Hoxe non imos falar das saídas preparadas, das que xa se deu conta en anteriores circulares. Nesta ocasión imos falar da máis famosa lenda galega ou non tan lenda… A Santa Compaña. Trátase dun tema do folclore galego. O tema das procesións de mortos e/ou ánimas é propio da literatura e das tradicións culturais da Europa occidental dende a Idade Media. A zona xeográfica na que a Santa Compaña influíu máis notoriamente considérase que é o territorio correspondente á antiga Gallaecia, incluído o norte de Portugal e Asturias, xa que esta zona posúe características que a identifican como unha comunidade, reflectidas nos seus contos e na súa literatura e testemuñas do fenómeno.
A Santa Compaña, tamén chamada noutros lugares Estadea, Huéspeda ou Corteju de genti de muerti, é unha procesión de mortos ou ánimas en pena que percorren os camiños dunha parroquia. Esta procesión sae a media noite dos camposantos aldeáns e, ordenada en comitiva formada por dúas fileiras, cruzan carreteiras e camiños, cimas e vales, para anunciar cun ano de antelación, a morte daquel a quen chaman á porta ou en cuxo tellado guindan unha pedra. As visitas acontecen de forma procesional dirixidas por unha persoa viva, provisto de cruz alzada e dun caldeiro cheo de auga bendita. Dise que quen realiza esta “función” non recorda nada durante o día do que aconteceu pola noite, unicamente se poderá recoñecer ás persoas penadas pola súa extrema delgadez e palidez. Cada noite a súa luz será máis intensa e cada día a palidez irá en aumento. Non se lles permite descansar ninguna noite, polo que a súa saúde vaise debilitando ata enfermar e morrer sen que ninguén saiba as causas de tan misterioso mal. Condenado a vagar noite tras noite ata morrer, só consegue liberarse do seu fatal destino se encontra un transeúnte desprevido a quen entregarlle a cruz e o caldeiro antes de que este debuxe un círculo na terra e pronuncie as palabras “de aquí non pasas”.
Quen forma parte da Santa Compaña camiña descalzo, viste sudario con carapucha de cor negra e leva unha luz que non se ve, pero percíbese claramente o cheiro da cera que arde. A procesión vén acompañada dun lixeiro vento precedido dunha fría e densa néboa. Tamén se escoitan uns rezos ou cánticos fúnebres así como o son dunha pequena campá. Ao seu paso cesan os ruídos dos animais do bosque. Os cans oubean a morte e os gatos foxen despavoridos. A todo isto hai que sumar dúas noites clave que incrementan as posibilidades de encontro: San Xoán (do 23 ao 24 de xuño) e Todos os Santos (do 31 de outubro ao 1 de novembro).
E para rematar, se pensades que calquera de nós pode ver a Santa Compaña estades errados… Só uns poucos teñen esta “facultade”: aqueles nenos/as aos que o sacerdote, por erro, bautizou empregando óleo dos defuntos, posúen de adultos a facultade de poder ver a S. Compaña. Os demais, crentes ou non, terán que conformarse con sentila ou intuíla….