II Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático – Cidade de Vigo

Como xa sabedes, este ciclo naceu no ano 2022 como iniciativa do noso club co obxectivo de sensibilizar aos socios e socias e o público en xeral na defensa do medio ambiente.

O ano pasado tivemos a sorte de contar con Sebastián Álvaro (aventureiro e escritor), Ricardo Beiras e Emilio Fernández (catedráticos en Ecoloxía pola UVigo) falándonos do misterio do primeiro ascenso ao Everest, da problemática dos plásticos no océano e do actual contexto de cambio climático, respectivamente; o éxito marcouno o público cunha media de 150 participantes durante as tres xornadas. Este ano, o listón non está fácil de acadar aínda que no noso ánimo e no das tres poñentes está conseguilo.

Ademais, durante todo o período de organización puxemos moito empeño en que as poñentes deste IIMMCC fosen tres mulleres. Somos conscientes da falta de referentes femininos, tanto no mundo do deporte de alto rendemento como nos altos cargos en materia de investigación.

Podedes ollar un anticipo do que imos vivir os días 21, 22 e 23 no seguinte video

(123) Ciclo Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático 2023 (IIMMCC) – YouTube

A continuación, describimos como discorrerán as tres xornadas desta edición:

Na primeira xornada, adicada á Montaña, contamos cun gran referente da escalada e do alpinismo a nivel mundial, a deportista catalá Silvia Vidal. As expedicións de Silvia supoñen o encontro puro entre un ser humano e a natureza, sen aditivos tecnolóxicos. Un encontro solitario, libre e natural, íntimo, no que a maxia desta xenial escaladora aflora, demostrando fortaleza física e mental para convivir coa montaña e o seu espazo nos días previos á intrépida aventura. O Himalaya (India), Karakorum (Pakistán), a Isla de Baffin (Canadá), a Cordillera Blanca (Andes, o Perú), a Patagonia (Arxentina e Chile), o Main de Fatma (Mali, África), Turquía ou Tailandia forman parte deses lugares únicos onde Silvia recrea a súa destreza singular que a fai única.

Entre os seus galardóns destacan a Medalla de ouro da Real Orden del Mérito Deportivo en 2022, o Piolet D’Or en 2021, ademais de que o pasado 23 de febreiro Silvia foi nomeada Miembro de Honor de la Sociedad Geográfica Española. Un novo e merecido recoñecemento ás virtudes que reúne esta muller. Coa presentación de “Alaska en solitario” deleitarémonos cos seus grandes valores, tanto humanos coma deportivos.

Para a xornada seguinte, adicada ao Medio Ambiente, abordaremos a problemática dos  incendios,  facendo especial fincapé no que a nosa terra viviu o último ano. Teremos connosco  a Jenifer Souto, enxeñeira forestal pola Universidade de Vigo, membro de ADEGA e experta no estudo dos incendios forestais.

Tras a presentación do corto documental “O Son do Courel”, J. Souto, falaranos do pasado, presente e futuro dos incendios forestais en Galicia. As grandes secas cada vez máis cotiás, as intensas treboadas e a mala organización fan un cóctel máis que adecuado para que as vagas de lume se fagan eco na nosa contorna. A temática require ser abordada con carácter urxente por mor deste contexto de inestabilidade climática no que estamos inmersos.

Na derradeira xornada, falaremos de Cambio Climático con Mª Fernanda Pita, profesora titular xubilada de Xeografía pola Universidade de Sevilla. A investigadora, durante a súa charla “Emergencia climática: Lo estamos haciendo bien?”, porá en entredito a estratexia que estamos a seguir, dende quen toma as decisións ata quen debe ser verdadeiramente o axente de cambio. Un tema que desgraciadamente non pasa de moda.

Agardamos que esta edición sexa de agrado e teña tanto éxito coma a pasada. Contamos co apoio da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Vigo, coa UVigo, a través da Oficina de Medio Ambiente e da Área de Benestar, Saúde e Deporte e tamén coa FEDME e a FGM, xunto con outras entidades que seguen a colaborar con nós neste proxecto de difusión medioambiental. Tamén queremos agradecer a Manuel López, Bertrand Delapierre e Emilio Romanos Fotografía pola cesión dos seus vídeos e imaxes.

VÉMONOS NO AUDITORIO MUNICIPAL DO CONCELLO DE VIGO O 21, 22 E 23 ÁS 20:00H. ENTRADA GRATUITA ATA COMPLETAR AFORO.

Cristina Fernández González, vogal de Medio Ambiente

Os residuos compostables son residuos tamén

A partir da entrada en vigor do Real Decreto 293/2018 do 18 de maio, sobre redución do consumo de bolsas de plástico, estendeuse o uso de bolsas compostables e outros materiais de uso único feitos a partir de materiais reciclados ou compostables.

A lei trouxo da man a polémica e coa súa entrada en vigor escoitáronse comentarios de todo tipo relacionados, sobre todo, coas medidas que se viron obrigados a tomar os establecementos comerciais.

 No artigo 4 do Real Decreto 293/2018 establécense as medidas para a redución do consumo de bolsas de plástico. Clasifica as bolsas de plástico en tipos diferentes, segundo o grosor das mesmas, e con cada tipo establécense unha serie de medidas.

Para as bolsas de plástico de grosor igual ou maior a 50 micras (as típicas bolsas tipo camiseta que che dan nunha tenda) prohibe a súa entrega gratuíta, así como establece a obrigatoriedade de que as mesmas conteñan unha porcentaxe superior ao 50% de plástico reciclado, medida establecida no 2020. A norma establece unha excepción no tocante á gratuidade para aquelas bolsas que teñan unha porcentaxe igual ou superior ao 70% de plástico reciclado, debendo estar  acreditado polo fabricante da mesma.

Para bolsas de grosor inferior a 50 micras (bolsas de plástico lixeiras ou moi lixeiras) queda prohibida a distribución nos puntos de venda ou establecimentos comerciais, podendo só entregarse bolsas compostables.

En resumo, o que o Real Decreto vén dicir é que soamente se poderán distribuir as  bolsas de plástico grosas (igual ou superior a 50 micras) cunha porcentaxe de 50 ou 70% de plástico reciclado, cobrando un prezo por bolsa. As que teñan unha porcentaxe superior ao 70% poderán distribuirse de forma gratuíta.


Imaxe 1. Fotografía bolsa tipo camiseta cun 70% de plástico reciclado. Fonte: cedida pola autora.

Así, o RD 293/2018 puxo nas mans dos consumidores un novo tipo de bolsas chamadas compostables sendo moi común atopalas nas seccións de froitería de todo tipo de establecementos comerciais, dende a tenda de barrio ata as grandes superficies comerciais.

Que significa compostable?

Un material compostable é un tipo de material que pode degradarse e modificar as súas características químicas para formar compost a través do proceso da compostaxe. É dicir, desfacerse para converterse nunha substancia nutritiva para as plantas e árbores. O proceso da compostaxe é un proceso que, de funcionar correctamente, xera calor e precisa de humidade e aireación para que os organismos encargados de “desfacer” ese material  poidan traballar a gusto para convertilo en compost. Un material compostable é todo aquel co que se pode facer compost. Entre os residuos máis famosos que se poden compostar destacan os restos orgánicos, tanto de orixe vexetal coma animal; con este tipo de material, abofé que se fai un bó abono para as nosas hortas e leiras!

