Disfruta da natureza cos concursos de actividades que o Club ten para os seus socios e obterás un trofeo ó finalizar cada un.
Este é o novo modelo de parte de actividades sendo o único válido a partir de agora. Cúbreo expoñendo as actividades realizadas e non esquezas indicar o concurso no que participas. Entrégao no Club, ou simplemente envíao por correo electrónico a info@trevinca.es.
ACTUALIZACIÓN DA NORMATIVA DE CONCURSOS SOCIAIS DE ACTIVIDADES
A Xunta Directiva do Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia acordou, en reunión mantida o 10 de decembro de 2019, a modificación da Normativa de Concursos de Actividades, vixente ata ese momento, quedando polo tanto anuladas as anteriores de 1987, 2004, 2008 e 2014.
Esta modificación consiste na creación dun novo concurso de Montañismo denominado MEMORIAL GONZALO GURRIARÁN, tras ter acadado o club o seu 75º aniversario.
Ao mesmo tempo créanse uns novos concursos relacionados coas actividades de ESCALADA os cales desenvólvense coa súa normativa propia.
NORMAS XERAIS
– Para iniciar a participación en calquera dos concursos, comunicarase a mesma por escrito ao responsable de concursos, entregando o “Parte de Actividades” no local social ou ben a través do correo electrónico. Todos os partes cubriranse de forma individual, indicando o tipo do concurso, data e firma do socio. Nas actividades oficiais do club o parte será feito polo responsable da actividade. Este incluirá a todos os participantes en cada unha das categorías que teñan abertas nese momento, incluído tamén o concurso de metros.
– Os concursos faranse de forma correlativa, tal e como figura nas presentes normas, comezando polo de categorías, que son obrigatorias para todos os demais, podendo realizarse unicamente un concurso ao ano. Para os concursos de acumulación de metros e o Memorial Gonzalo Gurriarán non é obrigatorio ter feito ningún anterior.
– Só se permitirá repetir un monte 2 veces no mesmo ano no concurso de metros.
– No día, non será válido máis dun cume e este non será nunca inferior aos 300m. En xeral, para calquera concurso, non está permitido máis dunha actividade por día.
– O período para realizar os distintos concursos será o comprendido entre o 1 de decembro e o 30 de novembro, debendo estar finalizados dentro deste intervalo de tempo, os que sexan anuais.
– É obrigatorio entregar os partes das actividades realizadas dentro dos 30 días seguintes á realización das mesmas. Débense utilizar para iso os impresos que o club facilita no local social ou na páxina Web. Os partes entregados fóra dese tempo non serán válidos, salvo autorización da Xunta Directiva.
– Todo parte que careza de datos suficientes ou se observe no mesmo falseamento ou mala fe, será invalidado automaticamente e no caso dos últimos supostos, aplicarase a sanción á que houbese lugar.
– Non se terán en conta os cumes principais que non se axusten á nomenclatura e á altura dos mapas do IGN de España, de escala 1:25000, e en xeral, non se terán en conta as cotas secundarias moi próximas á principal, nin os cumes estranxeiros que non sexan perfectamente identificados.
– Todo socio do club que realice actividades para calquera dos concursos establecidos, estará en posesión da Licenza Federativa. Para iniciar calquera concurso, e durante a duración deste, a licenza será emitida a través do Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia sempre e cando o socio teña o domicilio habitual na nosa comunidade. Nos Concursos de Metros, Teitos de España e Memorial Gonzalo Gurriarán, ao seren de prazo ilimitado, o socio si podería ter licenza doutro club, sempre e cando no momento de entregar os partes teña a súa residencia habitual fóra de Galicia.
– Os socios que participen nos Concursos de Actividades e realicen os mesmos dentro dos prazos e normas establecidas, serán obsequiados cun diploma ou trofeo que faga referencia ao concurso conseguido. Para isto tamén será obrigatorio realizar, cando menos, unha actividade das organizadas polo club dentro do período de concursos.
– O Club Peña Trevinca, a través dos seus Órganos de Dirección, resérvase o dereito a modificar a inclusión, exclusión, nomenclatura, altura, ou calquera outra precisión de montes e actividades que afecten aos concursos, baseándose sempre en medicións e cambios efectuados por Organismos Oficiais.
Nota: respectaranse as condicións existentes no momento de ter iniciado o concurso a aqueles socios que o tiveran aberto con anterioridade a esta modificación.
NORMAS ESPECÍFICAS
CONCURSOS PARA SOCIOS ADULTOS (maiores de 15 anos)
3ª CATEGORIA: 15 MONTES de MÁIS DE 600m e 2 de MÁIS de 700m (1 ano)
2ª CATEGORIA: 15 MONTES de MÁIS DE 800m e 3 de MÁIS de 900m (1 ano)
1ª CATEGORIA: 20 MONTES de MÁIS DE 800m e 4 de MÁIS de 1000m (1 ano)
PREMIO EN CADA CATEGORÍA a elixir : TROFEO OU DIPLOMA.
