Modificación cursos EGAM

Debido ás condicións da neve e a diversas cuestións loxísticas, tivemos que aprazar varios dos cursos do calendario. Remítovos as novas datas:
12-13 de febreiro de 2022
Curso de iniciación ao esquí de montaña (inscricións abertas). Nestas datas estaban previstas unha xornada de divulgación e unha práctica titorizada de esquí de montaña, que quedarán pendentes de realización se melloran as condicións próximamente.
26-27 de febreiro de 2022
Curso de iniciación á escalada en xeo (inscricións abertas)
Curso de nivoloxía e DVA (inscricións abertas)
2º curso de Montañismo invernal (inscrición pendente de apertura para esta mesma semana)
5-6 de marzo de 2022
Curso de árbitros/as de escalada (inscrición pendente de apertura para esta mesma semana)

AVISO: LISTA MONTAÑISMO INVERNAL

Dado que mañá día 16 é festivo local en Vigo manteremos pechada á oficina do club. Con tal motivo a apertura da lista do Curso de Montañismo Invernal será o mércores 17.

Tal como indicamos na circular, non temos a certeza de que dito curso se poida levar a cabo na data sinalada, 6 e 7 de Marzo, e parece pouco probable que así sexa, pero consideramos abrir a lista para que en canto sexa posible realizalo, poder comunicarnos xa directamente cos interesados. 


SÁIDA A SALAMANCA- BATUECAS (22 o 25 de febreiro)

¡Aínda queda algunha praza para a saída de Salamanca! A lista péchase este venres.
Teremos senderismo polo Parque Natural de las Batuecas, montaña pola Serra do Candelario e Esquí pola estación La Covatilla….



Aproveitando que este ano é festivo o martes de entroido en Vigo, imos facer unha escapada á provincia de Salamanca, onde teremos  3 opcións a elixir: sendeirismo no Parque Natural das Batuecas-Sierra de Francia de 44.800 hectáreas, montaña na serra de Candelario e esquí na estación La Covatilla. Estamos aloxados en La Alberca que no ano 1.940 converteuse no primeiro municipio español que conseguiu a distinción de Monumento Histórico- Artístico.

Maís info da saída:
Sábado: Madrugaremos e antes de chegar ata o noso destino faremos unha parada na vila portuguesa de Sabugal, onde destaca o seu castelo que data da época en que pertenceu ao reino de León, durante o mandato de Alfonso IX a finais do século XII. Ten a sorte de estar situada na ribeira do río Coa. Faremos un percorrido de pouco máis de 10 km. Saíndo de Sabugal, percorremos os meandros do río Coa nun roteiro circular para logo facer a última parte do día en bus, destino La Alberca.

Domingo: Trasladámonos todos en bus ata Miranda del Castañar. Aquí, os sendeiristas inician o seu roteiro, pasando logo por Sequeros, Las Casas del Conde e  San Martín del Castañar para rematar en La Alberca. Catro lugares que son Monumento Histórico-Artístico, unidos por tres sendeiros: «Camino de los Prodigios», «Bosque de los Espejos» e «Ruta de los Molinos». O resto do grupo seguirá percorrido en bus ata La Covatilla, onde os esquiadores teñen a estación de esquí, e o grupo de montaña equipado con material invernal, incluídos crampóns e piolet, inicia o seu percorrido que os levará ao teito de Salamanca: » Canchal de la Ceja» de 2.428 metros.

Luns: Dende o mosteiro das Batuecas, de finais do século XVI e ocupado pola orde dos Carmelitas Descalzosfaremos un percorrido de 20 km que nos fai pasar na metade do percorrido por La Alberca e que remata no Santuario de Peña de Francia a 1.728 metros. O bus, despois de deixarnos no inicio do roteiro, trasladarase a La Covatilla para levar aos de esquí.

Martes: Dende a aldea de Sequeros partimos camiño a Villanueva del Conde e dende  aquí a Garcibuey, onde iniciaremos a subida ata chegar a La Buitrera. Aquí poderemos observar os voitres no seu estado natural. O noso percorrido continúa realizando un roteiro circular de apenas 15 km.
¡Non perdades a oportunidade de coñecer este recuncho de Salamanca!

