Este ciclo comezou a tomar forma en outubro do 2021.
Cando se planea algo con tanto empeño, tanta dedicación de tempo e, sobre todo, con tanto agarimo e ilusión, as probabilidades de decepción aumentan porque a esixencia tamén o fai.
A incertidume sobre a acollida deste I MMCC foi ampla durante o traxecto porén, hoxe podo dicir que é un enorme pracer para min escribir estas liñas. Grazas a todos os colaboradores tivemos tres xornadas moi boas.
O primeiro día gozamos da presenza de Sebastián Álvaro, aventureiro e escritor, pero tamén un magnífico orador que nos levou ata o cumio do Everest, vestindo as sensacións e calzando as preocupacións que tiñan Irvine e Mallory no ano 1924. Grazas a el coñecemos un pouquiño máis desta historia e aprezamos o gran esforzo dos exploradores do século XX, tanto ampliando o mapa nos polos como mellorando os levantamentos topográficos dos grandes cumios do planeta.
Sen dúbida, unha xornada marabillosa da que ademais nos levamos un libro asinado por Sebas.
O segundo día, mércores 23 de marzo, estivo connosco Ricardo Beiras. El tróuxonos tres obxectos de plástico e fíxonos unha aparentemente sinxela pregunta: “Que é peor para o medio ambiente, unha botella de plástico, unha bolsa compostable ou un xoguete para cativos en forma de guitarra?”
A resposta acadámola tras a proxección do documental “Océanos: el misterio del plástico desaparecido” da produtora francesa Java Films.
Ricardo explicounos que o peor dos plásticos non son soamente os anacos grandes e pequenos que atopamos na auga, senón os compostos químicos empregados na súa fabricación porque lle confiren certas calidades que o plástico de por si non tería. Son certos aditivos que se empregan como retardantes de chama, que transforman o plástico en algo flexible (coma o caso da guitarra de xoguete) ou que dan cor, entre outros.
A xornada rematou coa conclusión de que a meirande parte das veces os pasos a seguir son: primeiro, producir o obxecto de plástico e despois, preguntar se é nocivo para o medio ambiente ou para os organismos que entran en contacto cos seus compoñentes. A intención neste campo de investigación é seguir avanzando cara a un mellor entendemento dos efectos destes aditivos e un maior compromiso político que regule tanto a produción coma a transformación e xestión de residuos.
O derradeiro día, o xoves 24, Emilio Fernández ilustrounos en materia de cambio climático. Comezamos falando dos nosos avós, de como eles empregaban enerxía solar (alimento e sacho) para modificar o terreo e de como iso foi evolucionando ata que as máquinas alimentadas por combustibles fósiles, fixeron posible unha transformación do terreo moitísimo maior.
Co documental “Tras las huellas del pasado”, producido pola Universidade de Zaragoza, fixemos un percorrido das condicións atmosféricas dende hai centos de miles de anos ata o presente. Agora si que coñecemos a evidencia científica que sustenta que, efectivamente, estamos ante un cambio climático! Tras o documental, Emilio amosounos os distintos escenarios aos que nos podemos enfrontar no futuro, dependendo das acción e políticas medioambientais que academos no presente.
A sensación trala conferencia foi agridoce, todo hai que dicilo, pero a partir de agora eu estou segura de que todos nós estrañarémonos un pouco máis cada vez que vexamos luces prendidas sendo de día, estufas ao aire libre ou froita producida, empaquetada e consumida en lugares distintos (do cal xa falamos neste artigo)…
Se algo podemos sacar en claro e en común destas tres xornadas é que consumimos por riba das nosas posibilidades de xestión. Eu, persoalmente, abogo porque cada un de nós tente consumir menos e de carácter máis local. Se as medidas non chegan dende arriba cara a abaixo, polo menos expoñamos cales son as nosas preferencias e o noso nivel de concienciación ambiental.
Dende Peña Trevinca e a Vogalía de Medio Ambiente, agradecemos á Universidade de Vigo, especialmente a Alexandre Sanjorge e a Delfina Couce, a súa colaboración así coma a Alfonso Mandado a súa presenza neste ciclo.
Tamén a tódalas empresas e entidades colaboradoras, ao Concello de Vigo e a Nuria Rodríguez (Concelleira de Medio Ambiente) por facilitarnos o auditorio E A TODOS VÓS por enchelo.
Finalmente, dende todo o equipo, tamén queremos agradecer a Sebastián Álvaro, a Ricardo Beiras e a Emilio Fernández que fixeran destes tres días o comezo dun fermoso ciclo que esperemos que a cidade de Vigo siga acollendo moitos anos máis.
Será complicado manter o listón tan alto, con esta calidade de comunicadores, aventureiros e investigadores para o vindeiro ano pero faremos todo o que estea nas nosas mans para seguir difundindo coñecemento do medio natural a todos os cidadáns da contorna de Vigo.
Unha aperta,
Cristina Fernández, Vogal de Medio Ambiente.