Día Internacional dos Océanos 2023: Caiac/sendeiro + charla na Illa de Arousa

Chega o Día Internacional dos Océanos e, como non podía ser doutro modo, o propósito é empaparse de sabedoría con sabor a mar!

O sábado 10 sairemos, sen moito madrugar, dende Praza España en dirección Illa de Arousa onde a intención é que todos nos subamos a un caiac. Pero non vos preocupedes, cabe a posibilidade de formar un grupo B para facer un sendeiro bordeando un anaco do Parque Natural Complexo Intermareal Umia – O Grove -A Lanzada – Punta do Carreirón e Lagoa de Bodeira.

No sur da Illa de Arousa, o Parque Natural de Carreirón ten 1.3 km2 de extensión e é zona de especial protección para as aves. De feito, para os que vaides camiñando podedes parar nunha das dúas casetas de avistamento de aves que se atopan preto da laguna de Carreirón. Non hai que menospreciar tampouco as fermosas formas das rochas que, froito do mar e do vento, se foron gañando nomes tan curiosos coma Con dos Tres Pés, Con do Fuciño do Porco e Con do Cocodrilo, entre outras.

Polo mar, iremos da man de Alecrín Actividades e navegaremos uns 7-8 Km (equiparable o que fixemos no mesmo día en 2021 ou na ruta de Fragas do Eume no 2019, para que vos fagades unha idea). A ruta descorrerá entre as cristalinas augas da ría onde, se vamos ven de tempo, achegarémonos a visitar bateas. Na metade da ruta, chegando a Punta Carreirón, teremos tempo para almorzar e xuntarémosnos os dous grupos para escoitar unha charla sobre os segredos naturais que agocha o ecosistema intermareal desa zona do parque.

Imos ir abrindo boca para que os que vos paredes a ler este artigo xa vaiades cun punto extra. Intermareal rochoso… A qué soa iso?

Pois chámase intermareal a zona de transición comprendida entre a baixamar e a pleamar. Polo tanto, o que nós observamos, vai directamente relacionada coas mareas e varía dependendo da posición dos nosos astros con respecto á Terra e da batimetría do fondo.

Por suposto, esta franxa do litoral pode ser de area ou de rocha. Nós quixemos achegarnos a unha zona rochosa porque os seus misterios son apaixonantes.

Imaxinádevos que estades na vosa casa e cada 12 horas (período da onda de marea) vos vedes expostos a condicións distintas, de repente o salón inúndase, as temperaturas baixan moitísimo, o frigorífico énchese ou vacíase de súpeto… A cantidade de adaptacións que teríamos que ter para estar cómodos nesta situación sería incrible. Pois así viven os organismos que habitan no intermareal rochoso.

Ademáis, non é o mesmo para o que habita no primeiro piso que para o que vive nun sexto de altura. O primeiro destes pasará máis tempo en secano e polo tanto ten que estar moi alerta e preparado para cando lle cambien as condicións de vida repentinamente.

Así, nun intermareal existe a denominada “zonación” que non é outra cousa que a distinta distribución de organismos entre a zona de marea baixa á zona de marea alta.

Nós fixarémonos en certos seres vivos claves que nos poidan axudar a interpretar as condicións as que están adaptados. Ollo, porque a meirande parte deles buscan refuxios moi pequeniños polo que haberá que estar atentos como estamos a miña compañeira e máis eu na foto anterior. Algúns atópanse en fendas e oquedades das rochas mentres que outros, os que non soportan quedarse en secano, os localizaremos nas denominadas pozas intermareais.

A pesar de ser un ambiente de vida extremo, non so é a casa de moitos organismos se non que tamén serve de zona de alimentación e descanso para gran variedade de aves e proporciona unha franxa de protección costeira fronte á erosión das grandes marexadas. Así que nos tamén sacamos algo de beneficio por aquí.

Pero, Por qué imos falar disto despois de comer?

