Archivos Diarios:16 de marzo de 2023
II Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático – Cidade de Vigo
Como xa sabedes, este ciclo naceu no ano 2022 como iniciativa do noso club co obxectivo de sensibilizar aos socios e socias e o público en xeral na defensa do medio ambiente.
O ano pasado tivemos a sorte de contar con Sebastián Álvaro (aventureiro e escritor), Ricardo Beiras e Emilio Fernández (catedráticos en Ecoloxía pola UVigo) falándonos do misterio do primeiro ascenso ao Everest, da problemática dos plásticos no océano e do actual contexto de cambio climático, respectivamente; o éxito marcouno o público cunha media de 150 participantes durante as tres xornadas. Este ano, o listón non está fácil de acadar aínda que no noso ánimo e no das tres poñentes está conseguilo.
Ademais, durante todo o período de organización puxemos moito empeño en que as poñentes deste IIMMCC fosen tres mulleres. Somos conscientes da falta de referentes femininos, tanto no mundo do deporte de alto rendemento como nos altos cargos en materia de investigación.
Podedes ollar un anticipo do que imos vivir os días 21, 22 e 23 no seguinte video
(123) Ciclo Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático 2023 (IIMMCC) – YouTube
A continuación, describimos como discorrerán as tres xornadas desta edición:
Na primeira xornada, adicada á Montaña, contamos cun gran referente da escalada e do alpinismo a nivel mundial, a deportista catalá Silvia Vidal. As expedicións de Silvia supoñen o encontro puro entre un ser humano e a natureza, sen aditivos tecnolóxicos. Un encontro solitario, libre e natural, íntimo, no que a maxia desta xenial escaladora aflora, demostrando fortaleza física e mental para convivir coa montaña e o seu espazo nos días previos á intrépida aventura. O Himalaya (India), Karakorum (Pakistán), a Isla de Baffin (Canadá), a Cordillera Blanca (Andes, o Perú), a Patagonia (Arxentina e Chile), o Main de Fatma (Mali, África), Turquía ou Tailandia forman parte deses lugares únicos onde Silvia recrea a súa destreza singular que a fai única.
Entre os seus galardóns destacan a Medalla de ouro da Real Orden del Mérito Deportivo en 2022, o Piolet D’Or en 2021, ademais de que o pasado 23 de febreiro Silvia foi nomeada Miembro de Honor de la Sociedad Geográfica Española. Un novo e merecido recoñecemento ás virtudes que reúne esta muller. Coa presentación de “Alaska en solitario” deleitarémonos cos seus grandes valores, tanto humanos coma deportivos.
Para a xornada seguinte, adicada ao Medio Ambiente, abordaremos a problemática dos incendios, facendo especial fincapé no que a nosa terra viviu o último ano. Teremos connosco a Jenifer Souto, enxeñeira forestal pola Universidade de Vigo, membro de ADEGA e experta no estudo dos incendios forestais.
Tras a presentación do corto documental “O Son do Courel”, J. Souto, falaranos do pasado, presente e futuro dos incendios forestais en Galicia. As grandes secas cada vez máis cotiás, as intensas treboadas e a mala organización fan un cóctel máis que adecuado para que as vagas de lume se fagan eco na nosa contorna. A temática require ser abordada con carácter urxente por mor deste contexto de inestabilidade climática no que estamos inmersos.
Na derradeira xornada, falaremos de Cambio Climático con Mª Fernanda Pita, profesora titular xubilada de Xeografía pola Universidade de Sevilla. A investigadora, durante a súa charla “Emergencia climática: Lo estamos haciendo bien?”, porá en entredito a estratexia que estamos a seguir, dende quen toma as decisións ata quen debe ser verdadeiramente o axente de cambio. Un tema que desgraciadamente non pasa de moda.
Agardamos que esta edición sexa de agrado e teña tanto éxito coma a pasada. Contamos co apoio da Concellería de Medio Ambiente do Concello de Vigo, coa UVigo, a través da Oficina de Medio Ambiente e da Área de Benestar, Saúde e Deporte e tamén coa FEDME e a FGM, xunto con outras entidades que seguen a colaborar con nós neste proxecto de difusión medioambiental. Tamén queremos agradecer a Manuel López, Bertrand Delapierre e Emilio Romanos Fotografía pola cesión dos seus vídeos e imaxes.
VÉMONOS NO AUDITORIO MUNICIPAL DO CONCELLO DE VIGO O 21, 22 E 23 ÁS 20:00H. ENTRADA GRATUITA ATA COMPLETAR AFORO.
Cristina Fernández González, vogal de Medio Ambiente