No tocante ás bolsas compostables que se poden atopar na sección de froitería dos supermercados, ou noutras seccións de produtos a granel, podemos atoparnos cunhas bolsas con etiqueta que pon “OK compost”. Ésta é unha das marcas de bolsas compostables máis comercializadas. Dentro desta marca existen dous tipos máis comúns de etiquetas: as que poñen “Home” ou as que poñen “Industrial”.

Imaxe 2. Detalle da etiqueta  de marca comercial de bolsas compostables. Fonte: cedida pola autora.

As “OK Compost HOME” son bolsas biodegradables e compostables nas que se garantiza a biodegradabilidade completa nas condicións específicas de compostaxe doméstica, seguen a norma EN 17427 para certificar as devanditas condicións.

As “OK Compost INDUSTRIAL” seguen a norma EN 13432 que garatiza que este tipo de bolsas poden compostarse a través da compostaxe industrial en plantas de compostaxe.


Imaxe 3. Fotografías dun composteiro doméstico (esquerda) e dunha planta de compostaxe industrial (dereita). Fonte: cedidas pola autora.

Na teoría, as bolsas compostables compostan e deberían converterse en compost por procesos de compostaxe. A realidade é que non compostan tan ben como as normas EN 17427 ou EN 13432 certifican.Imaxe 4. Pilla de compost procedente dunha planta de compostaxe industrial con bolsas compostables sen descompoñer completamente. Fonte: cedida pola autora.

Na imaxe 4 móstrase unha pilla de compost industrial xa finalizado o proceso de descomposición tras pasar catro meses nun proceso de compostaxe industrial.  Se nos fixamos ben, na imaxe obsérvase que as bolsas compostables non están totalmente degradadas, a pesar de que a norma acredita que deberían estalo.

Os composteiros comunitarios e domésticos de moitos fogares galegos tamén están cheos de bolsas compostables a medio compostar, como se observa na imaxe de abaixo, que non acaban de terminar o proceso e polo tanto non son aptas para ser depositadas no composteiro coma outros residuos orgánicos.

Imaxe 5. Detalle bolsas compostables sen compostar nun composteiro comunitario. Fonte: cedida pola autora.

Entón, onde podemos depositar estas bolsas?

Se no composteiro non compostan ben temos que buscar onde depositalas. Como non se trata dun envase de plástico xa non poden ir ao contedor amarelo, adicado aos residuos de envases plásticos. A única alternativa é depositalos no contedor de “Resto” xunto con outros residuos non recollidos separadamente.

Por outra banda, ademais das bolsas compostables, tamén atopamos no mercado todo tipo de materiais dun só uso de diversa composición que se poden recoller separadamente ou compostar. Os vasos, pratos ou cubertos dun só uso xa non se poden fabricar con plástico 100% dende que en 2022 entrou en vigor a nova lei de residuos prohibindo a fabricación e comercialización deste tipo de materiais. Polo tanto, saíron ao mercado estes novos produtos de substitución. Pero parece que estamos ante o mesmo problema…

Entre outros materias que se utilizan para facer este tipo de materiais destacan os chamados “Plásticos PLA”, Plásticos CPLA ou os polímeros de cana de azúcar. Os PLA e CPLA son “bioplásticos ” elaborados a partir de polímeros derivados por procesos de esterificación do almidón de millo. As diferencias entre o PLA e o CPLA son a cor e a temperatura que poden soportar. O PLA é transparente e soporta temperaturas menores de 40 grados centígrados mentras que o CPLA pode soportar temperaturas superiores, chegando a 85 grados centígrados, e a súa cor pode ser branca ou tinxirse de diversas cores opacas.

O polímero de cana a azúcar é un material similar ao polietileno PET (típico plástico das botellas de auga) xa que se obteñen moléculas de polietileno a partir das fibras vexetais da cana de azúcar. Os bioplásticos  son unha alternativa moi interesante para a redución do uso de plásticos, a cuestión radica en como se utilizan este tipo de materiais e como se poden reciclar.

As vaixelas e cubertería dun só uso elaboradas a partir de bioplásticos poderían compostarse se existise de forma estendida a recollida selectiva de biorresiduos, e, no caso de existir esta xestión, o proceso final fose a compostaxe a nivel industrial. E isto, no sistema actual de residuos, non existe. A maioría de proxectos de xestión selectiva de biorresiduos trata o mesmo a través de compostaxe doméstica ou comunitaria. Nestes dous tipos de xestión a inercia térmica do proceso de compostaxe non garante que este tipo de materiais se descompoñan ata facer compost. A experiencia práctica dinos que un prato de PLA nun composteiro doméstico permanece inalterado durante anos.

Este feito, e de non se non existir sistema de compostaxe industrial no teu municipio, só nos deixa a opción de novo de depositalos no contedor de «resto», indo a parar a un vertedoiro ou a unha planta de incineración de residuos.

Imaxe 6. Fotografía detalle cubertos dun só uso compostables sen compostar nun composteiro comunitario. Fonte: cedida pola autora.

Tanto o Real Decreto 293/2018 sobre as bolsas de plástico, coma o Real Decreto 1055/2022 de envases e residuos de envases ou a nova Lei 7/2022 de Residuos e solos contaminados, foron creadas co obxectivo claro de disminuir os residuos plásticos xerados na cadea de consumo. Os residuos plásticos están asolagando os ecosistemas acuáticos así como son un problema grave na xestión dos mesmos polas dificultades que entraña a súa reciclaxe.

Os residuos de bolsas compostables e materiais de un só uso feitos a partir de bioplásticos teñen grandes dificultades para a súa reciclaxe, ao ter que contar cun proceso de compostaxe moi concreto (a compostaxe industrial) e moi pouco estendido e sustentábel (a compostaxe doméstica ou comunitaria son os tipos de xestión de residuos orgánicos que deixan unha menor pegada de carbono, debido a que os custes de transporte son inexistentes. Reciclaxe quilómetro cero).

A reflexión ten que pasar pola necesidade de substitución dos materiais dun só uso. A lexislación vixente trata de acotar o tipo de materiais de un só uso para reducir a cantidade de plásticos utilizados e fomentar o uso de materiais reutilizables así coma de bioplásticos. Pero o modelo de consumo actual trata simplemente de cambiar un material por outro sen ter en conta que a pregunta que se debe facer é se é realmente necesario consumir a mesma cantidade de materiais dun só uso.

O sistema actual trata a cidadanía como consumidores e non como persoas con capacidade para repensar e responsabilizarse, na súa medida, dos residuos que xeran. O sistema de consumo redirixe a atención fomentando a compra de material “eco-friendly” para calmar as conciencias pero a realidade é que todo, unha vez máis, volve a acabar no contedor de «resto» para ser acumulado nun vertedoiro ou incinerado.

Moitos dos axentes que xestionan os residuos (entidades públicas, empresas, xestores de residuos, etc.)  tamén tratan ao cidadán como persoa que consome elementos que xera residuos. O sistema de mercado baséase en que continúe a consumir en vez de fomentar a prevención de residuos como elemento fundamental nas polítcas medioambientais.

A prevención de residuos segundo se enfoca na lexislación actual é optativa, non existe un elemento que obrigue de forma directa aos axentes de residuos a fomentala de forma clara. Non existe, ou non se executa, un réxime sancionador para que a prevención de residuos sexa o elemento fundamental nas políticas medio ambientais. E como todos sabemos, se non existe unha posible sanción ou non se executa, se non existe unha obrigatoriedade e non existe interese na redución real dos residuos, os residuos non se van reducir.