II ENCONTRO DE ALPINISMO DA FGM

Macizo Mampodre
29 de febreiro e 1 de marzo 2020

O prezo de incrición no IIº encontr de alpinismo é de 8€, incluíndo a cea son 23€ que deberán ser ingresados na conta da FGM: Abanca 2080 5104 8630 4001 6923

Cando teñas o pagamento feito podes cubrir o FORMULARIO, preme aquí
¡¡¡Esperámosvos no II Encontro de Alpinismo, esta vez en Maraña!!!!


CURSO DE MONTAÑISMO INVERNAL

15 e 16 de febreiro
Un ano máis, dado que sodes moitos os que solicitades este curso, e tamén pola necesidade de ter a formación precisa para moitas das actividades que desenvolve o club, temos solicitado xa este curso á FGM- EGAM, específico para socios federados do noso club. 

O número de prazas é limitado, en principio, a 8 participantes.  
Máis información sobre prezos ou subvencións chamando ao club. 

A inscrición, neste caso, unicamente terá validez se se fai a través do club, ben chamando por teléfono ou de forma presencial.

A lista ábrese hoxe ata o 4 de febreiro.


INFO: SAÍDA SOMIEDO 6 ao 8 de decembro

Hoxe ábrese a lista para anotarse a actividade de montaña e sendeirismo en Somiedo que terá lugar na ponte do día 6 ao 8 de decembro. Hoxe ábrese a lista ata o venres día 29.



INFORMACIÓN DA SAÍDA:

VENRES: iniciamos o noso percorrido en Llamardal. A senda trancorre en suave ascenso a media ladeira de Peña de Gúa para dirixirnos ás brañas de Mumián. Saíndo de alí, e antes de introducirnos no faial da Enraimada, temos a posibilidade de facer o cume Peña el Molinón(1.487m). Esta zona está catalogada como de uso restrinxido, polo que non se poderá abandonar a pista, debendo camiñarse en silencio para non perturbar a vida no bosque. En descenso e en zig-zag dirixímonos á aldea de Coto de Buenamadre para continuar descendendo paralelos ao río Sousas e rematar en Pola de Somiedo.

SÁBADO: atravesando a aldea de Arbeyales, o camiño prosegue por un empinado carreiro pola Foz da Güérgola, pasando polas brañas de Murias e La Corra e chegar ao Camin Real de la Mesa, un roteiro marcado como GR que nos levará ata ao Colláu a Madalena e o cume Cuetu Rubiu(1.663 m). Despois, iremos en lixeiro descenso ata Morteras de Saliencia, onde se poderá acurtar o percorrido seguindo o descenso ata Saliencia. Os máis atrevidos seguirán o roteiro pasando pola braña Rebochal e braña de Ordiales, para acabar chegando ao punto de inicio do mesmo.

DOMINGO: desde Puerto de Somiedo collemos dirección ás Veigas de Penouta para continuar ata o colado que nos vai levar ata Pena Penouta (1.976 m). Volvemos ao colado para seguir baixando por unha canal e terminar en Puerto de Somiedo, realizando un percorrido circular.

¡Non perdades a oportunidade de coñecer este recuncho de Asturias!

RESUMO: VAL DE AOSTA

Son moitas as cousas que debemos celebrar polo campamento no val de Aosta este pasado mes de agosto: o lugar escollido, Arpy, pretiño de Courmayeur e ao pé do macizo do Mont Blanc; a climatoloxía que apenas incidiu nunha xornada con choiva, o que non impediu que se cumprise co calendario que levabamos, con tan só unha modificación; tamén celebramos que algún socios fixeron o seu primeiro tresmil ou catromil e, como non, celebramos os 21 que tiveron a sorte de ascender ao Gran Paradiso de 4.061m, cun tempo extraordinario. 



Felicidades a todos e moitas grazas por facernos fáciles as cousas á organización, nunha actividade con moitas variables na cal participamos 60 socios, cunha fraternidade moi boa durante os dez días que durou. 

¡¡MOITAS GRAZAS E NORABOA!!