Sei que pode soar pesado, despois de camiñar, remar e comer, poñernos a camiñar entre rochas baixo o sol. Pero así é a natureza. Non eliximos nós a hora, a elixe a marea.

A marea, ese cambio periódico do nivel do mar que observamos na costa, ven producida polas forzas de atracción gravitacionais do Sol e a Lúa sobre a Terra. Comprender isto non é tarea sinxela, responde a complexas ecuacións matemáticas e esixe unha visión espacial da que eu mesma vou escasa. Pero animo a calquera a realizar unha exhaustiva búsqueda en internet para entendelo en profundidade e explicalo o sábado!

Dito de maneira moi sinxela:

A Lúa xira arredor da Terra mentres que a Terra fai o mesmo arredor do Sol, ata ahí todo ben. Cada un destes círculos, elipsoides máis ben, teñen un eixos distintos porque están ovalados cara cada un dos astros, cara a Lúa ou cara o Sol, e ademáis non se completan a mesma velocidade, un dura un ano e o outro 28 días, aproximadamente.

Cando os eixos maiores de cada elipse se aliñan a amplitude das mareas é máxima, mareas vivas, en cambio cando se atopan en sentido perpendicular a amplitude é mínima e nos atopamos nas chamadas mareas mortas.

Estas variacións determinan en gran medida tódolos organismos que imos ollar no intermareal da Illa de Arousa. Para o día 10 de Xuño, a baixamar cadra ás 16:06 h (se poñedes tabla de mareas Illa de Arousa en internet atoparedes bos resultados moi rápido). Aínda que nós atoparemos en cuarto menguante e as mareas serán mortas, a única oportunidade que temos de ollar este ecosistema é despois de comer.

Como incentivo para que non vos pese a comida, adiántovos que tedes que estar atentos porque haberá concurso cun premio moi mariño para o que máis respostas acerte!! Algunhas das preguntas tamén irán relacionadas con temas que xa tocamos anteriormente aquí.

Non vos perdades esta xornada! As prazas nos caiacs son limitadas polo que abriremos a lista cun pouco mais de antelación do normal, do 30 de maio ao 6 de xuño. Eso sí, temos que facer polo menos 30 caiaquistas para levar a cabo a actividade! Coma sempe, máis información chamando ao club e estando atentos ao blog.

VÉMONOS NO MAR!

Cristina Fernández, vogal de Medioambiente.

Sierra de Guadarrama: Semana Santa 2023

Unha vez máis desde o clube de montaña Peña Trevinca aproveitou a ponte de Semana Santa para realizar a saída de catro días e o destino elexido nesta ocasión foi a Serra de Guadarrama, con base na localidade do mesmo nome e onde o astro rei estivo presente tódolas xornadas.

Resaltar a estadía no hostal de Guadarrama, agradecer a colaboración dos directivos e compañeiros do clube na guía e axuda e o deseño das rutas por parte de Alex, que fixeron que estas catro xornadas fosen de moi bo recordo.

Xoves 6 de abril:

Despois de máis de seis horas de viaxe, desembarcamos na poboación segoviana de San Rafael e todo o grupo de trevincos e trevincas realizamos unha ruta rompepernas de 16 kilómetros con case 1000 metros de desnivel acumulado, ascendendo o pico Cueva Valiente a 1903 metros de altitude e o Cabeza Líjar, a 1823 metros. Un largo descenso entre pinares de repoboación levounos ata o final da ruta xunto o embalse de Jarosa.

Venres 7 de abril:

Divididos en dous grupos, o B realizou desde Puente de la Cantina un percorrido por bosques na parte segoviana de Guadarrama e ascendeu o pico La Camorca, a 1814 metros. O grupo A, partíu do porto de Cotos para alcanzar primeiro a Peña Citores e a continuación o teito de Madrid, o Peñalara, a 2428 metros, pasando despois polo quebrado Risco dos Claveles e as lagoas de Pájaros e Grande, rematando en Cotos e Puente de la Cantina.