Existen outras alternativas que poden ser moi interesantes para non utilizar as bolsas compostables ou os materias dun só uso. Para substituír as bolsas compostables pódense ter bolsas reutilizables feitas de rafia ou de tea ou pódense levar tupers reutilizables. Para substituír as vaixelas dun só uso pódese ter un kit de vaixela de picnic reutilizable, ou no caso de eventos multitudinarios, ter unha vaixela para a ocasión e vasos reutlizables.

As persoas somos quen de cambiar con pequenos xestos o panorama da crise ambiental á que nos enfrontamos. A responsabilidade individual pode facerse colectiva se se fala nas rúas e nos fogares de como se pode aportar un pouquiño na xestión de residuos. Por outra banda, a responsabilidade do sector empresarial co medio ambiente ten que mudar de xeito drástico, así como tamén a lexislación en materia de residuos ten que camiñar cara á obrigatoriedade nas normativas medioambientais.

Sara Luque Coto, comité de Medio Ambiente

Bibliografía e referencias empregadas

Real decreto 293/2018, do 18 de maio, sobre redución do consumo de bolsas de plástico e polo que se crea o Rexistro de Produtores. Pódese consultar aquí: https://www.boe.es/eli/es/rd/2018/05/18/293

Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular. Pódese consultar aquí: https://www.boe.es/eli/es/l/2022/04/08/7/con

Real Decreto 1055/2022, do 27 de dicembro, de envases e residuos de envases. Pódese consultar aquí: https://www.boe.es/eli/es/rd/2022/12/27/1055/con

Bio-Fakes. El engaño de los bio-plásticos. Amigos de la Tierra. Junio 2021. Pódese consultar aquí:https://www.tierra.org/wp-content/uploads/2021/06/biofakes-bioplasticos.pdf, https://www.youtube.com/watch?v=RdyvP6RKHik

 

Agradecementos charla «Pradeiras submariñas e cabaliños de mar»

O pasado mércores, Patricia Quintas Pérez, doutora en Ciencias Mariñas e socia do club dende hai 30 anos, ilustrounos en materia de Cabaliños de Mar e Pradeiras Submariñas.

Así se inauguraba a primeira charla de divulgación científica do 2023.

Patricia comezou explicando que son as pradeiras de fanerógamas, esas prantas que non algas como xa comentamos aquí, tan descoñecidas entre todos nós. Comentounos un dato moi interesante e é que, a pesar de ocupar un pequeno porcentaxe do fondo oceánico (0.1%) deste planeta, albergan o 18% do carbono oceánico (UNEP, 2020) polo que realmente constitúen unha ferramenta moi valiosa na loita contra o cambio climático.

Tamén nos contou cales son as principais ameazas e presións ás que se enfrontan estas pradeiras, tanto naturais como de orixen antropoxénico, así como as recomendación do que se debería facer se non queremos deixar de ollar estes preciosos ecosistemas.

Foto 1. Patricia Quintas durante a súa charla o Mércores 25 de Xaneiro.

Despois pasamos a falar do fermoso cabaliño de mar. Contounos que, durante a súa etapa postdoutoral, traballou no IIM-CSIC tratando de criar cabaliños de mar en cautividade cun dobre propósito: coñecer a ecoloxía e dinámica desta especie no seu medio natural e chegar a criar esta especie con fins conservacionistas para frear o declive poboacional en hábitats e zonas afectadas.

Reseñou que a especie que máis coñecemos na Ría de Vigo é a que se ve na seguinte imaxe, o Hippocampus guttulatus, e quen o consegue ver ten un ollo moi fino porque son verdadeiros maestros da camuflaxe.

Foto 2. Hippocampus guttulatus na Ría de Vigo. Fonte: Proxecto Hippocampus (IIM-CSIC)

Como dato curioso comentounos que son os machos os que incuban os ovos que a femia lle transfire unha vez maduros, e que é moi difícil ollar un parto xa que apenas dura minutos e adoitan facelo de noite. Non obstante, o debate posterior a charla demostrou que aínda quedan moitas incógnitas por resolver no que a esta especie se refire: Son máis activos durante a noite que polo día? Coñecemos a tódolos seus depredadores? Realmente son fieis a unha soa parella durante a súa vida?

A verdade que foi unha charla moi entretida onde non podo máis que agradecer a tódolos participantes a vosa asistencia, a todos os que participáchedes tan activamente no debate e ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia por cedernos o seu auditorio.

Espero que nos vexamos de novo nun futuro próximo.

Cristina Fernández, vogal de Medio Ambiente.

DEFORESTACIÓN II: AS COMMODITIES DA VIDA MODERNA DETRÁS DA DEFORESTACIÓN

INTRODUCIÓN

A deforestación leva ocorrendo na Terra dende hai moito tempo, pero dende o Crecente Fértil e a chegada da agricultura disparouse de forma alarmante, e máis notablemente no último século. Nun primeiro momento, a principal causa desta aceleración foi a obtención de madeira, non obstante, o impacto e a complexidade das súas causas cambiaron substancialmente, na medida en que os bosques xa non se talan pola súa madeira senón pola terra necesaria para obter mercadorías. Enormes áreas de bosque tropical son cortadas para soia, carne e coiro, aceite de palma, etc… dado que os bosques en pé parecen carecer de valor económico en vista da súa reconversión agroindustrial que xera un retorno do investimento incriblemente elevado. As nacións deforestadas non redistribuíron os beneficios con xustiza social e non se contabilizaron os maiores custos que provoca. Estes custos inclúen seguridade alimentaria, enerxía, saúde e auga.

Os impulsores da deforestación actúan en toda a cadea de subministración global, desde pequenos/grandes gandeiros e propietarios de terras ata procesadores e consumidores. Todo isto aderezado co mundo financeiro que transforma calquera entidade nun obxecto de especulación, e ao que asistimos en directo como espectadores. Hoxe a maior commoditie (mercadoría) é o solo polo que loitan as grandes corporacións.

Lonxe do lugar onde antes crecían os bosques, os consumidores internacionais consomen produtos que conteñen mercadorías de risco para os bosques sen ser conscientes do impacto que está a ter este consumo.

Imaxe 1. Imaxe tomada do Informe Global Forest Resources Assessment 20203

É inevitable centrarse nas zonas tropicais e subtropicais, xa que en conxunto albergan máis da metade da superficie forestal do planeta e a metade da biodiversidade terrestre. Estes bosques son inestimables xa que proporcionan bens económicos, biodiversidade e servizos ecosistémicos a escala mundial. Continuas extensións de bosque que foron taladas nun 50%, o que nos proporciona unha escala do cambio antropoxénico máis significativo no uso do solo da historia. Cambio producido ou provocado pola demanda global de commodities: madeira e papel, minerais, petróleo e gas, alimentos e biocombustibles1.

Obsérvanse símiles recorrentes na transformación dun bosque relacionados coa interacción coas sociedades:

  1. Alta cobertura forestal inicial (baixa deforestación),
  2. Aceleración (alta taxa de deforestación),
  3. Desaceleración da deforestación e estabilización da cobertura forestal,
  4. Etapa de repoboación.

O primeiro grupo corresponde aos países subdesenvolvidos, os dous seguintes aos países en desenvolvemento. O último grupo está formado por países desenvolvidos (Europa) que comezaron a repoboación e a aforestación (plantación de bosques onde historicamente non os había) e se converteron en países transformadores/consumidores en lugar de implicarse na tala dos seus propios bosques.

