Os residuos compostables son residuos tamén

A partir da entrada en vigor do Real Decreto 293/2018 do 18 de maio, sobre redución do consumo de bolsas de plástico, estendeuse o uso de bolsas compostables e outros materiais de uso único feitos a partir de materiais reciclados ou compostables.

A lei trouxo da man a polémica e coa súa entrada en vigor escoitáronse comentarios de todo tipo relacionados, sobre todo, coas medidas que se viron obrigados a tomar os establecementos comerciais.

 No artigo 4 do Real Decreto 293/2018 establécense as medidas para a redución do consumo de bolsas de plástico. Clasifica as bolsas de plástico en tipos diferentes, segundo o grosor das mesmas, e con cada tipo establécense unha serie de medidas.

Para as bolsas de plástico de grosor igual ou maior a 50 micras (as típicas bolsas tipo camiseta que che dan nunha tenda) prohibe a súa entrega gratuíta, así como establece a obrigatoriedade de que as mesmas conteñan unha porcentaxe superior ao 50% de plástico reciclado, medida establecida no 2020. A norma establece unha excepción no tocante á gratuidade para aquelas bolsas que teñan unha porcentaxe igual ou superior ao 70% de plástico reciclado, debendo estar  acreditado polo fabricante da mesma.

Para bolsas de grosor inferior a 50 micras (bolsas de plástico lixeiras ou moi lixeiras) queda prohibida a distribución nos puntos de venda ou establecimentos comerciais, podendo só entregarse bolsas compostables.

En resumo, o que o Real Decreto vén dicir é que soamente se poderán distribuir as  bolsas de plástico grosas (igual ou superior a 50 micras) cunha porcentaxe de 50 ou 70% de plástico reciclado, cobrando un prezo por bolsa. As que teñan unha porcentaxe superior ao 70% poderán distribuirse de forma gratuíta.


Imaxe 1. Fotografía bolsa tipo camiseta cun 70% de plástico reciclado. Fonte: cedida pola autora.

Así, o RD 293/2018 puxo nas mans dos consumidores un novo tipo de bolsas chamadas compostables sendo moi común atopalas nas seccións de froitería de todo tipo de establecementos comerciais, dende a tenda de barrio ata as grandes superficies comerciais.

Que significa compostable?

Un material compostable é un tipo de material que pode degradarse e modificar as súas características químicas para formar compost a través do proceso da compostaxe. É dicir, desfacerse para converterse nunha substancia nutritiva para as plantas e árbores. O proceso da compostaxe é un proceso que, de funcionar correctamente, xera calor e precisa de humidade e aireación para que os organismos encargados de “desfacer” ese material  poidan traballar a gusto para convertilo en compost. Un material compostable é todo aquel co que se pode facer compost. Entre os residuos máis famosos que se poden compostar destacan os restos orgánicos, tanto de orixe vexetal coma animal; con este tipo de material, abofé que se fai un bó abono para as nosas hortas e leiras!

No tocante ás bolsas compostables que se poden atopar na sección de froitería dos supermercados, ou noutras seccións de produtos a granel, podemos atoparnos cunhas bolsas con etiqueta que pon “OK compost”. Ésta é unha das marcas de bolsas compostables máis comercializadas. Dentro desta marca existen dous tipos máis comúns de etiquetas: as que poñen “Home” ou as que poñen “Industrial”.

Imaxe 2. Detalle da etiqueta  de marca comercial de bolsas compostables. Fonte: cedida pola autora.

As “OK Compost HOME” son bolsas biodegradables e compostables nas que se garantiza a biodegradabilidade completa nas condicións específicas de compostaxe doméstica, seguen a norma EN 17427 para certificar as devanditas condicións.

As “OK Compost INDUSTRIAL” seguen a norma EN 13432 que garatiza que este tipo de bolsas poden compostarse a través da compostaxe industrial en plantas de compostaxe.


Imaxe 3. Fotografías dun composteiro doméstico (esquerda) e dunha planta de compostaxe industrial (dereita). Fonte: cedidas pola autora.