Sábado 8 de abril:

En dous grupos, coñecimos o fermoso val da Barranca nun día de moita calor. O grupo B, percorreu entre piñeiros vermellos o oeste do val e acadando a Peña Horcón, con 1879 metros. O grupo A realizou a ascensión á Maliciosa con 2227 metros e 900 metros de desnivel, pasando polo Dinosaurio de Maliciosa, o Tubo de Todos e o Paso Cagalera. Ambos grupos remataron xunto ao Ventorrillo.

 

Domingo 9 de abril:

Na derradeira xornada aproveitou todo o grupo a mañá para realizar unha curta ruta de 10 kilómetros desde o porto de Navacerrada para camiñar polos Sete Picos, destacando o ascenso ao Somontano de 2138 metros, e voltar ao punto de inicio pola Senda Schmid.

 

Máis fotos aquí

 

Ruta das minas de Brués 26 marzo

Unha nutrida e ben disposta sección infantil comezamos a xornada coa charla habitual onde explicamos o desenrolo da actividade. Unha mañá de domingo de primavera que comezou fresca e rematou calorosa.

     

Comezada a andaina metémonos axiña nos bosques de carballos, moi abundantes na zona e nun estado de conservación excepcional, que nos fixeron desfrutar dunha natureza exuberante, acompañados toda xornada polo rebulir dos paxaros propio da estación.

     

A senda constaba de dous ambientes ben diferenciados, o dos bosques caducifolios de carballos e o dos bosques galería ripícola. Para elo alternamos no roteiro parte do camiño real que conducía as mercadorías dende o ribeiro ata as terras de picheleiros e pontevedreses e as sirgas de pescadores que serpentean a carón do río Viñao. Río tributario do Arenteiro que nace nos montes Testeiros e que foi maltratado nos seus días ao desviar o seu leito para facelo desembocar no embalse de Albarellos.

    

Percorrendo as terras dos Ulloa descubrimos como se artellaba o territorio co camiño real e as pontes de portádego. Un roteiro que nos seus sube e baixa fixeron ledicia en cativos e maiores.

                      

Agardábanos no camiño unha sorpresa máis, as minas de arsénico e ouro de Brués; percorremos a fronte de explotación para descubrir as numerosas bocaminas que a compoñen.

         

Dende a cota máis alta do noso percorrido, dispuxémonos para o regreso ao punto de inicio completando este roteiro circular. A contorna deixounos a agradable sensación de querer descubrir máis desta zona.

 Volveremos.

Máis fotos aquí

CHARLA-PROXECCIÓN O TESOURO ESPELEOLÓXICO GALEGO

Venres 14 de abril as 20:30 horas
Xavier Groba membro do Club Maúxopresentaranos o libro «O Tesouro espeleolóxico galego». Un traballo de 30 anos de compilación editorial, con máis de 1200 referencias entre textos e imaxes de interese espeleolóxico, datadas con anterioridade a 1970.
Esperámosvos a todos para compartir e contemplar desta maravillosa ilustracióndo mundo subterráneo galego

Plantación Castiñeiros. Día Internacional das árbores

O pasado domingo 26 de Marzo con motivo do día internacional das árbores, a sección infantil do clube Pena Trevinca acercouse o monte de Piñoi no concello de Covelo para facer unha plantación duns 60 castiñeiros, a metade deles micorrizados…  é dicir,  que ademais de dar castañas están inoculados cun micelio de hongos micorrícicos produtores de setas comestibles boletus…etc.

         

Como podedes comprobar na reportaxe fotográfica o tempo acompañounos e desfrutamos dunha xornada distinta o que facemos habitualmente. Foi un pracer ver os nosos fillos como collían os plantóns e os metían nos buratos e logo cubrían todo con terra, lle puñan o protector, o titor…  unha gozada.

