ELECCIÓNS 2022 A PRESIDENTE/A DO CLUB PEÑA TREVINCA

Rematado o proceso electoral, podemos comunicar que temos novo presidente no club, o socio Lois Faro, que asume o cargo con moita ilusión. Agradecémoslle de antemán o traballo desinteresado que vai desenvolver para o club e desexámoslle moita sorte, tanto a el como ao seu equipo, nesta nova andadura.
——————     Ο     ——————    Ο     ——————       Ο       ——————

Como todos sabedes, estamos nun ano electoral tanto na FGM coma no noso club. Pois seguindo o procedemento establecido nos estatutos, o día venres 23 de setembro celebrouse no club a Asemblea Extraordinaria que da inicio ao proceso electoral no que se aprobou o calendario e nomeouse a Xunta Electoral. Contamos coa presenza de 40 socios que puidemos gozar do resumo que Carlos Garrido, a modo de despedida como directivo, fixo dende o 2005 no que comezou como secretario e seguiu anos mais tarde como presidente e, con este acto, da por finalizada esta etapa.
Un agradecemento moi grande ao labor desenvolvido para o club durante todos estes anos tanto a el coma a todos os que lle acompañaron na xunta directiva.
Animámosvos a participar neste proceso electoral.

IMAXES DE UN DÍA EN SÁLVORA

 

Tras as visitas as Cíes (2019) e Ons (2021) tocoulle o turno desta volta  visitar a Illa de Sálvora na impresionante Ría de Arousa.

Cun fermoso día embarcamos os 119 participantes no porto de O Grove e, nunha  agradable travesía coa Curota como testemuña,   en boa parte atravesando os parques de bateas onde se crían os mellores mexilóns do mundo, chegamos a  Sálvora nuns corenta minutos.

Logo da foto de grupo dividímonos en catro grupos para, cada un co seu guía, ir coñecendo todas as particularidades da illa tanto desde o punto de vista da fauna, flora,  histórica e produtiva de froitos  do mar. Moi interesante todo o que tivo que ver coa propiedade da illa e dos seus habitantes e relación estreita de estes co pobo de  Santa Uxía de Ribeira.

Moitos foron os que se deron un baño ao mediodía  na praia antes de embarcar de novo. Neste caso cara o porto de Meloxo. Un pequeno e fermosísimo paseo pasando  pola praia de Lavaxeira  levounos ao museo da Salgadeira de Moreiras.

 

Interesantísima visita a este museo ao que pagará a pena voltar con máis calma dado o importante contido sobre a pesca e a construción de barcos ribeira, motores  e aparellos relacionados coa pesca, a salazón e a conserva neste fermoso lugar das Rías Baixas.

Tanto os que foron, como os que non puideron ir, pode ollar unhas fotografías premendo  AQUÍ

CON NOCTURNIDADE E ALEIVOSÍA-Entrevista a Julio Eiroa

Así se podería definir a actitude predatoria da que foi testemuña o noso asociado Julio Eiroa nas serras do Suído e do Montouto do sur da Dorsal Galega. Os feitos sucederon do modo que Julio nos relatou.

No pasado ano 2021, Julio foi reclamado por Daniel Sabucedo, alumno da Universidade de Vigo, para o seu proxecto fin de máster sobre biodiversidade e hábitats. Precisou de Julio por ser bo coñecedor das serras onde pretendía desenvolver o seu proxecto, pero tamén polas capacitacións en bioloxía, fotografía e montaña que fan de Julio un profesional multidisciplinar e quizais único para estas tarefas de investigación e medio natural.

Parte do traballo de campo consistía nun censo de anfibios en varias turbeiras e tremedais das serras do Suído e Montouto. Estes censos consisten en percorridos nocturnos sobre os humedais en repetidas xornadas, tomando nota do número e especies de anfibios que se atopan. Nunha noite de censo na serra do Montouto, Julio percatouse de que, nunha pequena poza do tremedal, unha larva do escaravello  buceador Dytiscus marginalis estaba ancorado ao rabo dun tritón ibérico adulto (Lissotriton boscai). Podedes observalo na Foto 1.

