PRESENTACIÓN LIBRO:  A creación do Club Peña Trevinca (Ricardo Gurriarán)

Venres día 27 ás 20:30 h no Local Social

Excelente oportunidade para coñecer da man de Ricardo Gurriarán a historia de como, cando e  que persoas traballaron na fundación do Club Peña Trevinca alá por 1944 coas circunstancias sociais daqueles momentos. Unha obra que tamén recolle o material gráfico e documental do exposto na Exposición do 75ª Aniversario.

Ricardo Gurriarán, licenciado en Educación Física  pola Universidade Politécnica de Madrid, doutorouse en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, e con dúas ducias de obras publicadas, a última precisamente sobre Florencio Delgado Gurriarán,  homenaxeado o pasado día 17 con motivo da Letras Galegas,  será quen nos presente esta obra súa sobre o nacemento do noso club. Ricardo recibiu, entre outros, o Premio da Crítica Galicia de investigación  en 2007 e o Lois Peña Novo no ano 2015.

Tamén compre lembrar que no pasado 2019, por acordo da Asemblea do club, foi nomeado Socio de Honra do Club Peña Trevinca pero, por mor das circunstancias anómalas e persoais destes dous últimos anos, non puido recibir ata agora a Homenaxe que sí agardamos aconteza neste día da presentación do noso libro.

Tamén recibiran o seu agasallo polos seus 50 e 25 anos de socios no club aquelas persoas que non puideron asistir no mes de marzo a Cea Homenaxe ao Socio e que agora xa nos confirmaron a súa asistencia.

Con este acto, no cal proxectaremos un video histórico realizado  en 2019, teremos todos unha gran ocasión para coñecer os primeiros anos do montañismo en Galicia que deron pe á que persoas cun empuxe e determinación exemplar botaran a andar unha entidade deportiva  que chegou ata o día de hoxe coa forza e ilusión que todos coñecemos. Convidámosvos a que nos acompañedes, e non faltedes a este acto, para coñecer de moi boa man as nosas raíces  montañeiras e sociais.

CONTAMOS CON TODOS VOS.