* CONCURSO DE PARELLAS DE MONTES: a elixir 15 PARELLAS de montes da lista proposta. Tamén terán validez 3 parellas, como máximo, das propostas nas actividades organizadas polo club. Esta opción deberase comunicar ao vogal responsable dos concursos facéndoo constar no parte.
PRAZO: 1 ANO. PREMIO: TROFEO.
* CONCURSO DE TRAVESÍAS DE MONTAÑA: a elixir 15 TRAVESÍAS da lista de 30 propostas. Tamén terán validez 3 travesías, como máximo, das propostas nas actividades organizadas polo club. Esta opción deberase comunicar ao vogal responsable dos concursos facéndoo constar no parte.
PRAZO: 1 ANO. PREMIO: TROFEO.
* CONCURSO CENTENARIO: 100 MONTES de máis de 500m. Poderán realizalo aqueles socios que realicen sucesivamente as categorías 3ª, 2ª e 1ª e os concursos de Parellas e Travesías.
PRAZO: 2 ANOS MÍNIMO, 4 ANOS MÁXIMO. PREMIO: 1ª VEZ TROFEO. VECES SUCESIVAS: DIPLOMA.
– Só será válido un cume por día, non podendo facer o mesmo día ningunha actividade para calquera outro concurso. Os montes nunca serán repetidos.
– Este concurso poderase repetir as veces que se queira.
* CONCURSO DE CAMPAMENTOS: 12 CAMPAMENTOS en montes de máis de 500m, 2 CAMPAMENTOS en montes de máis de 1000m e 20 CUMES de máis de 500m.
PRAZO MÁXIMO: 2 ANOS . PREMIO: TROFEO.
– Consiste en pasar a noite acampado nas proximidades do monte realizado previamente, podendo ao día seguinte ascender outro cume próximo ( non vale o mesmo) acumulable para completar os 20 cumes do concurso.
* MEMORIAL ANGEL VILLAVERDE: A elixir 25 CUMES da lista proposta. Só será válido un por día.
PRAZO: 2 ANOS MÁXIMO. PREMIO: TROFEO (Hórreo de prata ou similar).
* CONCURSO SUPER CENTENARIO: 100 montes de máis de 1000m.
PRAZO MÍNIMO 3 ANOS e MÁXIMO 5 ANOS. PREMIO 1ª VEZ TROFEO, SEGUINTES VECES DIPLOMA.
– Poderase realizar unha vez acabados todos os anteriores.
– Este concurso poderase repetir as veces que se queira.
* CONCURSO DE VETERANOS: 15 PARELLAS, 8 TRAVESÍAS, 8 CAMPAMENTOS en montes de máis 600m, 20 CUMES de máis de 600m, 5 CUMES de máis 1000m, e 3 de máis de 2000m.
PRAZO: 2 ANOS. PREMIO: TROFEO.
– Poderán realizar este concurso todos os socios que completen sucesivamente os anteriores, sendo este o final do ciclo e resumo deles.
OUTROS CONCURSOS E NORMAS ESPECÍFICAS PROPIAS
* CONCURSO TEITOS DE ESPAÑA: 50 CUMES. PRAZO ILIMITADO
PREMIO a elixir: TROFEO OU DIPLOMA.
– Poderán participar todos os socios maiores de 15 anos e unicamente basta con ter realizadas 3ª, 2ª e 1ª categoría, facendo soamente un cume por día, non podendo realizar actividade para outro concurso nese mesmo día.
– Este concurso está baseado no libro de “Os Teitos de España” de José Martínez Hernández (ed. Desnivel)
– No caso de que un monte sirva de teito a dúas provincias, fixouse un monte alternativo a realizar neste concurso, non sendo válido o mesmo para ambas.
* CONCURSO DE PARTICIPACIÓN: a única condición é a participación nas actividades que realiza o club nas modalidades de Sendeirismo e Montañismo.
PRAZO ANUAL. PREMIO a elixir: TROFEO OU DIPLOMA.
– Consiste en participar en, polo menos, todas menos unha das actividades dun día que organiza o club durante o período de concursos ou, en todas menos unha, das actividades organizadas polo club de dous ou máis días.
– Os partes cubriraos o vocal responsable da actividade, a quen se lle comunicará a intención de realizar este concurso na 1ª saída que se participe.
– Poderase repetir as veces que se queira.
* CONCURSO DE SENDEIROS: sendeiros por etapas segundo lista. PRAZO: UN ANO
– Poderán participar calquera socio, tanto infantil como adulto, e consiste en percorrer as 25 etapas da lista de sendeiros proposta, tanto GR como PR.
