitindo a restauración dos ecosistemas, o reequilibrio do ciclo hidrolóxico, a protección do solo , creación de corredores ecolóxicos para a protección da fauna máis grande, co fin de reducir o risco potencial de zoonose, así como de defaunación.
Referencias e Lecturas recomendadas:
1The little book of big deforestation drivers- El pequeño libro de las Grandes causas de la Deforestación. GCP Global Canopy Programme: Oxford. Autores: Mario Rautner, Matt Leggett.
2Deforestación en tiempos de Cambio Climático. Autores: Grupo Internacional de Trabajo sobre Asuntos Indígenas. Compilación y Edición Alberto Chirif.
3Global Forest Resources Assessment 2020 – Main Report | PIPAP (sprep.org) podedes consultar e descargar en pdf o informe da FAO sobre a situación mundial dos recursos forestais do último decenio.
4La conectividad del paisaje como estrategia para atenuar el riesgo de zoonosis por la deforestación y defaunación. Autores: Edgar G. Leija, Manuel Mendoza.
5Localización: Ecosistemas: Revista científica y técnica de ecología y medio ambiente, ISSN-e 1697-2473, Vol. 30, Nº. 3, 2021 (Ejemplar dedicado a: Desertificación: nuevos enfoques para un viejo problema)
Raimundo Alonso Márquez
Membro da Vogalía de Medio Ambiente Club Peña Trevinca