LEBRES A LONGO PRAZO

O último número da revista Galemys1, editada pola Sociedad Española para la Conservación y Estudio de los Mamíferos (SECEM) publica o estudo de seguimento da lebre ibérica no sur da Dorsal Galega, concretamente nas serras do Suído e do Faro de Avión. Un estudo de moitos anos de recollida de datos da presenza desta especie, catalogada de interese cinexético.

Pode ser que as imaxes que veñan á cabeza sexan as dos documentais de caza onde os galgos as perseguen á carreira. Pero o certo é que a lebre ten representación na península ibérica con tres especies diferentes, sendo a lebre ibérica (Lepus granatensis Rosenhauer, 1856), amosada na foto de portada, a máis abundante e a de maior distribución. En Galiza a lebre ibérica a podemos atopar en altitudes que van dende o nivel do mar ata os 1.200 m; en prados, campos de cultivo e bosques caducifolios ou mixtos. Tamén está presente en páramos con vexetación de matogueira, herbáceas e fentos. E por isto, as serras do sur da Dorsal Galega son unha área xeográfica adecuada para os modelos de favorabilidade ambiental.

Foto 1. Hábitat favorable no sur da Dorsal Galega. Serra do Suído. Fonte: Cedida polo autor.

Ao ser unha especie cinexética, e dicir, que pode ser cazada, o seguimento das poboacións e dos factores que inflúen na súa dinámica fanse imprescindibles. Desta forma se coñece a súa tendencia no tempo e debería garantir a súa conservación e estabilidade da especie e poboacións. Así, en Galiza a súa caza está vedada dende o ano 2008, a excepción dos TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado) societarios nos que exista un proxecto de ordenación cinexético e o seu aproveitamento sexa contemplado como viable2.

Os protagonistas desta publicación son os Axentes Ambientais do Distrito XVII Condado-Paradanta do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente. Eles foron os que no ano 2006 tomaron a decisión incluír, nas súas tarefas  anuais de vixilancia do patrimonio natural, un censo estacional das lebres ibéricas de 3 serras, o Suído, o Faro de Avión e o Montouto-Paradanta, que posteriormente quedou limitada ao Suído e o Faro de Avión por non detectar presenza na terceira das serras. Atención ao dato, son 14 anos de datos ata o momento da análise no 2020, sen que ninguén lles obrigue, por motivación profesional destes Axentes e gardas cun alto compromiso.

Foto 2. Hábitat favorable no sur da Dorsal Galega. Serra do Suído. Fonte: Cedida polo autor.

E como se fai unha estimación da densidade de lebres nunha serra? Pois deseñando un percorrido polos hábitats favorables e contando as lebres que atopas nese percorrido. O deseño é algo mais complexo, xa que o percorrido debe facerse en vehículo e de noite, con focos de luz de moito alcance revisando as veiras dun percorrido que sempre é o mesmo en cada serra. Ademáis, se debe facer en dous días consecutivos e en cada estación do ano. En cada noite de censo tómanse as variables de temperatura, vento, chuvia, e nubosidade. Tamén a distancia de observación das lebres. Foron un total de 1.219 km na serra do Faro de Avión e 1.269 km na serra do Suído.

Foto 3. Xornada de mostraxe. Fonte: Cedida polo autor.

Aquí é onde entramos Gonzalo Mucientes (Biólogo-CSIC), Santiago Barciela (Biólogo),  e eu para recoller todo ese esforzo de traballo e darlle filtrado e sentido analítico. Fixemos uns cálculos da densidade relativa mediante o IKA (índice quilométrico de abundancia) das lebres, coas súas medias e desviacións típicas. Atopamos tendencias diferentes entre ambas serras, con anos moi diferentes. Con oscilación da densidade ao longo do tempo. Tamén recoñecemos que as estacións de verán e outono son as de maior observación de individuos. As densidades son semellantes as referidas na serra veciña do Xurés, entre 0,07 e 0,30 ind/km para o Faro de Avión (x= 0,18 ± 0,06 ind/km), e entre 0,02 e 0,22 ind/km para o Suído (x= 0,07 ± 0,06 ind/km). Nós consideramos que son valores de abundancia críticos e creemos na necesidade de seguir adoptando medidas inmediatas de conservación nestas dúas serras.

Cal é a importancia destes estudos? Son varias as razóns de peso, ademais da difusión científica. Primeiro aporta coñecemento da especie. Segundo, delata a importancia de plans de caza dos respectivos TECOR actualizados, xa que están obrigados a realizar estimacións e cuantificacións das poboacións dos seus territorios (DOGA 2020)2. Terceiro, desvela a responsabilidade das administracións competentes para incentivar e manter este tipo de mostraxes coa axuda de Axentes especializados no medio natural. Cuarto, permite o seguimento continuo da lebre ibérica, medida que posibilita actuacións de mellora do hábitat e a toma de decisións de conservación e de aproveitamento cinexético con maior eficacia e realidade.

E a importancia da lebre ibérica no ecosistema? A lebre ibérica xunto coa lebre de piornal (Lepus castroviejoi) son especies exclusivas da Península. O seu valor é inestimable. Sabendo que son tan «nosas» realmente queremos perder algo que é único? Si desapareceran por unha mala xestión cinéxetica ou por destrución do hábitat favorable contribuiríamos a perda de biodiversidade; o grande mal do século XXI. As lebres son especies base dos ecosistemas e son as primeiras en delatar problemas de conservación nos hábitats que elas ocupan. Neste sentido, resulta importante monitorizar e controlar o seu estatus de conservación, a súa saúde e o seu hábitat.

Quero aproveitar este artigo para destacar que este tipo de traballos semellan simples de concepción pero teñen un potencial terríbel de coñecemento a longo prazo. Esta labor é fundamental. Tedes que saber que o traballo continua no tempo, non rematou no 2020 e seguimos a recoller datos. E quero destacar e recalcar que este traballo foi froito da decisión voluntaria dos Axentes Ambientais do Distrito XVII do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, cos que teño a grande sorte de colaborar e convivir.

Agardo que esta labor se manteña no tempo, que tomen nota os dirixentes e políticos do que se pode facer con motivación e profesionalidade, polo ven do noso patrimonio natural e da sostibilidade dos territorios.

Julio Eiroa, Comité de Medioambiente.

Referencias bibliográficas:

  1. Julio Eiroa, José Manuel F. Prendes, Juan F. Piñeiro, Rafael Costas, Santiago Barciela & Gonzalo Mucientes. (2022). Tendencia poblacional de la liebre ibérica (Lepus granatensis) en el sur de la dorsal galega, España. Galemys, 34. SECEM. Tedes o artigo para a consulta aquí» (https://www.secem.es/wp-content/uploads/2022/10/A01-Eirora-et-al-WEB.pdf)
  2. DOGA 2020. RESOLUCIÓN de 19 de mayo de 2020 por la que se determinan las épocas hábiles de caza, las medidas de control por daños y los regímenes especiales por especies durante la temporada 2020/21.