Bautismo de mergullo-A lista xa está aberta!

Como xa sabedes, temos preparado para o domingo 16 unha saída de mergullo na Ría de Vigo.

O bautismo de mergullo está concibido para calquera persoa apaixonada coa natureza pero que teña curiosidade en saber que se esconde baixo a superficie. Non é necesaria experiencia. Nunha mañá de domingo aprenderemos as técnicas básicas de mergullo autónomo, unhas pinceladas sobre como funciona o equipo e a manternos flotando sen gravidade desfrutando dos fermosos paraxes que nos depara a Ría de Vigo. Desprazarémonos nunha corta singradura ata o punto de mergullo onde tentaremos de atopar unha pequena pradeira de Zostera marina e, con sorte, atoparemos tamén as fermosas criaturas que vedes na imaxe de portada. Os cabaliños de mar pasan desapercibidos moi facilmente, pero teñen o seu mellor refuxio entre as pradeiras de fanerógamas.

Déixovos AQUÍ esta ligazón a un artigo que escribiu Patricia Quintas, colaboradora da vogalía de Medio Ambiente e experta investigadora de cabaliños de mar no IEO-Vigo, sobre estas especies e o seu hábitat. Unha vez realizada a saída de mergullo ampliaremos información e convenceremos a Patricia Quintas para que nos ilustre nunha charla divulgativa sobre estes hábitats tan importantes e pouco protexidos na Ría de Vigo.

Pradeira de fanerógamas mariñas na Ría de Vigo. Ano 2015. Fonte: Cristina Fernández González

O cupo é limitado, hai 10 prazas, polo que recoméndovos que vos apuntedes axiña chamando ao club. A lista péchase o 13 de outubro. Ánimo valientes, vémonos no mar!

Unha aperta,

Cristina Fernández González, vogal de Medio Ambiente