Na teoría, as bolsas compostables compostan e deberían converterse en compost por procesos de compostaxe. A realidade é que non compostan tan ben como as normas EN 17427 ou EN 13432 certifican.Imaxe 4. Pilla de compost procedente dunha planta de compostaxe industrial con bolsas compostables sen descompoñer completamente. Fonte: cedida pola autora.

Na imaxe 4 móstrase unha pilla de compost industrial xa finalizado o proceso de descomposición tras pasar catro meses nun proceso de compostaxe industrial.  Se nos fixamos ben, na imaxe obsérvase que as bolsas compostables non están totalmente degradadas, a pesar de que a norma acredita que deberían estalo.

Os composteiros comunitarios e domésticos de moitos fogares galegos tamén están cheos de bolsas compostables a medio compostar, como se observa na imaxe de abaixo, que non acaban de terminar o proceso e polo tanto non son aptas para ser depositadas no composteiro coma outros residuos orgánicos.

Imaxe 5. Detalle bolsas compostables sen compostar nun composteiro comunitario. Fonte: cedida pola autora.

Entón, onde podemos depositar estas bolsas?

Se no composteiro non compostan ben temos que buscar onde depositalas. Como non se trata dun envase de plástico xa non poden ir ao contedor amarelo, adicado aos residuos de envases plásticos. A única alternativa é depositalos no contedor de “Resto” xunto con outros residuos non recollidos separadamente.

Por outra banda, ademais das bolsas compostables, tamén atopamos no mercado todo tipo de materiais dun só uso de diversa composición que se poden recoller separadamente ou compostar. Os vasos, pratos ou cubertos dun só uso xa non se poden fabricar con plástico 100% dende que en 2022 entrou en vigor a nova lei de residuos prohibindo a fabricación e comercialización deste tipo de materiais. Polo tanto, saíron ao mercado estes novos produtos de substitución. Pero parece que estamos ante o mesmo problema…

Entre outros materias que se utilizan para facer este tipo de materiais destacan os chamados “Plásticos PLA”, Plásticos CPLA ou os polímeros de cana de azúcar. Os PLA e CPLA son “bioplásticos ” elaborados a partir de polímeros derivados por procesos de esterificación do almidón de millo. As diferencias entre o PLA e o CPLA son a cor e a temperatura que poden soportar. O PLA é transparente e soporta temperaturas menores de 40 grados centígrados mentras que o CPLA pode soportar temperaturas superiores, chegando a 85 grados centígrados, e a súa cor pode ser branca ou tinxirse de diversas cores opacas.

O polímero de cana a azúcar é un material similar ao polietileno PET (típico plástico das botellas de auga) xa que se obteñen moléculas de polietileno a partir das fibras vexetais da cana de azúcar. Os bioplásticos  son unha alternativa moi interesante para a redución do uso de plásticos, a cuestión radica en como se utilizan este tipo de materiais e como se poden reciclar.

As vaixelas e cubertería dun só uso elaboradas a partir de bioplásticos poderían compostarse se existise de forma estendida a recollida selectiva de biorresiduos, e, no caso de existir esta xestión, o proceso final fose a compostaxe a nivel industrial. E isto, no sistema actual de residuos, non existe. A maioría de proxectos de xestión selectiva de biorresiduos trata o mesmo a través de compostaxe doméstica ou comunitaria. Nestes dous tipos de xestión a inercia térmica do proceso de compostaxe non garante que este tipo de materiais se descompoñan ata facer compost. A experiencia práctica dinos que un prato de PLA nun composteiro doméstico permanece inalterado durante anos.

Este feito, e de non se non existir sistema de compostaxe industrial no teu municipio, só nos deixa a opción de novo de depositalos no contedor de «resto», indo a parar a un vertedoiro ou a unha planta de incineración de residuos.

Imaxe 6. Fotografía detalle cubertos dun só uso compostables sen compostar nun composteiro comunitario. Fonte: cedida pola autora.

Tanto o Real Decreto 293/2018 sobre as bolsas de plástico, coma o Real Decreto 1055/2022 de envases e residuos de envases ou a nova Lei 7/2022 de Residuos e solos contaminados, foron creadas co obxectivo claro de disminuir os residuos plásticos xerados na cadea de consumo. Os residuos plásticos están asolagando os ecosistemas acuáticos así como son un problema grave na xestión dos mesmos polas dificultades que entraña a súa reciclaxe.

