No artigo previo adicado á compostaxe1 xa se nomeou a vermicompostaxe como bioproceso de xestión de residuos orgánicos. Agora toca dar explicacións desta preciosa biotecnoloxía, polo menos para min.
Aínda que a palabra vermicompostaxe contén na súa construción o termo compostaxe, en realidade non ten moita semellanza. Nesta ocasión, a evidencia da calor, non serve como testemuña de que o proceso está a suceder, xa que non ten lugar. A vermicompotaxe, neste sentido, é un proceso frío no que a materia orgánica é inxerida por miñocas e atacada polos microorganismos que nela viven, rematando o proceso de dixestión en forma de deposicións, coñecidas comercialmente como humus de miñoca ou vermicompost2.
Na foto de portada vemos restos domésticos de materia orgánica que poden ser valorizados a través da vermicompostaxe.
E sen querer dicilo, xa saíu á palestra o gran protagonista deste proceso. As miñocas de terra e a súa dixestión interna. Estes animais invertebrados terrestres (oligoquetos) son parentes próximos das miñocas de mar (poliquetos) e das samesugas (hirudineos). Viven enterradas en galerías no solo ou baixo a materia orgánica morta das primeiras capas do chan que pisamos. Das máis de 3.500 especies coñecidas non todas teñen unha actividade intensa na descomposición da materia orgánica. Das tres categorías, segundo o perfil do solo onde viven, só as miñocas epixeas (as superficiais) e algunas anécitas (que viven en galerías verticais), teñen por costume dixerir restos orgánicos xunto con terra. As miñocas endóxeas sempre permanecen enterradas, dixerindo máis terra que materia orgánica fresca3.
Como na compostaxe, a investigación científica aínda segue a estudar o procesado4 e as funcións que as miñocas teñen no solo. Tamén existen grupos científicos que estudan outros aspectos destes marabillosos animais, como son as súas estratexias vitais ou as capacidades rexenerativas e inmunolóxicas con implicacións sanitarias.
De novo, o proceso natural no que están implicadas as miñocas, pode ser mediado e participado polo ser humano e deste xeito converterse nunha biotecnoloxía a favor da valorización de residuos orgánicos da mesma entidade que a compostaxe. Recibe así o nome de vermicompostaxe5. E seguindo o guión do artigo da compostaxe, tratarei de dar resposta ás cuestións que máis preocupan ás persoas interesadas neste bioproceso.
Pódese facer vermicompostaxe a nivel doméstico? Rotundamente a resposta é si. Dende logo que si se poden manter cultivos de miñocas dixerindo restos orgánicos no fogar. Ao contrario do que de primeiras pode parecer, cando as miñocas entran en contacto coa materia orgánica, esta deixa de padecer procesos de anaerobiose e, polo tanto, deixa de cheirar “mal”, xa que as miñocas comezan a facer as súas galerías entre os restos, favorecendo a aireación, que xa non temos que facer nós, como sucedía na compostaxe. A vermicompostaxe a nivel doméstico é, baixo o meu criterio, máis satisfactorio que a nivel industrial. Necesita de menos atención pola nosa parte e as miñocas non fan ruído, nin se queixan e traballan moi gustosas.
Foto 2: Lumbricus rubellus fóra das súas galerías no solo.
Valen todas as miñocas? O certo é que as miñocas epixeas son as máis adecuadas xa que de modo natural xa dixiren a materia orgánica máis fresca da natureza, ademais de ter un ciclo de vida, un volume de dixestión e unha capacidade de adaptación a diferentes restos orgánicos máis adecuada ao proceso. De todas elas, destacan dúas especies por encima de todas. Son: a miñoca vermella de California, Eisenia andrei, e a miñoca tigre, Eisenia fetida. Estas dúas especies son as que tradicionalmente se utilizan tanto a nivel industrial como a nivel doméstico nos climas temperados. Outras especies son aínda máis voraces, como a Eudrilus ou a Perionyx, pero son máis delicadas respecto da temperatura e tipo de restos orgánicos que prefiren consumir.
Foto 3: Perionyx excavatus e Eudrilus eugeniae.
Por certo, a miñoca vermella de California non é unha especie americana, senón euroasiática, pero que foi levada deste continente para as primeiras experiencias de vermicompostaxe industrial na península de California nos anos 40 do pasado século6. Ata hai uns anos, a miñoca vermella de California e a miñoca tigre foron consideradas a mesma especie, pero as análises xenéticas permitiron corroborar os ensaios de illamento reprodutivo xa comprobado previamente, propoñéndose como especies diferentes aínda que moi emparentadas filoxeneticamente7,8.
Foto 4: Miñoca vermella de California (Eisenia andrei) e miñoca tigre (Eisenia fetida).
Como se manteñen? As miñocas son seres vivos bastante doados de manter. Necesitan un substrato (ou cama) onde facer as súas galerías, que neste caso será a mesma materia orgánica a reciclar que será tamén o seu alimento. Este substrato debe ser húmido, pero non anegado, como tamén era condición da compostaxe. Elas respiran a través da pel que sempre debe estar húmida, grazas ao substrato e tamén a substancias que elas segregan. E precisamos dun lugar onde colocar algún tipo de contedor, comercialmente coñecidos como vermicomposteiros, que non deixan de ser recipientes onde acumular os restos orgánicos con miñocas que viven no seu interior.