Actualmente, os bosques tropicais fornecen máis de 5.000 produtos básicos ao comercio mundial1. Isto significa beneficios para os produtores e a capacidade de axudar a millóns de persoas a saír da pobreza. Pero con esta xeración de riqueza vén unha maior presión sobre a conversión forestal. Esta transformación vertixinosa vai acompañada da deforestación e degradación (incendios e contaminación derivada sobre de todo da minaría)  dos ecosistemas que proporcionan servizos vitais como a seguridade alimentaria, a saúde, a auga, a enerxía… facendo que a produción daquelas mercadorías que poñen en risco o bosque como estratexia sustentable de desenvolvemento sexa inviable.

Coñecer a orixe ou o impacto dun produto é dificultoso e xorden certificacións e esquemas de seguimento Forest Stewardship Council (FSC) ou The Round Table on Responsible Palm Oil (RSPO) que axudan ao consumidor responsable e as propias compañías engadindo un valor reputacional. Estes só cobren unha parte mínima, pero o custo reputacional das empresas de procesamento/comercialización e financeiras aumentará ante a presión dos consumidores. Adicionalmente, a responsabilidade tamén é compartida polos lexisladores que actualmente promoven a conversión forestal (minaría, agroindustría, gandería extensiva, fertilización tóxica, monocultivo incontrolado, deficiente tratamento de residuos….

A agricultura comercial e de subsistencia supón o 80% da deforestación, en comparación coa tala, a recollida de leña, a produción de carbón vexetal e os incendios non controlados que producen un  impacto de degradación forestal1.

Se existe un patrón que se asocia a esta causa de deforestación na conversión agrícola, é a liberación dos mercados por tratados internacionais desde os anos 90 das exportacións de produtos agrarios, o que supuxo un aumento do seu valor e polo tanto o incentivo á destrución do bosque. Non só aplican as  subidas de prezos, senón a maiores, as deficientes políticas de conservación, dereitos de propiedade, corrupción e/ou a forma de xestionar os recursos.

Imaxe 2. Imaxe tomada do Global Canopy Programme1

As vacías do río Amazonas e do Río da Plata cunha deforestación brutal frean esta conversión agrícola (detalle 1), inda que segue a preocupar a situación do Cerrado Brasileiro ao igual que a deforestación de países como Perú, Bolivia, Paraguai, Colombia, Venezuela,  sobor de todo pola explotación mineira. Xunto coa vacía do río Congo (detalle 2), sufriron a maior perda de superficie forestal desde a década de 1990.

Esta conca, que posúe o 12% das terras do mundo susceptibles de ser cultivadas, está relativamente intacta debido ao seu baixo nivel de infraestruturas que non  facilitou a extracción de madeira e a consecuente conversión agrícola. A inversión na última década en infraestruturas está a mudar esta situación. Levan unha década convertendo bosques en palmeirais e plantacións agrícolas (a palmeira aceiteira é nativa desta zona)1.

Aínda que Asia foi protagonista pola destrución de bosques primarios para as plantacións de palma aceiteira, a súa repoboación de eucaliptos e cultivos comerciais fan que gañe superficie forestal. O caso de Sumatra coa perda do 70% dos seus bosques e que ameazou a unha fauna rara, levou a unha moratoria (detalle 3).

Imaxe 3. Imaxe modificada do Informe Global Forest Resources Assessment 20203. Resáltanse detalles mencionados a no parrágrafo anterior e a continuación.

A vacía do Amazonas, a vacía do Congo e o sueste asiático son as rexións con maiores bosques tropicais intactos. Case dous terzos dos cales son considerados bosques primarios. Non obstante, desde o ano 2000, os bosques primarios diminuíron de forma alarmante2.

Estes bosques tamén xogan un papel importante no discurso do cambio climático, xa que almacenan o 42% do carbono contido en todos os bosques do mundo, ocupando só o 33% da superficie forestal mundial2. Máis importante aínda, estas rexións representan a fronteira actual e futura de conversión e explotación para a produción de produtos de risco forestal1.

Cun escenario de crecemento poboacional de 1/3 en 2050 ata 9.000 mill. de persoas, alimentar tal magnitude ao tempo que se preservan os bosques e os servizos dos ecosistemas, satisfacendo a demanda de agrocombustibles e mantendo o emprego e os ingresos dos máis de 1.000 millóns de traballadores que subsisten da agricultura, espérase unha tarefa complicada.

AS CAUSAS SUBXACENTES

Debemos centrarnos nas causas subxacentes da deforestación: unha gobernanza débil dos principais países que apoian a deforestación, o cambio climático, a pobreza, as infraestruturas e as finanzas.

Un goberno débil na aplicación da lei, incluídas as leis que branquean as actividades ilegais; gobernos con pouca transparencia, en conflito, con pouca capacidade de xestión ou capacidade humana, corrupción, etc. Pero sen deixar de lado os países consumidores que favorecen este caldo de cultivo. Exemplos son o coltán, a soia, o aceite de palma ou os cereais para biocombustible.

O cambio climático ten dúas caras nunha especie de uróboro que se alimenta de si mesmo. A deforestación e a degradación dos bosques agravan o cambio climático, mentres que o cambio climático agrava a deforestación debido ao deterioro forestal, ao estrés hídrico, a perda de solo por falta de protección, ao aumento do albedo e ao aumento das temperaturas e fenómenos catastróficos, aos que a vexetación non ten tempo de se adaptar.

Ao establecer un vínculo entre pobreza e deforestación, compróbase que a maior pobreza atópase nas comunidades con gran vexetación, pero existe unha maior correlación de deforestación indirecta provocada por países desenvolvidos ou en vías de desenvolvemento. Europa presume de ter revertido este problema, pero este argumento agocha dúas realidades: por unha banda, as plantacións de monocultivos que nada teñen que ver cun bosque natural, e por outra que a conservación dos seus bosques se fixo a costa dos bosques de terceiros.

Canto máis talan os pobres para aliviar a súa pobreza hoxe, máis agravan o seu problema mañá.

A deforestación directa provocada por infraestruturas (estradas, encoros hidráulicos, minería, petróleo…) que ben por asfaltado ou inundacións afectan á perda de cuberta vexetal e o seu consecuente solo. Pero tamén abren outra cuestión social: o desprazamento de comunidades indíxenas que, ben por ser expulsadas do seu territorio, pola perda de territorio de caza, pola contaminación das augas, ou por extorsións e ameazas de empresas promotoras, trasládanse a outras zonas forestais antes impenetrables. Tamén atrae outras comunidades ávidas de negocios (garimpeiros) ou simples cidadáns que escapan das favelas. Este fenómeno revela outros: a fragmentación do bosque, acentuando a extensión cada vez menor de bosque ininterrompido que facilita a ecoloxía dos grandes animais, e a zoonose, a crecente exposición a enfermidades animais que transitan á ecoloxía humana.

Por último, centraríame nas finanzas. A capacidade investidora de grandes corporacións ou fondos de investimento, tamén de países a través de fondos de cooperación internacional para a axuda ao desenvolvemento; provocan un aumento da deforestación, debido ás causas antes mencionadas. Financiamento de infraestruturas, axudas á modernización agraria, que atopan un mercado legal ou ilegal para as súas  materias primas cun caldo de cultivo como unha gobernanza débil, agravando en definitiva a problemática do cambio climático.