– Unicamente será válida unha etapa por día e deberá especificarse o inicio e final de cada etapa no parte de actividades.
GR 58 S. dás Greas: 202 Km; 10 etapas desde Vigo (Cotogrande) a Vigo (Aeroporto)
GR 94 S.Rural de Galicia: 138 Km; 6 etapas Desde Vigo (A Madroa) a Santiago (catedral)
GR 53 Panorámico de Vigo: 58,2 Km; 2 etapas.
PRG 164 Senda da Fraga do Barragán: 17,3 Km; 1 etapa
PRG 119 Ruta do Xabriña 17 Km; 1 etapa
PRG7 8 Leiro-Pena Corneira: 9 Km; 1 etapa. Desde Leiro ata Lama (Pena Corneira)
PRG 67 Sendeiro Histórico de Mos: 17,8 Km; 1 etapa.
PRG 132 Ruta dos Montes de San Cibrán 12,83 Km; 1 etapa
PRG86 Sendeiro Viñedos dá Ribeira Sacra: 13,3 Km; 1etapa
* CONCURSO MEMORIAL GONZALO GURRIARÁN: 30 CUMES DOS 40 PROPOSTOS. OS QUE TEÑEN ASTERISCO SON OBRIGATORIOS.
– Será obrigatorio realizar unha actividade organizada polo club por cada ano de duración do concurso. Este dato terase en conta no cómputo final de partes, una vez rematado o mesmo. O número de participación en actividades co club deberá ser cando menos igual ao de anos de duración.
PRAZO: ILIMITADO. PREMIO: TROFEO e DIPLOMA.
PREMIOS ÁS ACTIVIDADES
Consideramos agrupar neste apartado a aqueles premios nos que non é preciso inscribirse, coma se se tratase dun concurso, e que son de aplicación xeral a todos os socios do club, incluídos os Infantís-Xuvenís.
ACUMULACIÓN DE METROS: acumulación de 150.000m. 250.000m, 500.000m. e 1.000.000m e así sucesivamente cada 500.000m.
PRAZO ILIMITADO. PREMIO A elixir: TROFEO OU DIPLOMA.
– Estes concursos son válidos para todos os socios e consisten na acumulación de metros de todos os cumes ascendidos, co club ou de forma particular, ata chegar ás cifras indicadas, sen haber limitación de tempo en ningunha delas. Todos os que cheguen á cantidade de 150.000m poderán continuar: 250.000m, 500.000m, 1.000.000m e así sucesivamente cada 500.000m. De alcanzar dúas acumulacións nun ano, obterase unicamente trofeo pola maior.
CONCURSOS PARA SOCIOS INFANTÍS ATA 15 ANOS (inclusive)
3ª CATEGORÍA :8 MONTES DE MÁIS de 300m (1 ano)
2ª CATEGORÍA : 10 MONTES DE MÁIS de 400m (1 ano)
1ª CATEGORÍA : 12 MONTES DE MÁIS de 500m ( 1 ano)
* CONCURSO TEITOS DE GALICIA: poderán optar os socios infantís que teñan realizadas as tres Categorías e consisten en ascener os dous cumes masi altos das catro provincias.
PRAZO: 1 ANO . PREMIO:TROFEO Ver listado.

* CONCURSO EDELWEISS: poderán optar os socios infantís que teñan realizadas as tres categorías en : 25MONTES DE MÁIS DE 400m de altitude e 5 CAMPAMENTOS en cumes non inferiores aos 400m.
PRAZO: 2ANOS PREMIO: TROFEO
Unha vez cumpridos os 15 anos de idade os socios infantís pasarán automaticamente a puntuar nas categorías de maiores. empezando pola 3ª categoría. Se cumpren esa idade durante o periodo de concurso que estean facendo ata que o finalicen.
NORMATIVA DE CONCURSOS SOCIAIS: ACTIVIDADES DE ESCALADA
NORMAS XERAIS
– Para iniciar a participación en calquera dos concursos, comunicarase a mesma por escrito ao Responsable de Concursos, entregando o “Parte de Actividades” no local so-cial ou ben a través do correo electrónico. Todos os partes se cubrirán de forma indivi-dual, indicando o tipo do concurso, data e firma do socio.
– Só será correlativo o concurso de categorías. Realizarase por esta orde: 3ª categoría, 2ª categoría e 1ª categoría.
– Non se permitirá repetir unha mesma vía para un mesmo concurso dentro do prazo establecido para o mesmo. É posible a realización de varios concursos nun mesmo día, a excepción do “Concurso de Vías Ferratas”.
