Sección de Medioambiente

Agradecementos charla «Pradeiras submariñas e cabaliños de mar»

O pasado mércores, Patricia Quintas Pérez, doutora en Ciencias Mariñas e socia do club dende hai 30 anos, ilustrounos en materia de Cabaliños de Mar e Pradeiras Submariñas.

Así se inauguraba a primeira charla de divulgación científica do 2023.

Patricia comezou explicando que son as pradeiras de fanerógamas, esas prantas que non algas como xa comentamos aquí, tan descoñecidas entre todos nós. Comentounos un dato moi interesante e é que, a pesar de ocupar un pequeno porcentaxe do fondo oceánico (0.1%) deste planeta, albergan o 18% do carbono oceánico (UNEP, 2020) polo que realmente constitúen unha ferramenta moi valiosa na loita contra o cambio climático.

Tamén nos contou cales son as principais ameazas e presións ás que se enfrontan estas pradeiras, tanto naturais como de orixen antropoxénico, así como as recomendación do que se debería facer se non queremos deixar de ollar estes preciosos ecosistemas.

Foto 1. Patricia Quintas durante a súa charla o Mércores 25 de Xaneiro.

Despois pasamos a falar do fermoso cabaliño de mar. Contounos que, durante a súa etapa postdoutoral, traballou no IIM-CSIC tratando de criar cabaliños de mar en cautividade cun dobre propósito: coñecer a ecoloxía e dinámica desta especie no seu medio natural e chegar a criar esta especie con fins conservacionistas para frear o declive poboacional en hábitats e zonas afectadas.

Reseñou que a especie que máis coñecemos na Ría de Vigo é a que se ve na seguinte imaxe, o Hippocampus guttulatus, e quen o consegue ver ten un ollo moi fino porque son verdadeiros maestros da camuflaxe.

Foto 2. Hippocampus guttulatus na Ría de Vigo. Fonte: Proxecto Hippocampus (IIM-CSIC)

Como dato curioso comentounos que son os machos os que incuban os ovos que a femia lle transfire unha vez maduros, e que é moi difícil ollar un parto xa que apenas dura minutos e adoitan facelo de noite. Non obstante, o debate posterior a charla demostrou que aínda quedan moitas incógnitas por resolver no que a esta especie se refire: Son máis activos durante a noite que polo día? Coñecemos a tódolos seus depredadores? Realmente son fieis a unha soa parella durante a súa vida?

A verdade que foi unha charla moi entretida onde non podo máis que agradecer a tódolos participantes a vosa asistencia, a todos os que participáchedes tan activamente no debate e ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia por cedernos o seu auditorio.

Espero que nos vexamos de novo nun futuro próximo.

Cristina Fernández, vogal de Medio Ambiente.