Por outra banda, aínda que historicamente os produtos foron comercializados localmente, dende finais do s. XIX comezou a estenderse por todo o mundo os contratos homoxéneos que definían detalles do produto como a cantidade, a calidade e que tamén, grazas aos avances na loxística, facían viable o seu comercio internacional, e con el chegaron as bolsas de commodities de alimentos que incluían aquelas de risco para os bosques como a soia, o aceite de palma, o gando vivo, os cereais….

Imaxe 4. Imaxe  tomada do libro The little book of big deforestation drivers1

Aínda que está claro que a mercantilización trouxo enormes beneficios á economía mundial, reducindo os custos de produción e subministración, garantindo vendas anticipadas a prezos fixos, non deixan de ser produtos susceptibles de especulación mediante derivados, contratos destinados a cubrir as perdas por incumprimento do activo subxacente. Hai tanto mercado para derivados como para commodities e un pode aumentar o prezo do outro e viceversa.

RESUMO DA AVALIACIÓN DE RECURSOS FORESTAIS GLOBAIS 2020 (FRA20)

Imaxe 5. Imaxe tomada do Informe Global Forest Resources Assessment 20203

Aínda que a taxa de deforestación diminuíu en 30 anos, o mesmo aconteceu coa expansión do bosque. Achegámonos a un equilibrio?

Imaxe 6. Imaxe tomada do Informe Global Forest Resources Assessment 20203

O 93% dos bosques rexenéranse de xeito natural.

O 4% son restauración de ecosistemas e bosque protector.

Imaxe 7. Imaxe tomada do Informe Global Forest Resources Assessment 20203

A taxa de rexeneración natural redúcese continuamente e de repoboación forestal na última década.

Imaxe 8. Imaxe tomada do Informe Global Forest Resources Assessment 20203

O 3% da superficie forestal corresponde a plantacións, que destacan polo uso de especies introducidas. plantacións intensivas.

Imaxe 9. Imaxe tomada do Informe Global Forest Resources Assessment 20203

A superficie forestal das áreas protexidas aumentou, pero a súa taxa de crecemento diminuíu na última década.

CONCLUSIÓN

Actualmente, o home coma especie superou a resistencia dos ecosistemas ás perturbacións ecolóxicas de todo o mundo. Estes impactos xerados no século pasado no planeta provocaron a transformación dos bosques a un ritmo acelerado e sen precedentes: fragmentación, descontinuidade na masa forestal, debido fundamentalmente aos cambios no uso do solo e en particular á deforestación. O crecemento exponencial da poboación e a enorme desigualdade social, así como o desperdicio alimentario que supón a cadea de subministración, representan importantes retos para acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible no mundo, debido ao aumento do uso dos recursos para satisfacer as necesidades humanas. Ademais, aumenta o risco de desencadear enfermidades zoonóticas transmitidas por animais salvaxes en rexións tropicais que representan problemas de saúde pública4.

Ante este tipo de eventos, a conectividade paisaxística xoga un papel fundamental na conservación da biodiversidade e no mantemento das funcións ecolóxicas, debendo ser un referente na ordenación do territorio, permitindo a restauración dos ecosistemas, o reequilibrio do ciclo hidrolóxico, a protección do solo , creación de corredores ecolóxicos para a protección da fauna máis grande, co fin de reducir o risco potencial de zoonose, así como de defaunación.

Referencias e Lecturas recomendadas:

1The little book of big deforestation drivers- El pequeño libro de las Grandes causas de la Deforestación. GCP Global Canopy Programme: Oxford. Autores: Mario Rautner, Matt Leggett.

2Deforestación en tiempos de Cambio Climático. Autores: Grupo Internacional de Trabajo sobre Asuntos Indígenas. Compilación y Edición Alberto Chirif.

3Global Forest Resources Assessment 2020 – Main Report | PIPAP (sprep.org) podedes consultar e descargar en pdf o informe da FAO sobre a situación mundial dos recursos forestais do último decenio.

4La conectividad del paisaje como estrategia para atenuar el riesgo de zoonosis por la deforestación y defaunación. Autores: Edgar G. LeijaManuel Mendoza.

5Localización: Ecosistemas: Revista científica y técnica de ecología y medio ambiente, ISSN-e 1697-2473, Vol. 30, Nº. 3, 2021 (Ejemplar dedicado a: Desertificación: nuevos enfoques para un viejo problema)

Raimundo Alonso Márquez

Membro da Vogalía de Medio Ambiente Club Peña Trevinca

LEBRES A LONGO PRAZO

O último número da revista Galemys1, editada pola Sociedad Española para la Conservación y Estudio de los Mamíferos (SECEM) publica o estudo de seguimento da lebre ibérica no sur da Dorsal Galega, concretamente nas serras do Suído e do Faro de Avión. Un estudo de moitos anos de recollida de datos da presenza desta especie, catalogada de interese cinexético.

Pode ser que as imaxes que veñan á cabeza sexan as dos documentais de caza onde os galgos as perseguen á carreira. Pero o certo é que a lebre ten representación na península ibérica con tres especies diferentes, sendo a lebre ibérica (Lepus granatensis Rosenhauer, 1856), amosada na foto de portada, a máis abundante e a de maior distribución. En Galiza a lebre ibérica a podemos atopar en altitudes que van dende o nivel do mar ata os 1.200 m; en prados, campos de cultivo e bosques caducifolios ou mixtos. Tamén está presente en páramos con vexetación de matogueira, herbáceas e fentos. E por isto, as serras do sur da Dorsal Galega son unha área xeográfica adecuada para os modelos de favorabilidade ambiental.

Foto 1. Hábitat favorable no sur da Dorsal Galega. Serra do Suído. Fonte: Cedida polo autor.

Ao ser unha especie cinexética, e dicir, que pode ser cazada, o seguimento das poboacións e dos factores que inflúen na súa dinámica fanse imprescindibles. Desta forma se coñece a súa tendencia no tempo e debería garantir a súa conservación e estabilidade da especie e poboacións. Así, en Galiza a súa caza está vedada dende o ano 2008, a excepción dos TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado) societarios nos que exista un proxecto de ordenación cinexético e o seu aproveitamento sexa contemplado como viable2.

Os protagonistas desta publicación son os Axentes Ambientais do Distrito XVII Condado-Paradanta do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente. Eles foron os que no ano 2006 tomaron a decisión incluír, nas súas tarefas  anuais de vixilancia do patrimonio natural, un censo estacional das lebres ibéricas de 3 serras, o Suído, o Faro de Avión e o Montouto-Paradanta, que posteriormente quedou limitada ao Suído e o Faro de Avión por non detectar presenza na terceira das serras. Atención ao dato, son 14 anos de datos ata o momento da análise no 2020, sen que ninguén lles obrigue, por motivación profesional destes Axentes e gardas cun alto compromiso.

Foto 2. Hábitat favorable no sur da Dorsal Galega. Serra do Suído. Fonte: Cedida polo autor.

E como se fai unha estimación da densidade de lebres nunha serra? Pois deseñando un percorrido polos hábitats favorables e contando as lebres que atopas nese percorrido. O deseño é algo mais complexo, xa que o percorrido debe facerse en vehículo e de noite, con focos de luz de moito alcance revisando as veiras dun percorrido que sempre é o mesmo en cada serra. Ademáis, se debe facer en dous días consecutivos e en cada estación do ano. En cada noite de censo tómanse as variables de temperatura, vento, chuvia, e nubosidade. Tamén a distancia de observación das lebres. Foron un total de 1.219 km na serra do Faro de Avión e 1.269 km na serra do Suído.

Foto 3. Xornada de mostraxe. Fonte: Cedida polo autor.