-O socio debe sempre escalar de primeiro de corda. Está norma será aplicable á escalada deportiva (non será aplicable a vías de clásica, varios largos etc.). O estilo de ascenso (flash, vista etc.) será a considerar polo escalador xa que dependerá de diversos factores que inflúen na toma da decisión.
– O período para realizar os distintos concursos será o comprendido entre o 1 de decembro e o 30 de novembro, debendo estar finalizados dentro deste intervalo de tempo os que sexan anuais.
– É obrigatorio entregar os partes das actividades realizadas dentro dos 30 días seguintes á realización das mesmas. Débense utilizar para iso os impresos que o club facilita no local social ou na páxina web. Os partes entregados fóra dese tempo non serán váli-dos, salvo autorización da Xunta Directiva.
– Todo parte que careza de datos suficientes ou se observe no mesmo falseamento ou mala fe, será invalidado automaticamente e no caso dos últimos supostos, aplicarase a sanción á que houbese lugar.
– Todo socio do club que realice actividade para calquera dos concursos establecidos, estará en posesión da Licenza Federativa. Para iniciar calquera concurso, e durante a duración deste, a licenza será emitida a través do Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, sempre e cando o socio teña o seu domicilio habitual na nosa comunidade.
– Os socios que participen nos Concursos de Actividades e realicen os mesmos dentro dos prazos e normas establecidas, serán obsequiados cun diploma ou trofeo que faga referencia ao concurso conseguido. Para isto tamén será obrigatorio realizar, cando me-nos, unha actividade das organizadas polo club dentro do período de concursos.
– O Club Peña Trevinca, a través dos seus órganos de dirección, resérvase o dereito a modificar a inclusión, exclusión, nomenclatura, altura ou calquera outra precisión de montes e actividades que afecten aos concursos, baseándose sempre en medicións e cambios efectuados por organismos oficiais.
Nota: respectaranse as condicións existentes no momento de ter iniciado o concurso a aqueles socios que o tivesen aberto con anterioridade a esa modificación.
NORMAS ESPECÍFICAS DOS CONCURSOS DE ESCALADA
CONCURSO DE CATEGORÍAS DE ESCALADA
3º CATEGORÍA: 15 vías de 20 metros e 2 vías de 50 metros.
2º CATEGORÍA: 25 vías de 20 metros, 3 vías de 50 metros e 1 vía de 100 metros.
1º CATEGORÍA: 50 vías de 20 metros, 5 vías de 50 metros e 3 vías de 100 metros.
PREMIO a elixir: TROFEO OU DIPLOMA
PRAZO: ANUAL
* CONCURSO DE ESCOLAS DE ESCALADA
– O socio debe visitar 20 escolas de escalada diferentes ao longo do prazo establecido.
– Deberá escalar como mínimo dúas vías en dita escola.
– Este concurso poderase repetir as veces que se queira, sempre con 20 escolas diferentes ás presentadas con anterioridade.
– Son válidas as escolas no estranxeiro.
– Libro de referencia dispoñible no club: “Donde escalar en España” Ed. Desnivel
PREMIO: 1º VEZ TROFEO OU DIPLOMA. VECES SUCESIVAS: DIPLOMA.
PRAZO: 2 ANOS MÍNIMO. 4 ANOS MÁXIMO.
* CONCURSO DE VÍAS FERRATAS
– O socio realizará 20 vías ferratas ao longo do prazo establecido.
– Este concurso poderase repetir as veces que se queira, sempre que as 20 vías ferratas sexan diferentes ás presentadas con anterioridade.
– Web de referencia: https://deandar.com/ferratas/tipo/vf
PREMIO: 1º VEZ TROFEO OU DIPLOMA. VECES SUCESIVAS: DIPLOMA.
PRAZO: 5 ANOS.
* CONCURSO 50 VÍAS CLÁSICAS DE ESCALADA
– O socio debe escalar polo menos 50 vías diferentes do listado proposto.
– Unha vez rematado o concurso o socio poderá volver a abrilo polas 50 vías restantes.
– Libro de referencia no club: “100 clásicas de España” Alfredo Merino e Jose Luis Rubayo. Ed. Desnivel
PREMIO: TROFEO E DIPLOMA.
PRAZO: ILIMITADO.
* ACUMULACIÓN DE METROS DE ESCALADA
– Neste concurso non é preciso inscribirse, son de aplicación xeral, independentemente dos concursos que se teñan abertos.
– Acumulación de metros de escalada: acumulación de 5.000m, 10.000m, 15.000m e así sucesivamente cada 15.000m .
– A mesma vía computa unha única vez nese mesmo ano.
– De alcanzar dúas acumulacións nun ano, obterase unicamente premio pola maior.
PREMIO a elixir: TROFEO OU DIPLOMA
PRAZO: ILIMITADO