Foto 1. (a) Larva do Ditisco (6 cm) mordendo na base da cola do tritón iberico Lissotriton boscai (b) Ditisco adulto (3 cm) depredando o tritón ibérico. Fotos de Julio Eiroa.

De primeiras podería pasar desapercibido na nocturnidade, pero o instinto de fotógrafo de Julio espertou e decidiu gravar este encontro violento entre especies. Alí parecía rematar o achado, pero na noite seguinte, desta vez nunha turbeira alta activa da Serra do Suído, volveu presenciar o mesmo acto de depredación. Nesta ocasión o atacante non era larva, senón adulto de Ditisco que atrapaba coas súas mandíbulas a outro tritón ibérico adulto. Como non, Julio non deixou pasar a oportunidade inmortalizando os feitos.

Non é descoñecida a actividade predatoria do Ditisco sobre a fauna acuática que comparte hábitat. Estudos previos deron constancia deste comportamento en condicións controladas de laboratorios en acuarios, pero na literatura científica non se tiña recollido o rexistro audiovisual dos feitos. Era a primeira vez que a comunidade científica podía contemplar o acto predatorio do insecto sobre o anfibio1.

Así, Julio Eiroa e o biólogo Gonzalo Mucientes (https://twitter.com/gmucientes) decidiron enviar un artigo científico dos feitos a revista Entomological Science2, có resultado positivo da súa publicación o ano pasado.

Recentemente, a revista española de divulgación científica Quercus3, no seu último número do mes de setembro, fíxose eco do achado e a publicación científica. E por iso a razón desta entrada no blogue. Para que todos tamén teñades coñecemento.

Como di Julio, non se pode protexer sen coñecer. Esa é a función do investigador que Gonzalo e Julio levan dentro, vailles de serie e nunca se pon de vacacións. Persoas sentintes e concentradas en todo o que lles rodea para ver eses eventos que moitísimas veces pasan desapercibidos e descoñecidos. A importancia deste achado queda na sombra se esquecemos que as turbeiras e humedais son fundamentais e que estes traballos de censo de biodiversidade amosan a grande riqueza que estes ecosistemas de importancia comunitaria manteñen. Pola contra, moi ameazados por proxectos industriais de produción enerxética que veñen como polos sen cabeza, por pasteiros feitos sen criterio e unha política forestal nefasta ou ausente.

Julio lémbranos sempre que falamos con él que a protección dos acuíferos ten que ser prioritaria fronte o actual cambio climático, que é xa unha realidade, polo recurso hídrico e pola perda de biodiversidade que suporía a desaparición destes hábitats. Outro grande mal do século XXI, a perda de biodiversidade.

Neste artigo aparecen unhas fotografías e enlaces de Julio mantén na súa web e nas redes sociais. Podedes consultalas referencias e máis información sobre o achado nos seguntes enlaces:

  1. Vídeos dos feitos. Na web de Julio (natureandphoto.com/biologia) e na conta de You Tube (https://youtu.be/dul68y_X6rs)
  2. Short comunication enEntomological Science (necesaria subscrición) “Field observation of hunting behaviour by larva and adult of diving beetle Dytiscus marginalis Linnaeus, 1758 preying on Lissotriton boscai (Lataste, 1879). Julio Eiroa, Daniel Sabucedo e Gonzalo Mucientes. Se tes interese en ler o artigo completo podes solicitar copia a Julio Eiroa (jeiroa@natureandphoto.es) ou a Gonzalo Mucientes (gmucientes@iim.csic.es)
  3. Revista QUERCUS (necesaria subscrición) https://www.librerialinneo.com/quercus-439.

