Sección de Medioambiente

CON NOCTURNIDADE E ALEIVOSÍA-Entrevista a Julio Eiroa

Así se podería definir a actitude predatoria da que foi testemuña o noso asociado Julio Eiroa nas serras do Suído e do Montouto do sur da Dorsal Galega. Os feitos sucederon do modo que Julio nos relatou.

No pasado ano 2021, Julio foi reclamado por Daniel Sabucedo, alumno da Universidade de Vigo, para o seu proxecto fin de máster sobre biodiversidade e hábitats. Precisou de Julio por ser bo coñecedor das serras onde pretendía desenvolver o seu proxecto, pero tamén polas capacitacións en bioloxía, fotografía e montaña que fan de Julio un profesional multidisciplinar e quizais único para estas tarefas de investigación e medio natural.

Parte do traballo de campo consistía nun censo de anfibios en varias turbeiras e tremedais das serras do Suído e Montouto. Estes censos consisten en percorridos nocturnos sobre os humedais en repetidas xornadas, tomando nota do número e especies de anfibios que se atopan. Nunha noite de censo na serra do Montouto, Julio percatouse de que, nunha pequena poza do tremedal, unha larva do escaravello  buceador Dytiscus marginalis estaba ancorado ao rabo dun tritón ibérico adulto (Lissotriton boscai). Podedes observalo na Foto 1.

Foto 1. (a) Larva do Ditisco (6 cm) mordendo na base da cola do tritón iberico Lissotriton boscai (b) Ditisco adulto (3 cm) depredando o tritón ibérico. Fotos de Julio Eiroa.

De primeiras podería pasar desapercibido na nocturnidade, pero o instinto de fotógrafo de Julio espertou e decidiu gravar este encontro violento entre especies. Alí parecía rematar o achado, pero na noite seguinte, desta vez nunha turbeira alta activa da Serra do Suído, volveu presenciar o mesmo acto de depredación. Nesta ocasión o atacante non era larva, senón adulto de Ditisco que atrapaba coas súas mandíbulas a outro tritón ibérico adulto. Como non, Julio non deixou pasar a oportunidade inmortalizando os feitos.

Non é descoñecida a actividade predatoria do Ditisco sobre a fauna acuática que comparte hábitat. Estudos previos deron constancia deste comportamento en condicións controladas de laboratorios en acuarios, pero na literatura científica non se tiña recollido o rexistro audiovisual dos feitos. Era a primeira vez que a comunidade científica podía contemplar o acto predatorio do insecto sobre o anfibio1.

Así, Julio Eiroa e o biólogo Gonzalo Mucientes (https://twitter.com/gmucientes) decidiron enviar un artigo científico dos feitos a revista Entomological Science2, có resultado positivo da súa publicación o ano pasado.

Recentemente, a revista española de divulgación científica Quercus3, no seu último número do mes de setembro, fíxose eco do achado e a publicación científica. E por iso a razón desta entrada no blogue. Para que todos tamén teñades coñecemento.

Como di Julio, non se pode protexer sen coñecer. Esa é a función do investigador que Gonzalo e Julio levan dentro, vailles de serie e nunca se pon de vacacións. Persoas sentintes e concentradas en todo o que lles rodea para ver eses eventos que moitísimas veces pasan desapercibidos e descoñecidos. A importancia deste achado queda na sombra se esquecemos que as turbeiras e humedais son fundamentais e que estes traballos de censo de biodiversidade amosan a grande riqueza que estes ecosistemas de importancia comunitaria manteñen. Pola contra, moi ameazados por proxectos industriais de produción enerxética que veñen como polos sen cabeza, por pasteiros feitos sen criterio e unha política forestal nefasta ou ausente.

Julio lémbranos sempre que falamos con él que a protección dos acuíferos ten que ser prioritaria fronte o actual cambio climático, que é xa unha realidade, polo recurso hídrico e pola perda de biodiversidade que suporía a desaparición destes hábitats. Outro grande mal do século XXI, a perda de biodiversidade.

Neste artigo aparecen unhas fotografías e enlaces de Julio mantén na súa web e nas redes sociais. Podedes consultalas referencias e máis información sobre o achado nos seguntes enlaces:

  1. Vídeos dos feitos. Na web de Julio (natureandphoto.com/biologia) e na conta de You Tube (https://youtu.be/dul68y_X6rs)
  2. Short comunication enEntomological Science (necesaria subscrición) “Field observation of hunting behaviour by larva and adult of diving beetle Dytiscus marginalis Linnaeus, 1758 preying on Lissotriton boscai (Lataste, 1879). Julio Eiroa, Daniel Sabucedo e Gonzalo Mucientes. Se tes interese en ler o artigo completo podes solicitar copia a Julio Eiroa (jeiroa@natureandphoto.es) ou a Gonzalo Mucientes (gmucientes@iim.csic.es)
  3. Revista QUERCUS (necesaria subscrición) https://www.librerialinneo.com/quercus-439.

Vogalía de Medio Ambiente