PARTICIPANTES
Poderán tomar parte todos os fotógrafos, afeccionados ou profesionais, SOCIOS OU NON SOCIOS do club, que así o desexen. Quedan excluídas de participar as persoas encargadas da organización desta actividade.
Os dereitos de participación, tanto para socios como para os non socios, adquírense unha vez inscritos na saída do Courel que se realizará entre o 30 de outubro e 1 de novembro de 2021, especificando no momento da reserva de praza a opción de «Concurso fotográfico». Lembramos para os non socios que no momento da inscrición deben dispor dun seguro deportivo (no caso de non estar federados) necesario para os 3 días de actividade.
O número mínimo de participantes para que se celebre o concurso será de 5.
PERÍODO E MODO DE INSCRICIÓN
O período de inscrición, tanto para a actividade en sí como para o concurso fotográfico, ábrese o xoves 14 ás 19:30 horas e péchase o mércores 27 de outubro ás 21:00 horas.
Hai dúas opcións para inscribirse: pasando polo local social do club ou ben chamando por teléfono, no horario habitual, de martes a venres de 19:30 a 21:30 horas.
TEMÁTICAS
Haberá dúas categorías: paisaxe e fotografía macro. Ambas levarán un extra de puntuación para quen poida describir brevemente a especie ou ecosistema fotografado, prestando especial atención a se se trata de especies autóctonas ou alóctonas. Non é obrigatorio participar nas dúas temáticas.
FOTOGRAFÍAS
Cada autor poderá presentar ata un máximo de dúas fotografías por tema, é dicir, como máximo cada fotógrafo achegará catro fotografías.
As obras presentaranse a concurso únicamente como arquivos dixitais, admitirase o formato JPEG, sen engadidos de marcos, bordos ou pés de foto e cunha resolución suficiente para amplialas a 40x30cm (peso máximo 2mb). Aconsellámosvos traballar coa máxima resolución das vosas cámaras fotográficas, facer unha comprobación previa dos parámetros da cámara e asegurarse de que a tarxeta estea limpa e teña capacidade suficiente.
Adicionalmente, para os que queirades a puntuación extra, engadirase un texto en Word ou PDF co título da obra e a descrición da mesma.
PRESENTACIÓN
Os concursantes terán que enviar as fotografías a dirección de correo electrónico info@trevinca.es. Deberán estar perfectamente identificadas con respecto á autoría e categoría á que se presenta cada unha, seguindo o seguinte esquena: “NomeAutor/a_Macro”; por exemplo “CristinaFernándezGonzález_Paisaxe”. Deberase identificar deste mesmo modo o word ou PDF coa descripción da obra, no caso de engadilo.
Dende ese enderezo se enviará un e-mail de confirmación cando se reciban. Unha vez enviadas o concursante non poderá facer cambios.
DATA DE ADMISIÓN
O prazo de presentación estará aberto dende que remate a actividade do Courel o luns 1 de novembro ás 21:00h ata o venres 5 de novembro ás 21:00h. Tódalas obras enviadas fora de prazo non poderán participar no concurso.
LUGAR E DATA DE EXPOSICIÓN PÚBLICA
Tras unha previa selección, as obras recibidas serán expostas no local social do club en formato 40x30cm a partir do martes 19 de novembro ás 19:30h.
XURADO
O xurado será designado pola Xunta Directiva do Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia. Estará formado por tres persoas independentes que se distinguen polo seu elevado grao de experiencia, coñecementos e gustos en temas fotográficos. O seu fallo é inapelable e, se houber lugar, decidirá sobre calquera incidencia que puidese presentarse.
Avaliarán as fotografías presentadas a concurso de forma individual e anónima, baseándose nunha rúbrica que será publicada na web unha vez finalizado o prazo de presentación de fotografías (venres, 5 de novembro ás 21:00h).
FALLO
O fallo do xurado farase público o martes 19 de novembro ás 20:00h no local social do club, anunciándose na web e nas redes sociais do Club Pena Trevinca Montañeiros de Galicia nas seguintes horas.
PREMIOS
Se entregará un premio monetario para gañador/a en cada unha das temáticas. Constará dun vale de 50€ para gastar en material deportivo. Ademáis, os segundos postos terán un agasallo conmemorativo da historia do Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia.
O mesmo autor/a non poderá obter os dous postos, só o primeiro ou segundo, de modo que os premios non son acumulativos, sempre prevalecerá o de maior valor. Os premios serán entregados no acto social de entrega de trofeos anual que se celebrará no auditorio dos PP. Capuchinos o día 17 de decembro ás 20:30h.
OUTRAS CONSIDERACIÓNS
No procesado das fotografías admitiranse os axustes propios do revelado dixital (balance de brancos, exposición, niveis, contraste, saturación, enfoque…) así como a limpeza de partículas e recortes moderados. Tamén se darán por correctos aqueles cambios que se poidan realizar polas opcións inherentes á máquina utilizada. Non se admitirán alteracións nin manipulacións da imaxe, ou parte/s da imaxe, que impliquen que a fotografía pase a reflectir unha realidade distinta á fotografada.
Os/as autores/as das fotografías que acaden a fase final das deliberacións do xurado poderánselles solicitar, se resultase necesario e por calquera medio, as aclaracións sobre a imaxe que se consideren pertinentes. A dirección técnica do certame poderá rexeitar as fotografías que non se axusten ás presentes bases, temas e categorías. Así mesmo, e en todo caso, poderánselles solicitar os arquivos primarios da cámara e a non presentación dos mesmos poderá supoñer a descualificación da fotografía.
A organización resérvase o dereito para realizar as copias que precise para a súa reprodución ou utilizar os orixinais en publicacións relacionadas con este concurso, indicándose sempre o nome do autor/a. Enténdese a cesión dos dereitos de reprodución das fotografías participantes sempre que se mencione a autoría e teña como fin a divulgación e promoción cultural e, en calquera caso, sen ningún tipo de beneficio económico.
Os participantes deberán ser os únicos titulares dos dereitos de autor das fotografías e responsabilizaranse totalmente de que non existan dereitos de terceiros nas obras presentadas, así como de toda reclamación por dereitos de imaxe.
Os arquivos dixitais non serán devoltos.
Os datos persoais facilitados polos concursantes serán tratados de conformidade ao establecido na Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, podendo os mesmos exercitar os seus dereitos de acceso, rectificación e cancelación.
O feito de participar neste concurso fotográfico implica a aceptación íntegra das presentes bases.