Vogalía de Medio Ambiente

Memoria II Xornada de erradicación de eucaliptos no Galiñeiro

O sábado 17 de setembro colaboramos con Jose, coordinador da Comunidade de Montes de Vincios, nunha tarefa esencial.

Ás 09:30h xa estabamos todos en marcha, machada e tesoiras en man, preparados para arrasar calqueira indicio de eucalipto que se puxera ante nós. E así foi como, tras una pequena charla sobre os proxectos que a comunidade de montes se trae entre mans, nos lanzamos ao monte.

Polo camiño nos atopamos cunha fermosa escultura, a piques de ser rematada por Marcos, bautizada coma ‘O guerreiro do Gali’ en representación da historia da serra e dos asentamentos primarios que houbo anos atrás. Unha fermosa escultura que vos dará a benvida á serra cada día.

Fomos 20 persoas entusiastas, proactivas, colaboradoras e moi concienciadas coa problemática das especies exóticas invasoras, en concreto co eucalipto e os problemas que deriva nos nosos montes (xa o faláramos aquí). Ademáis, saíron temas a debate moi interesates coma o novo plan forestal da xunta (algo comentado aquí) ou a historia desta e outras árbores prestando especial atención a por qué se introduciron ou cal foi o motivo da suas plantacións.

A verdade que foi unha xornada moi boa na cal Jose e eu mesma quedamos moi agradecidos da vosa colaboración. Anticipamos que este vínculo estase a facer cada vez mais estreito e que haberá unha terceira xornada o ano que ven. Se non queredes esperar non vos preocupedes! Jose está encantado de explicar cómo e onde arrincar eucaliptos, se vos mergullades na súa web ou no seu Facebook podedes atopar información. Ata teñen un proxecto onde se escaneas uns códigos QR infórmante de qué proxecto se está a facer ahí e como podes colaborar nuns metros a redonda, unha idea fascinante.

Non hai II sen III! Grazas a todos!

Fotos de Carlos Garrido.

Cristina Fernández González, vogal de Medio Ambiente.

IMAXES XXXIV MARCHA GALEGA DE VETERANOS

 

O pasado domingo día 11 o noso club organizou esta actividade federativa á cal acudiron 71 participantes de distintos clubs.

Cun fermoso día soleado partimos da vila ourensá de Xunqueira de Ambía. Axiña adentrámonos en mestas carballeiras e a carón do rio Arnoia, onde quedan restos dos antigos pelamios, fomos pasando aldeas como Pousa, onde se atopa a capela da Virxe do Camiño, Vilanova e Vilariño.

Fermosos camiños comunican estas aldeas en tramos do PRG- 194.

Chegaríamos case ao remate ao “Ecoespazo do Rexo” en Allariz, desde onde nos encamiñamos de novo a Xunqueria de Ambía para rematar a ruta de 14 km.

O autobús achegaríanos a un restaurante de Allariz, alí,  cun xantar de confraternidade e uns agasallos, clausuramos e rematamos unha  nova edición desta tradicional marcha.

Podedes ollar unhas fotos premendo AQUÍ

OBRADOIRO DE ESCRITA CREATIVA FEMINISTA «LER PARA ESCRIBIRMOS»

 

 

Imparte:Sara Guerrero

Xoves, do 6 outubro a 1 decembro 2022

  de 18:30 a 20:00

Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo / Concellería de Igualdade
Biblioteca Pública «Juan Compañel» | R/ Joaquín Yañez 6, 2º – 36202 Vigo
Tlf. 986 436 441
Horario: luns e venres de 10:30 a 13:30 – martes a xoves de 16:30 a 20:30

II Xornada de erradicación de Eucalipto na Serra do Galiñeiro (17/09/22)

Como xa avanzamos na circular de Setembro, este sábado ímonos de cazaeucaliptos!

