Actividades dos Infantís, Fotos

Auga, Muiños e Reserva da Biosfera

Cun tempo mais propio do verán que do mes de Abril, a sección infantil dispúxose a desfrutar da Semana Santa na veciña Asturias pero para que a viaxe non se facera moi longa para as crianzas,  comezamos o xoves 14 por coñecer a famosa Lagoa de Cospeito… sendo un dos ecosistemas hídricos máis importantes do noroeste da península, na que tempo atrás existían 2 lagoas que ocupaban unha extensión de 73,75 hectáreas, pero a meirande parte deste territorio foi desecado na década dos 60 para darlle un uso soamente agrícola.

Sempre que é posible intentamos que has visitas destes lugares sexan guiadas, tal e como así foi. Dunha maneira moi amena puidemos dar conta de avefrías, asubiadores, lavancos, cercetas, patos e anfibios tales como ras, tritóns ou pintegas e tamen vexetación de ribeira coma carballos e bidueiros.

Una vez chegados o campamento base situado no concello de Santa Eulalia de Oscos, comprendimos que o lema “Asturias Paraíso Natural” é por algo. En verdade non pode ser doutro xeito. Estabamos nunha reservas da biosfera: Trátase do río Eo, Oscos e Terras de Burón. Declarada como tal pola UNESCO no 2007 converteuse na primeira comunidade cualificada con esta consideración fora da rede de espazos naturais protexidos. Estes territorios están destinados a promover o o desenvolvemento sostible baseado no traballo das comunidades locais e o coñecemento científico.

Así, o venres 15 puidemos visitar  a casa natal de Antonio Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, e coñecer a súa apaixónante historia  e camiñar polas carballeiras que nos acompañan ata a espectacular fervenza da Seimieira con 30 mts. de altura ¡¡¡¡.

O Sábado 16 foi un dia longo pero moi ben aproveitado así que fomos visitar o famoso conxunto etnográfico dos Teixois; o seu muiño, un batan, e unha fragua todos eles en perfecto funcionamento. Todos istes aparellos fixeron a delicia de peques e de maiores tamén.

Unha vez rematada esta visita, percorrimos o sendeiro da Auga e dado o calor que facía, en verdade que o agradecemos. O dia rematou visitando os muíños de Mazonovo, no que os cativos fixeron de muiñeiros practicando con todos eles e dado o seu ben facer, obtiveron un diploma de muiñeiro.

O domingo 17, sen moita presa, recollimos todo e marchamos para o concello de Outeiro de Rei. Alí co pai Miño como testemuña, percorrimos unha parte das chamadas Insuas do Miño que son pequenas illas orixinadas polos sedimentos que o río Miño non é capaz de arrastrar debido a que o terreo é moi cha. Isto orixina que eses sedimentos queden depositados nas ribeiras formando aluvións. Ano tras ano, os sedimentos van medrando e chegan a formar verdadeiras barreiras naturais para o río que ten que buscar camiño formando distintos brazos. O terreo que emerxe entre eses brazos é o que forma as Insuas que son un espazo natural protexido de alto valor medioambiental e forman parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

 

Todas as fotos aquí

Regresar a la lista