 

    

Dicirvos tamén que a actividade realizada foi feita da man da asociación Covelo natural e nunha parcela propiedade da comunidade de montes de Santa Mariña, os cales achegaron árbores, ferramentas asi como as explicacións  pertinentes para facer un bo traballo. Moitas gracias a Jose Manuel e Guillermo pola vosa axuda e o agarimo con que nos acóllechedes.

Prema aquí para ver todas as fotos

CASA DO PATRÓN

Ruta que comeza no museo etnográfico Casa do Patrón, no lugar de Codesedo, discurrindo o seu trazado a ambos márxenes do río Asneiro e o seu afluente Lebozán. O camino transcurre descubrindo constantemente o rico patrimonio desta zona principalmente agraria. Así encontramos camiños medievais, pontes, pontellas e muiños.

   

Destaca o muiño de Froiz pola súa factura e coidado do entorno. Os bosques de ribeira aportan frescura e disfrute xunto o río Asneiro. Destaca sobre o resto da foresta os enormes castiñeiros e carballos, sendo o carballo de Soutolongo un árbore catalogado por poseer a copa máis grande de Galicia.

 

Un ruta preparada polo noso vogal Jose Antonio, xenialmente guiada por Manolo Panxón e pechando o grupo para que non se despiste ningún socio o noso administrador de contas o tesoureiro Gustavo Bergantiño. Un domingo co bo tempo e rematando cunha visita o precioso museo etnogáfico.

       

Máis fotos aquí

Moi agradecidos con todos vós! IIMMCC

Dende a Vogalía de Medio Ambiente queremos agradecer profundamente a vosa participación no II Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático Cidade de Vigo (IIMMCC). Moitos axudáchedes a difundir o evento e vos animáchedes a asistir aos actos de cada día. A vosa colaboración non ten prezo e é grazas a vós que esta iniciativa continúa adiante cara a unha terceira edición en marzo do 2024.


O público agardando o comezo do acto o día 21 de Marzo. Fotografía de Raimundo Alonso.

Gustaríame comunicarvos, ademais, que non só a organización quedou contenta senón que as tres poñentes, ao igual que os do ano pasado, marcharon encantadas coa gran participación e comunicación que houbo os tres días. Sen dúbida, algo estamos a facer ben, e así pensamos continuar.

O pasado martes 21, Silvia Vidal impresionounos coa súa proxección “Escalada en solitario en Alaska”. Quedamos abraiados coa súa expedición, cos encontronazos con osos, con carretar ás costas 150 kg, porteando vultos de 25kg once veces seguidas para facer un só tramo con todo o material; cos seus 17 días colgada na parede, vivindo e sobrevivindo á natureza e a ela mesma. Sen dúbida, un esforzo psicolóxico moi á altura, senón por riba, do esforzo físico que todo isto lle supón a unha persoa que non pesa máis de 45 Kg. Pero, a min, o que máis me abraiou foi o optimismo que Silvia desprende e que se deixa ver en cada unha das súas frases. Podo poñer varios exemplos expostos durante a súa charla:
I) E o hidroavión voltará á hora acordada no lugar acordado dentro de 53 días? Virá!
II) Levo 13 horas de actividade física intensa durante os últimos días para non atoparme con osos pero…ben!
III) O tempo durante a expedición non foi malo, tiven sorte! (a realidade era que a metade dos días tiña tempo malo ou regular… simplemente, alí era mellor que noutros lugares como a Patagonia).

Silvia Vidal e Carlos Garrido no coloquio posterior á proxección.

Ademais de ser Silvia un exemplo de autosuperación, o é tamen en principios persoais. Un detalle que amosa o seu amor pola natureza quedou de manifesto cando, xa ao baixar derrengada da parede e ter que volver enfrentarse ao medo aos osos, deixou atrás un petate con restos dos utensilios e comida que consumira pero regresou e fixo ese tramo de novo para cargar con todo o que levara de volta á casa! Sen dúbida, unha muller excepcional. Moitas grazas Silvia por ser unha fonte de afouteza e por deixarnos un pouso de Humanidade que nos chama a ser mellores persoas…


De esquerda a dereita: O presidente do Club Peña Trevinca, Lois Faro; a vogal de Medio Ambiente, Cristina Fernández, Silvia Vidal e o coordinador de Medio Ambiente, Carlos Garrido.

