UNHA TREVINCA COA SELECCIÓN ESPAÑOLA E RESULTADOS DAS COMPETICIÓNS NACIONAIS
Como todos sabedes, o club ten a tres novos deportistas competindo a nivel nacional nas distintas modalidades de escalada, Araceli Vale, Natalia Vale e Santiago Franco. Estes deportistas seguen acumulando éxitos na súa carreira deportiva.
En abril, Araceli foi nomeada mellor deportista promesa na Gala do Deporte do Concello de Vigo pola Federación Galega de Montañismo e en maio tivo a honra de participar xunto coa selección española de escalada na II Proba da Copa de Europa de velocidade que se celebrou do 12 ao 14 de maio en Fuente Dé (val do Liébana, Cantabria), na que a selección española conseguiu 4 medallas na modalidade de velocidade e 1 medalla en bloque, finais retransmitidas en directo por Teledeporte. O tempo non acompañou aos escaladores, pero aínda baixo a choiva nunha contorna inigualable Araceli conseguiu facer a súa mellor marca persoal ocupando finalmente o posto 14. Desta forma converteuse na primeira muller da Federación Galega de Montañismo que representa a España nunha proba internacional oficial da IFSC (International Federation of Sport Climbing).
Natalia e Santiago, pola súa banda, participaron na II proba da Copa de España de bloque que se celebrou no bosque de aceiro de Cuenca o 20 e 21 de maio. Natalia conseguiu pasar ás finais na categoría sub 18, terminando no 7º posto e Santiago, que compite xa na categoría absoluta ao eliminarse a sub-20, conseguiu un loitado posto 18, mellorando o posto 27 acadado na primeira proba. Ambos deportistas foron os galegos mellor clasificados nas súas respectivas categorías. E como isto non para, xa están a preparar a seguinte proba da Copa de España que se celebrará do 2 ao 4 de xuño en Madrid.
Desde o club desexamos que o seu exemplo chegue ao grupo de infantís e xuvenís que adestran semanalmente nas instalacións do club e do CUVI e pronto teñamos unha substitución para eles.
Moitas felicidades aos tres e moita sorte nas próximas competicións.
Deixamos a continuación os enlaces ás noticias e algunhas fotos e vídeos das distintas probas.
https://www.farodevigo.es/deportes/2023/04/20/vigo-honra-deportistas-86233602.html
https://www.farodevigo.es/deportes/2023/04/11/vigo-presume-futuro-85849175.html
https://fedme.es/oro-en-casa-carla-martinez-se-impone-en-el-muro-de-fuente-de/