Aquí é onde entramos Gonzalo Mucientes (Biólogo-CSIC), Santiago Barciela (Biólogo),  e eu para recoller todo ese esforzo de traballo e darlle filtrado e sentido analítico. Fixemos uns cálculos da densidade relativa mediante o IKA (índice quilométrico de abundancia) das lebres, coas súas medias e desviacións típicas. Atopamos tendencias diferentes entre ambas serras, con anos moi diferentes. Con oscilación da densidade ao longo do tempo. Tamén recoñecemos que as estacións de verán e outono son as de maior observación de individuos. As densidades son semellantes as referidas na serra veciña do Xurés, entre 0,07 e 0,30 ind/km para o Faro de Avión (x= 0,18 ± 0,06 ind/km), e entre 0,02 e 0,22 ind/km para o Suído (x= 0,07 ± 0,06 ind/km). Nós consideramos que son valores de abundancia críticos e creemos na necesidade de seguir adoptando medidas inmediatas de conservación nestas dúas serras.

Cal é a importancia destes estudos? Son varias as razóns de peso, ademais da difusión científica. Primeiro aporta coñecemento da especie. Segundo, delata a importancia de plans de caza dos respectivos TECOR actualizados, xa que están obrigados a realizar estimacións e cuantificacións das poboacións dos seus territorios (DOGA 2020)2. Terceiro, desvela a responsabilidade das administracións competentes para incentivar e manter este tipo de mostraxes coa axuda de Axentes especializados no medio natural. Cuarto, permite o seguimento continuo da lebre ibérica, medida que posibilita actuacións de mellora do hábitat e a toma de decisións de conservación e de aproveitamento cinexético con maior eficacia e realidade.

E a importancia da lebre ibérica no ecosistema? A lebre ibérica xunto coa lebre de piornal (Lepus castroviejoi) son especies exclusivas da Península. O seu valor é inestimable. Sabendo que son tan «nosas» realmente queremos perder algo que é único? Si desapareceran por unha mala xestión cinéxetica ou por destrución do hábitat favorable contribuiríamos a perda de biodiversidade; o grande mal do século XXI. As lebres son especies base dos ecosistemas e son as primeiras en delatar problemas de conservación nos hábitats que elas ocupan. Neste sentido, resulta importante monitorizar e controlar o seu estatus de conservación, a súa saúde e o seu hábitat.

Quero aproveitar este artigo para destacar que este tipo de traballos semellan simples de concepción pero teñen un potencial terríbel de coñecemento a longo prazo. Esta labor é fundamental. Tedes que saber que o traballo continua no tempo, non rematou no 2020 e seguimos a recoller datos. E quero destacar e recalcar que este traballo foi froito da decisión voluntaria dos Axentes Ambientais do Distrito XVII do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, cos que teño a grande sorte de colaborar e convivir.

Agardo que esta labor se manteña no tempo, que tomen nota os dirixentes e políticos do que se pode facer con motivación e profesionalidade, polo ven do noso patrimonio natural e da sostibilidade dos territorios.

Julio Eiroa, Comité de Medioambiente.

Referencias bibliográficas:

  1. Julio Eiroa, José Manuel F. Prendes, Juan F. Piñeiro, Rafael Costas, Santiago Barciela & Gonzalo Mucientes. (2022). Tendencia poblacional de la liebre ibérica (Lepus granatensis) en el sur de la dorsal galega, España. Galemys, 34. SECEM. Tedes o artigo para a consulta aquí» (https://www.secem.es/wp-content/uploads/2022/10/A01-Eirora-et-al-WEB.pdf)
  2. DOGA 2020. RESOLUCIÓN de 19 de mayo de 2020 por la que se determinan las épocas hábiles de caza, las medidas de control por daños y los regímenes especiales por especies durante la temporada 2020/21.

A pradeira que non hai que regar

Un ceo azul, unha pradeira verde, un cabalo descansando nela, qué paisaxe! Soa moi terrestre verdade? Pois tamén existe baixo o mar.

Normalmente pensamos que no mar só hai algas. Secasí, existen prantas mariñas. É dicir, vexetais superiores cun sistema vascular completo provistas de raíces, talos, follas, flores e sementes (Figura 1a). Ben é certo que non son abundantes e que precisan dunhas condicións adecuadas para o seu asentamento, iso sí, cando o fan, forman unhas paisaxes de pradeiras fermosas nas que podemos atopar moita vida (Figura 1b).

Figura 1: Morfoloxía dunha anxiosperma mariña (fonte: Brun e colaboradores1). b) Pradeira de Zostera marina na Ría de Vigo (fonte: facilitada polo autor).

A cobertura de pradeiras mariñas nos fondos costeiros non é máis do 0.15% e está únicamente levado a cabo por especies pertencentes a catro familias, das que tres son exclusivamente mariñas, todas elas presentes na costa española (Zosteraceae, Cymodoceaceae e Posidoniaceae). Nembargantes, a pesar do baixo número de especies, estos ecosistemas están considerados como un dos máis productivos do planeta xa que proporciona importantes servicios ecosistémicos, xogando un papel clave como especies inxeñeiras de ecosistemas, é dicir, que influen de maneira notable nos procesos físico-químicos e biolóxicos transformando a área na que habitan.

As pradeiras de anxiospermas mariñas atópanse relativamente a pouca profundidade e serven de protección a franxa litoral. O seu manto frea correntes e reduce a erosión do solo á vez que tamén serven de refuxio a moitos organismos mariños, sobre todo en etapas larvarias e xuvenís, dando coma resultado altos índices de biodiversidade na súa contorna. Un servicio ecosistémico a maiores moi importante no actual contexto de cambio climático é que actúan coma un gran sumideiro de carbono. Ao igual que as prantas na terra, grazas á fontosíntese as anxiospermas mariñas enterran carbono nas súas raíces2 onde pode pasar almacenado longos periodos de tempo. Ademais, grazas ao mesmo proceso de fotosíntese, estas pradeiras tamén osixenan a auga o que se volve aínda máis importante cando nos atopamos en zonas costeiras altamente amenazadas.

É un dos ecosistemas costeiros máis ameazados.

Na actualidade, máis dun terzo da poboación vive nos 100 km próximos á costa3, pero a medida que esta porcentaxe aumenta tamén o fai a presión que estes ecosistemas soportan. Entre as presións podemos nomear diversos factores que propician un cambio do habitat como a introducción de contaminantes e descargas de augas residuais, a introducción de especies exóticas e a degradación do solo por acción mecánica, entre outros.

En Galicia, contamos coa presencia de tres das cinco especies presentes no litoral español4. As dúas mais presentes son Zostera marina e Zostera noltii. Fáltanos Cymodocea nodosa, máis distribuída na costa Andaluza e Posidonia oceánica que habita únicamente na costa do mar Mediterráneo. Pero fixádevos o desapercibidas que pasan que, ata fai ben pouquiño, a súa distribución aínda non estaba catalogada. Para quen estea interesado podedes botarlle unha ollada a este atlas de distribución creado por investigadores de toda España en 2015, o capítulo VIII está adicado únicamente a Galicia4.

O gran número de estuarios das Rías Baixas, xunto ca hidrodinámica dos fondos das rías fan un enclave perfecto para que atopemos moi bos exemplares de zosterais. Sen embargo, estes fondos adoitan localizarse nas llanuras mareais preto a núcleos urbanos densamente poblados e sometidos polo tanto a grandes presións de orixen antropoxénico.