O mércores 23, proxectamos o documental “O son do Courel”. O propio autor, Manuel María, explicounos que a súa intención foi sempre deixar rexistro deses sons da natureza, que se escoitan nunha área tan rural, como parte da nosa cultura ambiental e social. O documental está gravado con moitísimo agarimo polo que vos recomendo que aproveitedes para botarlle unha ollada en Youtube. Ademais, foi rematado de gravarse xusto o día que comezaron os incendios de xullo do 2022 polo que representa un punto de inflexión e comparación de como era esa contorna a como está na actualidade. Así o amosamos, seguidamente, cunha curtametraxe de Emilio Romanos-Fotografía sobre eses mesmos incendios.


Manuel María presentando o seu documental “O son do Courel”.

Posteriormente, Jenifer Souto, ilustrounos en materia de incendios e lumes forestais no contexto de cambio climático na Galiza. Tivemos a sorte de contar cunha experta que amosou de maneira moi aséptica datos, datos da realidade, do que está a ocorrer, sen titulares sensacionalistas.

Jenifer amosounos como, a pesar de haber menos incendios cada vez, os que hai son máis grandes e máis virulentos. Son os chamados incendios de sexta xeración (tal e como comentabamos neste artigo sobre os incendios do Courel) cuxa predicción é imposible. Destacou que, de non mudar o abandono do rural e os monocultivos de especies forestais, unido ás grandes secas e ao conxunto de eventos extremos cada vez máis recurrentes, o que nos queda é adaptarnos. Facer bos plans de xestión e facelos vinculantes!

A sensación final foi agridoce, pero polo menos en materia de educación e sensibilización fomos unha chea de xente os que saímos do auditorio con ganas de axudar, divulgar e difundir. Moitísimas grazas, Jenifer, por transmitir o teu coñecemento.


Jenifer Souto a piques de comezar a súa ponencia.

Xa na xornada do xoves 23, María Fernanda Pita achegouse dende Sevilla para falarnos da emerxencia climática na que estamos inmersos. Baixo a pregunta de ¿Lo estamos haciendo bien? amosounos un montón de datos cunha soltura divulgativa digna de envexa. Aprendimos sobre un novo concepto para moitos de nós, a xustiza climática. Realmente estamos actuando como se debe? Temos/debemos actuar todos os países por igual? Poblacionalmente, sabemos como reducir a nosa pegada de carbono? A verdade foi que o debate final deu pé a discernir respostas a varios niveis, dende o individual ao global sen perder o fío do importante: isto é unha emerxencia e temos que actuar como tal, rápido, coordinados e cun fin conxunto.

María Fernanda explicando por qué estamos ante unha emerxencia climática.

Non houbo mellor exemplo do ben que podemos funcionar todos colaborando, cando cremos na mesma premisa, que a recente crise sanitaria da COVID-19. Así nolo trasmitiu María Fernanda e con esas ganas e ímpetu colaborativo quedamos. Moitísimas grazas, Mª Fernanda, por ilustrarnos tan ben en materia de cambio climático.


María Fernanda Pita e Delfina Couce (responsable da Oficina de Medio Ambiente da UVigo) durante o coloquio posterior á ponencia do día 23.

Non podo facer máis que agradecer a todos os que estivéchedes presentes durante as tres xornadas, a vosa colaboración en e os ánimos que nos trasmitíchedes durante todo o ciclo.

Tamén queremos dar as grazas a todas as entidades colaboradoras. Á Universidade de Vigo pola colaboración a través da súa oficina de Medio Ambiente e o Servizo de Benestar, Saúde e Deportes, a Delfina Couce e a Xabier Rial, respectivamente, e tamén á Xefa de Prensa da UVigo, Mª del Carmen Echevarría.