Os residuos de bolsas compostables e materiais de un só uso feitos a partir de bioplásticos teñen grandes dificultades para a súa reciclaxe, ao ter que contar cun proceso de compostaxe moi concreto (a compostaxe industrial) e moi pouco estendido e sustentábel (a compostaxe doméstica ou comunitaria son os tipos de xestión de residuos orgánicos que deixan unha menor pegada de carbono, debido a que os custes de transporte son inexistentes. Reciclaxe quilómetro cero).

A reflexión ten que pasar pola necesidade de substitución dos materiais dun só uso. A lexislación vixente trata de acotar o tipo de materiais de un só uso para reducir a cantidade de plásticos utilizados e fomentar o uso de materiais reutilizables así coma de bioplásticos. Pero o modelo de consumo actual trata simplemente de cambiar un material por outro sen ter en conta que a pregunta que se debe facer é se é realmente necesario consumir a mesma cantidade de materiais dun só uso.

O sistema actual trata a cidadanía como consumidores e non como persoas con capacidade para repensar e responsabilizarse, na súa medida, dos residuos que xeran. O sistema de consumo redirixe a atención fomentando a compra de material “eco-friendly” para calmar as conciencias pero a realidade é que todo, unha vez máis, volve a acabar no contedor de «resto» para ser acumulado nun vertedoiro ou incinerado.

Moitos dos axentes que xestionan os residuos (entidades públicas, empresas, xestores de residuos, etc.)  tamén tratan ao cidadán como persoa que consome elementos que xera residuos. O sistema de mercado baséase en que continúe a consumir en vez de fomentar a prevención de residuos como elemento fundamental nas polítcas medioambientais.

A prevención de residuos segundo se enfoca na lexislación actual é optativa, non existe un elemento que obrigue de forma directa aos axentes de residuos a fomentala de forma clara. Non existe, ou non se executa, un réxime sancionador para que a prevención de residuos sexa o elemento fundamental nas políticas medio ambientais. E como todos sabemos, se non existe unha posible sanción ou non se executa, se non existe unha obrigatoriedade e non existe interese na redución real dos residuos, os residuos non se van reducir.

Existen outras alternativas que poden ser moi interesantes para non utilizar as bolsas compostables ou os materias dun só uso. Para substituír as bolsas compostables pódense ter bolsas reutilizables feitas de rafia ou de tea ou pódense levar tupers reutilizables. Para substituír as vaixelas dun só uso pódese ter un kit de vaixela de picnic reutilizable, ou no caso de eventos multitudinarios, ter unha vaixela para a ocasión e vasos reutlizables.

As persoas somos quen de cambiar con pequenos xestos o panorama da crise ambiental á que nos enfrontamos. A responsabilidade individual pode facerse colectiva se se fala nas rúas e nos fogares de como se pode aportar un pouquiño na xestión de residuos. Por outra banda, a responsabilidade do sector empresarial co medio ambiente ten que mudar de xeito drástico, así como tamén a lexislación en materia de residuos ten que camiñar cara á obrigatoriedade nas normativas medioambientais.

Sara Luque Coto, comité de Medio Ambiente

Bibliografía e referencias empregadas

Real decreto 293/2018, do 18 de maio, sobre redución do consumo de bolsas de plástico e polo que se crea o Rexistro de Produtores. Pódese consultar aquí: https://www.boe.es/eli/es/rd/2018/05/18/293

Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular. Pódese consultar aquí: https://www.boe.es/eli/es/l/2022/04/08/7/con

Real Decreto 1055/2022, do 27 de dicembro, de envases e residuos de envases. Pódese consultar aquí: https://www.boe.es/eli/es/rd/2022/12/27/1055/con

Bio-Fakes. El engaño de los bio-plásticos. Amigos de la Tierra. Junio 2021. Pódese consultar aquí:https://www.tierra.org/wp-content/uploads/2021/06/biofakes-bioplasticos.pdf, https://www.youtube.com/watch?v=RdyvP6RKHik