Na nosa contorna, os principais axentes de estrés pódense resumir en  tres: i) a eutrofización debido ó aumento na concentración de nutrintes na franxa litoral por mor das descargas de auga, ii) a accións mecánicas sobre o fondo mariño e iii) as invasións biolóxicas.

Relativo o primeiro punto, a descarga de nutrintes sobre estas pradeiras é especialmente importante cando se trata de augas ricas en amonio, como son as augas residuais ou residuos de plantacións. Esto débese a que as anxiospermas (coma outros plantas e algas) incorporan o amonio directamente ao interior celular, sen ningún tipo de filtro ou tope, de modo que se acumula producindo unha toxicidade ben constatada xa polo equipo científico5.

No tocante ao segundo punto, accións mecánicas coma o dragado do fondo mariño, a modificación da línea de costa4 e, moi importante nas nosas rías, o marisqueo de certas especies de bivalvos que requiren do uso do raño6 (unha especie de rastrillo que se profundiza para coller o bivalvo levantando tamén todo o que no fondo exista, tanto dende embarcacións como a pé; mostrado na Figura 2) fan que a planta se rompa fragmentando estas pradeiras e provocando a perda dos servicios ecosistémicos mencionados enteriormente.

Figura 2. a) Raño arrastrado polo fondo mariño dende unha embarcación sobre unha pradeira de Zostera marina (Fonte: cedida por Carlota Barañano). b) Mariscadoras e mariscadores collendo bivalvos na zona intermareal sobre unha pradeira de Zostera noltii (fonte: Faro de Vigo7).

E derradeiramente, pero non menos importante, a preseza de especies exóticas con potencial invasor que limitan o crecemento das pradeiras pola súa mellor capacidade para compertir por luz, nutrientes ou espazo. Os casos máis documentados se refiren a especies de algas exóticas como Gracilaria vermiculophylla que ensombrece a pradeiras de Z. Noltii presentes na zoa intermareal4 ou como Sargassum muticum e Asparagopsis armata que cobren case por completo a pradeiras somerxidas de Z. marina4. Podedes comparar a imaxe dun ecosistema en bó estado (Figura 1b) coa imaxe de pradeiras invadidas por outras especies (Figura 3).

Figura 3. a) e b) Pradeira intermareal de Zostera noltii con Fucus spiralis y Gracilaria vermiculophylla, c) pradeira submareal de Zostera marina con Saccorhiza polyschides e d) con Sargassum muticum e Cystoseira baccata. Fotografías de Ignacio Bárbara tomadas do Atlas de praderas marinas de España4.

En conclusión, os motivos clave polos que debemos conservar estes ecosistemas resúmense na seguinte ilustración. A única forma de facelo é levando a cabo plans de xestión onde coexistan tanto a saúde do ecosistema como as actividades económicas que deles se extraen.

Pero… Existe algunha protección para este ecosistema?

A pesar de que hai varias iniciativas de xestión e conservación das anxiospermas mariñas no litoral galego, estamos moi lonxe de chegar o ímpetu co que se trata de protexer Posidonia oceanica no mar Mediterráneo por exemplo (basta con poñer en Google ‘coservación Posidonia’ para ver os resultados).

Un dos principais motivos de que non existan máis proxectos é o escaso coñecemento da súa distribución ao longo das últimas décadas. Así, resulta difícil coñecer cal é o estado actual ou determinar patróns de distribución espacial ao longo do tempo. Quero pensar, que a publicación do atlas en 2015 servirá de punto de inicio para novos proxectos de xestión.

Así e todo, distintas investigacións estanse a levar a cabo, a meirande parte encamiñadas a ver como afectan as actividades de extracción de recursos mariños comparando zonas afectadas polo marisqueo e zonas sen afectar8; así como a cartografiar máis detalladamente da súa distribución. E é que pouco se pode facer para conservar un habitat se nin siquera hai datos de onde está.

Un habitante moi curioso.

Como vos comentaba Patricia Quintas neste artigo de divulgación, as pradeiras de anxiospermas mariñas son o refuxio perfecto para estes peixes na ría de Vigo. Nelas, os cabalos de mar desenvolven o seu ciclo de vida completo, agóchanse entre as súas follas para pasar desapercibidos ante os seus predadores e vencen ás correntes agarradas a elas. Aquí tamén atopan parella, e curiosamente, o que queda “preñado” é o macho en vez da femia. A femia deposita os seus ovos no macho, quen os incuba ata que os expulsa mediante contraccións. Anímovos a que vexades este vídeo de National Geographic porque o fenómeno é, canto menos, curioso.

Figura 4. Foto de Hipocampus gutulatus camuflado na ría de Vigo. Fonte: cedido polo autor.

Anticípovos que o punto de mergullo para o noso bautismo, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, será un lugar onde é moi habitual observar cabalos de mar. Ide atentos! (se vos quedáchedes sen plaza nesta actividade avisádeme para ter en conta un terceiro grupo). Espero que este texto vos abra o apetito para somerxervos baixo as augas da Ría.

Vémonos no mar!

Cristina Fernández González, vogal de Medio Ambiente.

Referencias bibliográficas e artigos relacionados

1 Brun, F.G., Olivé, I., Malta, E., Vergara, J.J., Hernández, I. y Pérez-Lloréns, J.L. (2008). Increased vulnerability of Zostera noltii to stress caused by low light and elevated ammonium levels under phosphate deficiency. Mar Ecol Prog Ser 365: 67-75

2 Duarte, C.M., Middelburg, J.J. y Caraco, N. (2005). Major role of marine vegetation on the oceanic carbon cycle. Biogeosciences 2 1-8

3 UNEP (2006) Marine and coastal ecosystems and human wellbeing: A synthesis report based on the findings of the Millennium Ecosystem Assessment. UNEP. 76pp

4 Ruiz, J.M., Guillén, J.E., Ramos Segura, A. & Otero, M.M. (Eds.). 2015. Atlas de las praderas marinas de España. IEO/IEL/ UICN, Murcia-Alicante-Málaga, 681 pp

5 Brun, F.G., Hernández, I., Vergara, J.J., Peralta, G. y Pérez-Lloréns, J.L. (2002). Assessing the toxicity of ammonium pulses to the survival and growth of Zostera noltii. Mar Ecol Prog Ser 225: 177−187

6 Carlota Barañano, Emilio Fernández, Gonzalo Méndez & Jesús S. Troncoso (2017) Resilience of Zostera marina habitats and response of the macroinvertebrate community to physical disturbance caused by clam harvesting, Marine Biology Research, 13:9, 955-966, DOI: 10.1080/17451000.2017.1307989

7 Consultado o 31/10/2022. https://www.farodevigo.es/pontevedra/2017/11/19/zonas-marisqueo-ria-cumplen-ano-16158017.html

8 Carlota Barañano, Emilio Fernández, Gonzalo Méndez, Clam harvesting decreases the sedimentary carbon stock of a Zostera marina meadow (2018) Aquatic Botany: 146 https://doi.org/10.1016/j.aquabot.2017.12.002.

AXUDEMOS A MANTER VIVO O COUREL!

Todos escoitamos o desastre que provocou o lume este ano no Courel, pero vivilo é moito peor🥀
En Vieiros, onde vive o noso amigo Roi e a súa familia, están tratando de provocar unha transición ecolóxica de maneira sustentable encamiñada a recuperar os montes perdidos e manter o lume afastado das casas🔥 Tratan de manter as zonas rurais mediante a incorporación de animais de pastoreo🐑🐐 totalmente xestionados pola propia aldea á vez que queren amosar o fermoso dos seus paisaxes convidándonos a todos a participar🍁.