Agradecementos tamén, como non, para o alcalde da cidade de Vigo, Abel Caballero, e para Nuria Rodríguez, concelleira de Medio Ambiente, posto que a súa colaboración foi indispensable para levar a cabo este acto, así coma a FEDME, a FGM e a todos os nosos patrocinadores.

E, por suposto, agradecer aos meus compañeiros do Comité de Medio Ambiente do Club Peña Trevinca  estar sempre dispostos e con ganas, axudando e difundindo. Somos un gran equipo!

Vémonos o ano que vén!!!

Cristina Fernández, Vogal de Medio Ambiente.

 

RUTA DO RIO XABRIÑA

Comenzamola ruta dende o parque infantil de Paraños. Seguindo o camiño, moi ben sinalizado, adentrámonos axiña no territorio boscoso e húmido entorno aos muíños do río Xabriña. Entre os asistentes acompáñanos un amigo ben coñecido do club, Julio Eiroa. Trevinco, biólogo, fotógrafo e técnico de montaña e como non, covelense. Ascendendo a carón do rio, chegamos ata o pozo do demo onde nos agardaba unha patrulla de axentes de medioambiente, que nos falaron dos perigos da fauna exótica que chegan como mascotas e acaban no monte.

 En mente, unha senda botánica interpretada, e pronto tivemos diante nosa unha selva. Os nenos e país disfrutamos coas explicacións de Júlio que soubo, coma ninguén, trasladarnos a un tempo pasado, onde o clima era ben distinto, caloroso e húmido, e verdecía unha vexetación característica de follas cerosas dun intenso verde escurecido, mucronadas, algunhas espiñentas, da laurisilva. Coma en toda selva, non faltaban as lianas(hedras) das que imaxinamos primates colgados a ulular no bosque. Sentimos na pel a humidade propia dun bosque de ribeira que crea un microclima propio e favorece as especies da laurisilva.

           

 

Tras comer á beira do río, continuamos a ruta. Cambiamos de escenario ao chegar a un souto. Exposición a solleiro , rubindo pola aba do monte, as condicións de temperatura e humidade cambiaron, ocasión que aproveitou Julio para falarnos da riqueza biolóxica tan diferente segundo o ambiente.

                    

Chegados á cota máis alta comenzámolo descenso pola outra banda do río. Inda nos pararíamos a escoitar atentamente os paxaros. O descenso non desmereceu ao ascenso. Entre loureiros, acibros, rascacús, pereiras bravas, amieiros e salgueiros, bidueiros e avelairas, fentos, musgos e hepáticas, anémonas e narcisos, herbas das escaldadelas e saxifragas, carex e calthas…

               

Desfrutamos, porque Julio nos trasmitiu, nos amosou, nos guiou hacia unha verdade simple e a o mesmo tempo complexa, e con ela puidemos ver unha beleza que un só non alcanza a comprender.

Coa sensación no corpo de quen fai unha viaxe que non quere  acabar, trasladados a outro lugar, a outro tempo, fómonos achegando ao final da nosa ruta.

Temos ganas de voltar; de seguro atoparemos unha excusa para reencontrarnos con Julio noutro lugar fermoso de Covelo.

Gracias Julio.

Máis fotos aquí

II Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático – Cidade de Vigo

Como xa sabedes, este ciclo naceu no ano 2022 como iniciativa do noso club co obxectivo de sensibilizar aos socios e socias e o público en xeral na defensa do medio ambiente.

O ano pasado tivemos a sorte de contar con Sebastián Álvaro (aventureiro e escritor), Ricardo Beiras e Emilio Fernández (catedráticos en Ecoloxía pola UVigo) falándonos do misterio do primeiro ascenso ao Everest, da problemática dos plásticos no océano e do actual contexto de cambio climático, respectivamente; o éxito marcouno o público cunha media de 150 participantes durante as tres xornadas. Este ano, o listón non está fácil de acadar aínda que no noso ánimo e no das tres poñentes está conseguilo.