Iremos aportando nova materia orgánica nas capas superiores. É moi normal atopar as miñocas na superficie e pouco enterradas, de modo que irán ascendendo a medida que engadimos a súa comida e deixando nas capas profundas o seus excrementos, que son, ao fin do cabo, o produto valorizado de alto potencial fertilizante que poderemos utilizar para o solo da horta, do xardín, nas macetas, na construción de sementeiros, etc…
Que parámetros debemos controlar? Aínda que as miñocas son “todoterreo” si que é certo que algúns restos orgánicos lles gustan máis ca outros. Así, os restos demasiado ácidos ou alcalinos tardan en seren atacados por elas, como os restos con moito nitróxeno amoniacal (estercos de aves e paxaros). Cando as miñocas detectan algo que as irrita, entérranse máis no seu propio substrato xa dixerido, fuxindo ata que os microbios descompoñedores equilibran estes valores. No caso de que non teñan onde enterrarse, poden morrer, non sen antes tratar de fuxir do recipiente. Polo tanto, deberemos prestar atención ao seu comportamento cando facemos aportes de materia orgánica da que dubidemos ou se se trata do comezo do cultivo, sen ter suficiente material xa dixerido onde protexerse.
O exceso de humidade non lles convén, aínda que o soportan. Notaremos un cheiro a “ovo podre” que delatará a anoxia (moita humidade e pouco osíxeno). Nese caso, un pequeno vertedoiro no fondo do recipiente servirá para recoller o escorrido de auga sobrante. A humidade debe ser superior ao 50%, algo superior á da compostaxe. E debemos ter en conta que algunhas materias orgánicas producirán auga na súa descomposición, favorecendo este parámetro.
Que conseguimos coa vermicompostaxe? Cando unha miñoca dixire materia orgánica o que realmente está a facer é poñer en marcha unha maquinaria biolóxica no seu aparato dixestivo. Alí os procesos de dixestión son acelerados grazas á actividade microbiana. Ao remate do intestino a miñoca excreta pequenos grans escuros sólidos que continúan en actividade ata converterse nun material sólido, húmido, con cor terrosa e escura, cheiro a bosque húmido. Este material coñécese comercialmente como humus de miñoca e está recoñecido como o fertilizante natural máis importante do mundo. Un proceso totalmente natural que pode suceder no noso fogar.
Foto 5: Vermicompost natural no solo.
O vermicompost ou humus de miñoca, igual que o compost, é un produto valorizado dun residuo que contén tanto propiedades físicas, químicas e microbiolóxicas beneficiosas para os cultivos e os seres vivos do solo. De novo, este proceso reduce a cantidade de materia orgánica destinada á incineración, reduce a emisión de gases de efecto invernadoiro, promove un consumo responsable e fomenta valores de reciclaxe e respecto do solo e o medio ambiente. Aporta nutrientes esenciais para os cultivos en formas químicas estables e perdurables no tempo, así como microbiota e sustancias reguladoras da vida vexetal (fitohormonas). Ademais é emenda física que mellora as propiedades agronómicas do solo. Unha actividade de valorización adaptable e moi satisfactoria para os pequenos e non tan pequenos, chea de beneficios9.
Foto 6. Vermicompost final tras todo o proceso de vermicompostaxe doméstico. O seu aspecto, cheiro e cor é semellante ao da terra húmida.
Julio Eiroa Mera, Comité da Vogalía de Medioambiente.
Referencias bibliográficas:
1Enlace ao artigo sobre a compostaxe.
2Aira, M.; Domínguez, J. (2010). Las lombrices de tierra y los microorganismos: desentrañando la caja negra del vermicompostaje. Acta Zool. Mex. 26(2):385-395.
3Domínguez, J.; Edwards, C. A.; Subler, S. (1997) A Comparison of vermicomposting and composting methods to process animal wastes. Biocycle 5, 57-59.
4Elvira, C.; Domínguez, J.; Briones, M. J. (1996) Growth and reproduction of Eisenia andrei and Eisenia fetida (Oligochaeta, Lumbricidae) in different organic residues. Pedobiologia 40, 377-384.
5Domínguez, J.; Edwards, C. A. (2004) Vermicomposting organic wastes: A review. In S.H Shakir and W.Z.A. Mikhaïl (eds) Soil Zoology for Sustainable Development in the 21st century. El Cairo, pp 369-396.
6Villegas-Cornelio, V. M.; Laines Canepa, J. R. (2017) Vermicompostaje: I avances y estrategias en el tratamiento de residuos sólidos orgá En: Revista Mexicana de Ciencias Agrícolas Vol.8 Núm.2 15 de febrero – 31 de marzo 2017, p. 393-406.
7Domínguez, J.; Ferreiro, A; Velando. A (2005) Are Eisenia fetida (Savigny, 1826) and Eisenia andrei Bouché, 1972 (Oligochaeta, Lumbricidae) different biological species? Pedobiologia 49, 81-87.
8M. Pérez-Losada, J. Eiroa, S. Mato, J. Domínguez (2005) Phylogenetic species delimitation of the earthworms Eisenia fetida (Savigny, 1826) and Eisenia andrei Bouché, 1972 (Oligochaeta, Lumbricidae) based on mitochondrial and nuclear DNA genes. Pedobiologia 49, 317-324.
9Manual de vermicompostaje. https://udelar.edu.uy/retema/wp-content/uploads/sites/ 30/2018/09/imvermicompostajeinterior.pdf