Dende Peña Trevinca vos animamos a poñer o voso grao de area. Cun pouquiño de cada un de nós podemos AXUDAR A MANTER O COUREL VIVO! 🌳 Podedes apadriar unha cabra, un burro ou axudar a cambio dunha visita, roteiro, degustación de pan en forno tradicional, etc. Tedes máis información no seguinte enlace; se alguén ten problemas facendo á donación que chame ao club e vos axudaremos!

https://www.verkami.com/projects/34005-vieiros-la-pequena-aldea-de-o-courel-que-quiere-revivir

Vogalía de Medio Ambiente

Bautismo de mergullo-A lista xa está aberta!

Como xa sabedes, temos preparado para o domingo 16 unha saída de mergullo na Ría de Vigo.

O bautismo de mergullo está concibido para calquera persoa apaixonada coa natureza pero que teña curiosidade en saber que se esconde baixo a superficie. Non é necesaria experiencia. Nunha mañá de domingo aprenderemos as técnicas básicas de mergullo autónomo, unhas pinceladas sobre como funciona o equipo e a manternos flotando sen gravidade desfrutando dos fermosos paraxes que nos depara a Ría de Vigo. Desprazarémonos nunha corta singradura ata o punto de mergullo onde tentaremos de atopar unha pequena pradeira de Zostera marina e, con sorte, atoparemos tamén as fermosas criaturas que vedes na imaxe de portada. Os cabaliños de mar pasan desapercibidos moi facilmente, pero teñen o seu mellor refuxio entre as pradeiras de fanerógamas.

Déixovos AQUÍ esta ligazón a un artigo que escribiu Patricia Quintas, colaboradora da vogalía de Medio Ambiente e experta investigadora de cabaliños de mar no IEO-Vigo, sobre estas especies e o seu hábitat. Unha vez realizada a saída de mergullo ampliaremos información e convenceremos a Patricia Quintas para que nos ilustre nunha charla divulgativa sobre estes hábitats tan importantes e pouco protexidos na Ría de Vigo.

Pradeira de fanerógamas mariñas na Ría de Vigo. Ano 2015. Fonte: Cristina Fernández González

O cupo é limitado, hai 10 prazas, polo que recoméndovos que vos apuntedes axiña chamando ao club. A lista péchase o 13 de outubro. Ánimo valientes, vémonos no mar!

Unha aperta,

Cristina Fernández González, vogal de Medio Ambiente

CON NOCTURNIDADE E ALEIVOSÍA-Entrevista a Julio Eiroa

Así se podería definir a actitude predatoria da que foi testemuña o noso asociado Julio Eiroa nas serras do Suído e do Montouto do sur da Dorsal Galega. Os feitos sucederon do modo que Julio nos relatou.

No pasado ano 2021, Julio foi reclamado por Daniel Sabucedo, alumno da Universidade de Vigo, para o seu proxecto fin de máster sobre biodiversidade e hábitats. Precisou de Julio por ser bo coñecedor das serras onde pretendía desenvolver o seu proxecto, pero tamén polas capacitacións en bioloxía, fotografía e montaña que fan de Julio un profesional multidisciplinar e quizais único para estas tarefas de investigación e medio natural.

Parte do traballo de campo consistía nun censo de anfibios en varias turbeiras e tremedais das serras do Suído e Montouto. Estes censos consisten en percorridos nocturnos sobre os humedais en repetidas xornadas, tomando nota do número e especies de anfibios que se atopan. Nunha noite de censo na serra do Montouto, Julio percatouse de que, nunha pequena poza do tremedal, unha larva do escaravello  buceador Dytiscus marginalis estaba ancorado ao rabo dun tritón ibérico adulto (Lissotriton boscai). Podedes observalo na Foto 1.

Foto 1. (a) Larva do Ditisco (6 cm) mordendo na base da cola do tritón iberico Lissotriton boscai (b) Ditisco adulto (3 cm) depredando o tritón ibérico. Fotos de Julio Eiroa.

De primeiras podería pasar desapercibido na nocturnidade, pero o instinto de fotógrafo de Julio espertou e decidiu gravar este encontro violento entre especies. Alí parecía rematar o achado, pero na noite seguinte, desta vez nunha turbeira alta activa da Serra do Suído, volveu presenciar o mesmo acto de depredación. Nesta ocasión o atacante non era larva, senón adulto de Ditisco que atrapaba coas súas mandíbulas a outro tritón ibérico adulto. Como non, Julio non deixou pasar a oportunidade inmortalizando os feitos.

Non é descoñecida a actividade predatoria do Ditisco sobre a fauna acuática que comparte hábitat. Estudos previos deron constancia deste comportamento en condicións controladas de laboratorios en acuarios, pero na literatura científica non se tiña recollido o rexistro audiovisual dos feitos. Era a primeira vez que a comunidade científica podía contemplar o acto predatorio do insecto sobre o anfibio1.

Así, Julio Eiroa e o biólogo Gonzalo Mucientes (https://twitter.com/gmucientes) decidiron enviar un artigo científico dos feitos a revista Entomological Science2, có resultado positivo da súa publicación o ano pasado.

Recentemente, a revista española de divulgación científica Quercus3, no seu último número do mes de setembro, fíxose eco do achado e a publicación científica. E por iso a razón desta entrada no blogue. Para que todos tamén teñades coñecemento.

Como di Julio, non se pode protexer sen coñecer. Esa é a función do investigador que Gonzalo e Julio levan dentro, vailles de serie e nunca se pon de vacacións. Persoas sentintes e concentradas en todo o que lles rodea para ver eses eventos que moitísimas veces pasan desapercibidos e descoñecidos. A importancia deste achado queda na sombra se esquecemos que as turbeiras e humedais son fundamentais e que estes traballos de censo de biodiversidade amosan a grande riqueza que estes ecosistemas de importancia comunitaria manteñen. Pola contra, moi ameazados por proxectos industriais de produción enerxética que veñen como polos sen cabeza, por pasteiros feitos sen criterio e unha política forestal nefasta ou ausente.

Julio lémbranos sempre que falamos con él que a protección dos acuíferos ten que ser prioritaria fronte o actual cambio climático, que é xa unha realidade, polo recurso hídrico e pola perda de biodiversidade que suporía a desaparición destes hábitats. Outro grande mal do século XXI, a perda de biodiversidade.

Neste artigo aparecen unhas fotografías e enlaces de Julio mantén na súa web e nas redes sociais. Podedes consultalas referencias e máis información sobre o achado nos seguntes enlaces:

  1. Vídeos dos feitos. Na web de Julio (natureandphoto.com/biologia) e na conta de You Tube (https://youtu.be/dul68y_X6rs)
  2. Short comunication enEntomological Science (necesaria subscrición) “Field observation of hunting behaviour by larva and adult of diving beetle Dytiscus marginalis Linnaeus, 1758 preying on Lissotriton boscai (Lataste, 1879). Julio Eiroa, Daniel Sabucedo e Gonzalo Mucientes. Se tes interese en ler o artigo completo podes solicitar copia a Julio Eiroa (jeiroa@natureandphoto.es) ou a Gonzalo Mucientes (gmucientes@iim.csic.es)
  3. Revista QUERCUS (necesaria subscrición) https://www.librerialinneo.com/quercus-439.

Vogalía de Medio Ambiente