O río Tuela era ata agora un gran descoñecido para moitos de nós. Este “fillo” do Douro nace na vertente leste da Serra Segundeira, no Parque Natural do Lago de Sanabria.
Pois agora xa podemos confirmar que para os participantes da actividade do pasado finde, 11 e 12 de marzo, foi o gran protagonista e gañou con mérito o noso aprecio e admiración pola paisaxe que ao longo dos anos foi deseñando entre terras galegas, zamoranas e o noso veciño Portugal.
Si o sábado o percorrimos augas abaixo entre Hermisende (Zamora) e Moimenta, xa en Portugal, o domingo un grupo o faría augas arriba dende Chanos cara o seu nacemento preto do Xistral (1768 m), o cume dese día. Mentres camiñábamos cara o norte na procura do cume podíamos escoitar o seu ruxir cada vez máis encaixado e sonoro, saltando entre fervenzas, mentres descendía pleno de vitalidade dende o alto da serra.
Tamén o domingo, nunha ruta máis tranquila, outros compañeiros, saindo desde Barjacoba chegaron ao cumio do Beseo (1652 m) para baixar a Porto nun fermosísimo percorrido entre estas dúas localidades zamoranas.
Atopamos Porto, localidade zamorana a cal se chega por carretera so dende Galicia, moi reconstruída e cos tellados novos e ben pavimentada pero, con todo, máis deshabitada e dos tres bares que coñecimos hai bastantes anos, tan so un mantense aberto. Moitas actividades montañeiras tiveron o seu inicio ou final neste pobo e por iso está e estará na mente dos montañeirios que pasearon polas súas rúas e falaron nalgún momento cas súas xentes.
Podedes ollar máis fotos AQUÍ.