Quedamos ás 09.30h no parque forestal do Monte Galiñeiro con Xose, da comunidade de montes de Vincios, para ir nesta segunda xornada a colaborar cos grandes proxectos desta asociación eliminando eucaliptos e repoboando con frondosas. Será preciso que o que poda leve unha macheta, tesoiras de poda grandes ou calquera ferramenta últil, xa que non temos para todos. O transporte esta vez farase de xeito individual e remataremos cara as 13:15h. A efectos de quorum é preciso chamar ao club antes do xoves para anotarvos (telf. 986420551).

A problemática das especies exóticas invasoras xa a comentamos aquí polo que, centrándonos no eucalipto, imos dar por aquí unhas pinceladas máis de como avanza a nosa particular transición ecolóxica.

Comentado tamén neste artigo sobre o eucalipto de hai un ano, no 2021 iniciouse a elaboración dun novo plan forestal para a nosa comunidade onde se inclúen actuacións entre 2021 e 2040, plan denominado en redes como “Hacia la neutralidad carbónica”.

Este plan ten unha dotación económica de 9400 millóns de euros e entre os seus obxetivos principais destacan os seguintes:

  • Preténdese repoboar de frondosas mais de 425000 hectáreas (ha), a maiores de levar a cabo actuacións de mantemento sobre o 15% restante dos bosques actuais vivos e autóctonos, pero esquecidos.
  • Preténdese aumentala sembra de coníferas de variedades xenéticas escollidas en 20000 ha. Na miña opinión, esto podería ser un intento de transición económica de eucalipto a piñeiro para atender a demanda da industria madereira.
  • E agora sí, preténdese reducir o 5% da superficie actual de eucalipto pero mellorala produtividade destas plantacións alí onde quedan controladas.

No tocante a este último punto, mentres a lei non estea aprobada existe a Lei de recuperación da terra agraria de Galiza, de carácter transitorio, onde xa se regulan as actuacións que teñen que ver coas especies do xénero Eucalyptus.

Nesta lei dictaminouse que ata finais de 2025 só estará permitida a nova planta de exemplares cando se trate de replantar zonas xa adicadas a este tipo de explotación en máis do 50% da súa superficie ou a fín de substituír unha plantación xa existente pero que teña cambio de uso, por exemplo, se cambias eucaliptos por piñeiros podes plantar a mesma superficie de eucalipto noutro lado (¿?).

Aínda que reducir un 5%, ou simplemente seguir plantando noutros casos, non é unha solución o problema, o que sí axuda é a finalidade da última lei mencionada cuxo obxetivo principal é reforestar terreos que tiveran caracter forestal no pasado, pero que quedaran rasos a causa de talas, lunes, plagas ou tralo efecto de axentes meteorolóxicos extremos. Esta recuperación ten como finalidade o uso agrícola, gandeiro ou forestal e no seu contido enmárcanse tamén axudas económicas de carácter social para incentivar o crecemento demográfico nestas áreas abandoadas.

Na elaboración do novo plan forestal de Galiza consta de maneira moi explícita que, ‘co fin de propiciar a maior participación social, serán consultados os propietarios forestais, particulares e montes veciñais, as entidades locais, o sector empresarial e os demais axentes sociais e institucionais interesados’. Coma non sabemos se esto será ou non vinculante, a nosa actuación como cidadáns concienciados coa problemática diríxese a axudar a aqueles que levan anos traballando coa mesma intención: repoboar os montes da nosa contorna con especies autóctonas, xestionalos e coidalos baixo o lema de que unha plantación controlada constitue un maior sumideiro de carbono e dificulta en maior medida a expansión de lumes.

Dende o Club facemos un chamamento a que vos animedes a traballar media xornada do sábado con nós, os beneficiarios non só son os montes senón todos nós.

Vémonos no monte, unha aperta.

Cristina Fernández González, vogal de medio ambiente.

Referencias

Lei de montes https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2012/20120723/AnuncioC3B0-050712-0001_gl.html

Lei de uso agrario de Galicia https://www.boe.es/ccaa/dog/2021/094/g24908-25102.pdf