Ademais, durante todo o período de organización puxemos moito empeño en que as poñentes deste IIMMCC fosen tres mulleres. Somos conscientes da falta de referentes femininos, tanto no mundo do deporte de alto rendemento como nos altos cargos en materia de investigación.

Podedes ollar un anticipo do que imos vivir os días 21, 22 e 23 no seguinte video

(123) Ciclo Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático 2023 (IIMMCC) – YouTube

A continuación, describimos como discorrerán as tres xornadas desta edición:

Na primeira xornada, adicada á Montaña, contamos cun gran referente da escalada e do alpinismo a nivel mundial, a deportista catalá Silvia Vidal. As expedicións de Silvia supoñen o encontro puro entre un ser humano e a natureza, sen aditivos tecnolóxicos. Un encontro solitario, libre e natural, íntimo, no que a maxia desta xenial escaladora aflora, demostrando fortaleza física e mental para convivir coa montaña e o seu espazo nos días previos á intrépida aventura. O Himalaya (India), Karakorum (Pakistán), a Isla de Baffin (Canadá), a Cordillera Blanca (Andes, o Perú), a Patagonia (Arxentina e Chile), o Main de Fatma (Mali, África), Turquía ou Tailandia forman parte deses lugares únicos onde Silvia recrea a súa destreza singular que a fai única.

Entre os seus galardóns destacan a Medalla de ouro da Real Orden del Mérito Deportivo en 2022, o Piolet D’Or en 2021, ademais de que o pasado 23 de febreiro Silvia foi nomeada Miembro de Honor de la Sociedad Geográfica Española. Un novo e merecido recoñecemento ás virtudes que reúne esta muller. Coa presentación de “Alaska en solitario” deleitarémonos cos seus grandes valores, tanto humanos coma deportivos.

Para a xornada seguinte, adicada ao Medio Ambiente, abordaremos a problemática dos  incendios,  facendo especial fincapé no que a nosa terra viviu o último ano. Teremos connosco  a Jenifer Souto, enxeñeira forestal pola Universidade de Vigo, membro de ADEGA e experta no estudo dos incendios forestais.

Tras a presentación do corto documental “O Son do Courel”, J. Souto, falaranos do pasado, presente e futuro dos incendios forestais en Galicia. As grandes secas cada vez máis cotiás, as intensas treboadas e a mala organización fan un cóctel máis que adecuado para que as vagas de lume se fagan eco na nosa contorna. A temática require ser abordada con carácter urxente por mor deste contexto de inestabilidade climática no que estamos inmersos.

Na derradeira xornada, falaremos de Cambio Climático con Mª Fernanda Pita, profesora titular xubilada de Xeografía pola Universidade de Sevilla. A investigadora, durante a súa charla “Emergencia climática: Lo estamos haciendo bien?”, porá en entredito a estratexia que estamos a seguir, dende quen toma as decisións ata quen debe ser verdadeiramente o axente de cambio. Un tema que desgraciadamente non pasa de moda.

Agardamos que esta edición sexa de agrado e teña tanto éxito coma a pasada. Contamos co apoio da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Vigo, coa UVigo, a través da Oficina de Medio Ambiente e da Área de Benestar, Saúde e Deporte e tamén coa FEDME e a FGM, xunto con outras entidades que seguen a colaborar con nós neste proxecto de difusión medioambiental. Tamén queremos agradecer a Manuel López, Bertrand Delapierre e Emilio Romanos Fotografía pola cesión dos seus vídeos e imaxes.

VÉMONOS NO AUDITORIO MUNICIPAL DO CONCELLO DE VIGO O 21, 22 E 23 ÁS 20:00H. ENTRADA GRATUITA ATA COMPLETAR AFORO.

Cristina Fernández González, vogal de Medio Ambiente