PARQUE NATURAL ADAMELLO BRENTA
Do 30 de Xullo ao 10 de Agosto
O Parque Natural Adamello Brenta é a área protexida máis grande da rexión. Ocupa unha superficie de 621 km2 xunto á cadea montañosa dos Dolomitas. Neste parque hai decenas de lagos, glaciares, ríos e cataratas. Hai bosques e prados nos que se pode atopar gran diversidade faunística: gamuzas, cervos, raposos, marmotas e aguias que merodean por todas partes. O Parque Natural Adamello Brenta está situado na parte occidental do Trentino italiano, na provincia de Trento. As paisaxes de montaña desta zona son espectaculares. De feito, a UNESCO incluíu a Brenta na lista do Patrimonio Mundial Natural da Humanidade, no ano 2009, considerándoa unha das montañas máis fermosas do mundo. As súas cimas e as súas impoñentes paredes verticais fan as delicias dos alpinistas. Estamos situados nos Alpes Réticos Meridionais o que implica ter sempre percorridos esixentes e con desniveis que non baixan dos 800 metros.
Debemos ir preparados fisicamente e equipados co material axeitado para as actividades que vaiamos facer en cada percorrido. A nosa base de operacións neste campamento de verán está situada a 1.850 metros, en Passo del Tonale.
Nos oito días de montaña temos, como case sempre, dous percorridos para decidir cada día. Cumes con máis de 3.000 metros como Monte Vioz (3.645m), Cima Payer (3.056m), Cima Di Salimmo (3.115m) ou Cima Presena (3.069m). Percorridos con vías ferratas: a vía ferrata Sentiero dei Fiori e vía ferrata Sosat. Lagos tan espectaculares como os de Nambino, Serodoli, Gelato e Lambin. E unha variedade de cumes entre os que podemos citar monte Redival (2.973m), Tonale Orientale (2.696m), Serodoli (2.708m), Piz Galin (2.442m), Lasteri (2.459m), Castablo (2.619m), Castellaccio (2.535m) e Rovaia (2.517m).
Como en anteriores ocasións pódese facer a viaxe en autobús saíndo o sábado 30 de Xullo, ou en avión desde Vigo saíndo o domingo 31. Máis información no club.
Animádevos a practicar o noso deporte nun Paraíso Natural.
Aberta a inscrición dende hoxe día 19 de abril ata o mércores 11 de maio